Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALTERNATIVAS NA MESA PERO...

Porta pechada ao diálogo?

"Ou en Lourizán ou non hai papeleira", advertira Méndez hai tempo. A nova ameaza chega nun momento de avance cara o consenso na vila do Lérez prol da papeleira pero noutra ubicación diferente á proposta pola empresa na ría pontevedresa. "Seica Lourizán era a única alternativa posíbel segundo ENCE pero agora resulta que ameazan con levala a outro lado", ironizara o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sobre a última advertencia chegada dende ENCE, que insinuaba a busca doutra ubicación fóra de Pontevedra.

- 12:58 02/02/2005
Tags:

A postura oficial de ENCE pasa pola ubicación en Lourizán, argumentando que é o único lugar onde queda garantida a viabilidade económica da factoría. Ao respecto baséanse nun informe dunha consultora finlandesa, a mesma que fixou o tipo de producto que debería fabricar, papel tisú. Malia as chamadas ao diálogo dende o goberno local, ENCE negouse a abrir negociacións para o estudio doutras alternativas en polígonos industriais da comarca. Ademais, e malia a ameaza de levar o proxecto a outro lado, non informou da existencia de informe ningún que avale a viabilidade noutra ubicación.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dixo non ter medo de "ameazas" entendendo as advertencias da papeleira coma parte das "armas" de presión para impoñer o seu proxecto e insistiu en que se ENCE ten "vontade" de realmente pechar o ciclo do papel cunha empresa na comarca "hai alternativas posíbeis en calquera polígono industrial da comarca".

Nova chamada a "sentar e negociar"
En rolda de prensa este mércores, Lores dixo querer que se consoliden os postos de traballo que xera ENCE "e incluso que se amplíen" e defendeu que para iso é necesario "sentarnos a falar" para a busca dunha alternativa". Advertiu que o modelo de cidade que o seu goberno defende e que os pontevedreses escolleron nas urnas, "ten un dos seus piares na recuperación da ría, nun ambiente saudábel e no crecemento sustentábel".

Fronte ás insinuacións de que a fábrica iría para algún país do leste de Europa para aproveitar man de obra barata, Lores retrucou que "nós non aspiramos a ser terceiro mundo, a ter postos de traballo de segunda, como algúns sectores da cidade, que apoian este tipo de industrias".

Recén coñecida a decisión de ENCE, o concelleiro de Urbanismo pontevedrés, César Mosquera, afirmara o martes agardar que a empresa "sente nunha mesa de negociación, onde estean todas as partes afectadas para tratar de xeito razoábel o futuro traslado do complexo industrial". Mosquera defendeu a necesidade de "recuperar as marismas de Lourizán" e o apoio a unha pasteira que complete o ciclo produtivo en Galiza. O concelleiro tamén acusou ao presidente da Xunta e ao de ENCE de "tentar brincar por riba de todas as administracións e da propia lei". "É o fracaso dunha estratexia da prepotencia", criticou o concelleiro de urbanismo pontevedrés, César Mosquera, denunciando o proceder de Manuel Fraga e de Xosé Luis Méndez, presidente de Caixa Galicia e da propia ENCE.

Dende o propio PP local subliñouse a necesidade de "sentar, negociar e chegar a un acordo para non perder o emprego industrial que necesita a cidade". O tempo, a voceira popular, Teresa Pedrosa, pediu un estudio que avalíe o impacto económico que tería a perda deste proxecto e da propia fábrica actual.


0/5 (0 votos)