Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LINUX PARA AS ESCOLAS

Manuel Morán: "Unha vez que se pon Linux xa ninguén quere mudar"

De orixe extremeña, Manuel Morán Vaquero é licenciado en enxeñería de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e traballa coma profesor técnico de Formación Profesional no Instituto de Ensino Secundario Chan do Monte, en Mogor, Marín. Argumenta para Vieiros sobre a necesidade de promover o software libre e opina que "o profesorado debería contar coas novas tecnoloxías coma algo inherente ao seu traballo, e non coma algo opcional".

- 13:10 11/01/2005
Tags:

Cal pensas que é a situación do software libre en Galiza?
En xeral, o software libre ten moi baixa implantación nos sistemas particulares (usuario de escritorio). Nembargantes, a nivel de servidores, sobre todo nas Universidades, Linux é unha opción coa que se conta moi habitualmente. Unha vez que se pon Linux, xa ninguén quere mudar: tanta xente non pode estar errada.

E a nivel do sistema educativo en particular?
No ensino en primaria e secundaria, a implantación si que é moi reducida. Nos ciclos de FP de Informática, malia todo, impártese Linux, polo tanto si que está presente.

Que escenario pensas que debuxan os recentes acordos da Xunta con Microsoft?
A Xunta, coma empresa que necesita da informática para funcionar, ten que contratar os seus servizos a diferentes fornecedores fiábeis. Os acordos con Microsoft fan que a Xunta se vexa cativa unha vez máis da tecnoloxía Microsoft: que forme os seus traballadores en Microsoft, que siga pagando polas súas licencias, polo soporte e polo desenvolvemento.

Non se ten por tanto liberdade para cambiar de fornecedor, coma sería lóxico nun libre mercado.

O que se debuxa e por tanto un futuro informático pouco dinámico e dependente dunha empresa que beneficia pouco á economía galega, pois pouco se pode subcontratar ou desenvolver por empresas locais sen que estas teñan que depender á súa vez case ao 100% de sistemas Microsoft, reducindo así as súas marxes.

Por que non se valora o aforro económico que para a administración pode supoñer un cambio de estratexia?
Cando unha empresa (neste caso a Administración) quere contar cuns servizos informáticos, xeralmente gústalle que esa empresa responda e sexa de confianza.

Se cadra por esta razón, baseada no costume, a Administración segue contratando sistemas propietarios e cativos, sen preguntarse polas alternativas.

É, por tanto, en primeiro lugar unha cuestión de hábitos. Ademais, hai un gran descoñecemento sobre o suporte, a fiabilidade, a versatilidade e o aforro que lle achega o software libre a unha Administración ou Empresa. Se se fixesen estudios serios, os datos falarían.

Por outra parte segue existindo un problema que non deixa falar ás leis do mercado libre: segue a usarse na administración moitísimo software sen licencia. Este uso beneficia a Microsoft.

Un exemplo claro témolo no Office: hai moitísimas instalacións sen licencia. Se houbera que pagalas todas, se cadra o Estado e/ou as empresas, cavilaban niso dúas veces. Falaría o mercado.

Novas tecnoloxías nas escolas: cres que o profesorado chega ás aulas en condición de aproveitar este tipo de recursos?
Creo que non se usa todo o que se debera. O profesorado debería contar coas novas tecnoloxías coma algo inherente ao seu traballo, e non coma algo opcional.

Os alumnos deberían coñecer as posibilidades de internet dende a educación primaria, pero non esquezamos que a informática de momento é só unha asignatura optativa. Debería incluírse por tanto o seu contido noutras materias.

Cales son as prioridades e que estratexias pensas que se deberían aplicar?
De facerse un estudio serio de onde se pode aplicar o software libre a curto, medio e longo prazo. A cargo de persoas con visión obxectiva e con experiencia nestes campos.

Hai que comprender que o importante do software libre non é a súa gratuitidade, senón a posibilidade de modificalo e programar sobre el sen ningún tipo de royalties.

As aplicacións que require a Administración merecen unha atención seria e moi especializada, polo que a introducción debe facerse con profesionalidade. En Galiza fórmanse moitos enxeñeiros con amplos coñecementos en software libre, polo que hai capital humano abondo para emprender un proxecto así.

Debe Galiza fixarse no modelo extremeño de promoción de sofware libre?
O caso extremeño é un caso de éxito real: aforráronse moitísimos cartos, o cal permitiu poñer toda unha rede en marcha, e unha gran adquisición de material informático.

Xa que temos un referente de éxito, non só debemos aprender dos seus acertos: senón tamén dos seus erros.

Non se debe pensar que o software libre se admnistra só, senón que hai que ter persoal especializado ao cargo, para que un plan funcione así funcione nos centros de ensino. Asimesmo debe porse todo o esforzo en formar os usuarios nesta nova tecnoloxía.

Por último, introducir o software libre non só lle beneficia economicamente á Administración ou á empresa, senón que crea traballo REAL en Galiza. A programación e o desenvolvemento podería ter sido feito aquí, e non nos EEUU. Europa ten hoxe en día unha gran oportunidade de facer do software libre o seu motor de desenvolvemento tecnolóxico.


5/5 (2 votos)