Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EPÍSTOLA DE GEA ESCOLANO A BONO (2.0)

O bispo de Mondoñedo compara a práctica da homosexualidade co roubo e o asasinato

"Do que se trata non é de condenar a ninguén, senón de afirmar que o pecado non é camiño de salvación; e unha cousa é ter tendencias homosexuais e outra practicar a homosexualidade ou o roubo ou o asasinato, aínda que un teña tendencia a iso". Nunha nova carta aberta ao ministro de Defensa, o bispo de Mondoñedo-Ferrol, insístelle a José Bono que sexa "coherente" coa súa fe cristiá e actúe coma católico "no canto de fachendear coma tal".

- 12:47 23/12/2004
Tags:

"Temos que respectar a todos, o cal non equivale a dar por bo o que un fai. E este é o caso dos homosexuais", afirma Gea Escolano na súa carta. O colectivo homosexual é unha vez máis obxectivo da belixerancia do bispo que responde a unhas declaracións de Bono durante unha entrevista en televisión, onde o ministro criticara a presunta afirmación de Gea de que os homosexuais non entrarían no reino dos ceos. "Isto non o dixen eu", precisa o bispo, "díxoo San Paulo".

"Un ministro que se gabe de ser católico debera defender dentro de seu propio goberno os principios evanxélicos", dille o bispo a Bono, pedíndolle que non apoie a actuación do goberno do que forma parte, que na opinión de Gea Escolano "nin é evanxélica, nin cristiá, nin respectuosa cos grandes valores morais nin cos dereitos humanos fundamentais".

En anterior misiva ao ministro, Gea respondía tamén á afirmación de Bono de que "se hoxe volvese Cristo estaría cos pobres e cos pecadores e non miraría con quen se deita a xente". Daquela, o bispo opinaba que no seu parecer, Cristo "sobre todo, estaría coa verdade. E a verdade do Evanxeo é a que debemos proclamar os cristiáns". Preguntáballa ademais a Bono se quería dicir coa súa afirmación "que lle sería indiferente que cada quen se deitase con quen quixese".


Ligazóns

0/5 (0 votos)