Un total de 3.232 casos foron rexistrados en Galiza deica mediados do 2004, desde que en 1981 se describira oficialmente o primeiro caso a nivel mundial. Dende aquela, o Sergas ten constancia do falecemento de 1.865 persoas, o 58% dos casos rexistrados.
O descenso no número de novos enfermos é continuado dende 1997. Para a consellería de Sanidade foi significativo que desde 1997 "non se teña producido ningún caso de transmisión da enfermidade nai-fillo". No 2002 notificáronse 105 casos e no pasado ano 2003, o número de casos novos foi de 91. A evolución os últimos anos: 355 en 1996, 256 en 1997, 146 en 1998, 145 en 1999, 142 no 2000 e 125 no 2001.
A enfermidade afecta sobre todo ás persoas novas e nunha ratio de 3 homes por cada muller. Segundo o Sergas, o colectivo máis numeroso é o de usuarios de drogas por vía parenteral. A consellería de sanidade vén de presentar o Plan de Acción anti-SIDA para os anos 2003-2006, que se centra nas actuacións "para previr, reducir, ou elimina-lo estigma e a discriminación dos enfermos de Sida e portadores de VIH".
Sanidade advirte que a práctica de compartir material de inxección para a administración de drogas, asociada ao 54% dos casos, ten dimunído nos últimos anos na súa importancia relativa respecto dos casos asociados á prácticas heterosexuais de risco. Pola contra, a transmisión por relacións heterosexuais non protexidas sobe cada ano e xa é detectouse na actualidade qu o 25% entre os homes e un 38% nas mulleres infectadas foron por esta causa. Ademais, o 12% dos casos en homes amosan riscos relacionados con prácticas homo ou bisexuais non protexidas.
Neste sentido, os servizos sanitarios insisten na necesidade de "manter, actualizar e potenciar constantemente todas as medidas preventivas dada a natureza cambiante da epidemia, facéndose primordial a promoción da proba de detección de anticorpos anti-VIH entre as persoas con prácticas de risco e a realización desta mesma proba a todas as mulleres embarazadas".