Á espera de que "as condicións de futuro cambien" quedará o proxecto de papeleira, segundo explicou o seu director, José Manuel Seoane, quen asegurou non haber razóns "económico-sociais nin medioambientais" que xustifiquen o traslado. Ao respecto Fraga, quen asistiu á xuntanza logo da cal se anunciou a renuncia ao proxecto afirmou que "pode que renaza máis adiante" e insistiu en responsabilizar ao alcalde pontevedrés "da perda de empregos".
Segundo Seoane, foi a empresa Georgia Pacific, socio de ENCE para a construcción da papeleira, quen tería decidido renunciar á iniciativa. Seoane matizou tamén as ameazas lanzadas dende a empresa nos últimos tempos sobre o posíbel traslado do proxecto a outro lugar en España ou en Europa, "non hai ningún outro proxecto de construcción agás este de aquí", asegurou.
Dende o PP pontevedrés fan interpretación da situación en clave electoral e din estar seguros de que "os cidadáns tomarán boa nota disto", segundo declaracións do presidente da Deputación, Rafael Louzán. Ao tempo, o PP local aparca a petición para a apertura de negociacións do concello coa empresa e subliña o seu apoio á convocatoria de manifestación a prol de ENCE para o próximo 18 de marzo, promovida polo sindicato CCOO.
Lembrámoslles que o pasado mes de setembro, a comisión de medio ambiente do Congreso aprobou en Madrid unha inciativa do Bloque segundo a cal non se prorrogará a ENCE a concesión dos terreos que ocupa na ría pontevedresa. A iniciativa subliña en todo caso o marco lexislativo que ao respecto establece a propia lei de costas, que pon data no ano 2018 para a fin deste tipo de concesións. Ao respecto, o BNG insistira na necesidade de que o goberno estimulara a apertura de análises co concello e coa empresa, para deseñar o traslado deste complexo industrial.