Nos primeiros catro anos desta década os aumentos salariais negociados nos convenios colectivos foron lixeiramente inferiores ao IPC. Os aumentos dos salarios dos funcionarios, pensións, subsidios de paro, etc. tamén viñeron aumentando moi por debaixo do IPC. Xavier Vence analiza neste artigo as causas que contribúen á perda da capacidade adqusitiva dos fogores, en gran medida relacionadas coa propia configuración do IPC.
Hai diversas razóns adicionais que contribúen á perda de capacidade adquisitiva dos fogares, que teñen que ver coa propia definición e configuración do IPC e co feito de que se tome o IPC xeral como referencia básica na negociaciación colectiva.
O IPC pode servir para medir a evolución dos prezos dunha parte importante dos bens e servizos consumidos pero non de todos, deixando fóra unha parte relevante dos bens e servizos consumidos ou utilizados polas familias, que determinan unha parte das súas condicións de vida (en particular a vivenda, servizos públicos, etc). O exemplo máis claro e relevante é a compra de vivenda: se o prezo da vivenda se dispara isto non ten ningunha repercusión directa no IPC.
IPC e vivenda
O IPC, tal como está definido actualmente en España, incorpora os pagamentos por alugueiro pero non incorpora o gasto en compra de vivenda porque o considera un investimento e non un gasto (o que é moi cuestionable, porque cando menos ten unha dobre natureza) e, como consecuencia diso, o aumento espectacular do prezo das vivendas non se recolle no IPC (cousa que si ocorre dun xeito ou doutro en boa parte dos países da UE, entre eles Alemaña, Holanda, Reino Unido, Suecia...).
O problema non sería grave se a maioría da poboación vivise de alugueiro pero ocorre xustamente que en Galicia só vive de alugueiro o 10 por cento dos fogares. Polo tanto, esa exclusión do gasto en compra de vivenda afecta ao 85-90 por cento das familias, provocando unha infravaloración do gasto medio en vivenda. A segunda dimensión do problema é que iso ten consecuencias máis graves para as familias de rendas máis baixas:
a) porque destinan a vivenda unha proporción moi superior dos seus ingresos e representa unha parte moi superior dos seus gastos. De feito, segundo a ECPF de 2002 os fogares con ingresos inferiores a 500 Euros dedicaban a vivenda o 45,5 por cento dos seus gastos; os comprendidos entre 500 e 1000 dedicaban o 36,8 por cento; ...e, en cambio, os diferentes grupos que estaban por enriba dos 1000 dedican cantidades que oscilan entre o 28,6 e o 32,1 por cento dos seus gastos totais.
b) Porque o aumento do prezo da vivenda en Galiza foi espectacular desde o ano 1996 (un 56 por cento en sete anos, a un ritmo do 8-10 por cento anual nos últimos tres anos, segundo os dados do Ministerio de Fomento), mesmo sendo moi inferior ao do conxunto do Estado. O certo é que, ao non tomalo en conta no IPC, prodúcese un abismo entre o IPC oficial e os prezos "realmente vividos", o que perciben máis intensamente aquelas familias para as que o gasto en vivenda representa unha proporción maior.
c) A combinación dos dous puntos anteriores fai que a repercusión do aumento do custo da vivenda sexa moi importante para as familias de baixos ingresos ao longo de todos estes anos, incrementando moito o que deben destinar a vivenda e reducindo a proporción que lles queda dispoñíbel para os demais capítulos de gasto. De feito, segundo a Enquisa Continua de Presupostos Familiares, o peso relativo do gasto en vivenda aumentou como media en máis de dous puntos porcentuais desde 1997 a 2002: pasando dun 29,4 por cento a un 31,7 por cento. No caso dos fogares de baixo nivel de ingreso, esas porcentaxes son máis altas e aumentaron máis intensamente: para o grupo máis pobre pasou de 41,7 por cento a 45,5 por cento.
En conclusión, a vivenda é un custe moi importante para todas as familias pero especialmente para as familias máis pobres, de xeito que o aumento espectacular do prezo da vivenda nestes últimos anos afectoulles de xeito dramático nos seus gastos, coa peculiaridade de que ese aumento non é recollido polo o IPC e, en consecuencia, non se tivo en conta na negociación dos salarios que tomaron o IPC como referencia. Neste sentido, pode dicirse que a negociación dos salarios en base ao IPC xeral penaliza a todos os asalariados pero dun xeito moi especial aos que perciben salarios máis baixos.
A inxustiza social do IPC
Outro aspecto moi relevante deriva do feito de que o IPC xeral calculase para unha estrutura de consumo "media" pero o certo é que a composición do consumo é moi diferente en función do nivel de ingreso das familias. As familias máis modestas destinan a maior parte do seu gasto a alimentación, bebidas e vivenda (65-70 por cento). En cambio, para as familias máis ricas, aínda consumindo máis de todo, eses capítulos teñen un peso relativo inferior e téñeno maior os gastos en ocio, cultura, hoteis, restaurantes, mobiliario, etc.
Pois ben, os aumentos máis espectaculares dos prezos no periodo 2001-2004 danse nalgúns productos de alimentación, alugueiro de vivenda e transporte, que teñen unha grande importancia na "cesta" do consumo das familias modestas. Fronte a un aumento medio de 10,4 por cento do IPC no conxunto de España destacan os fortísimos aumentos do pan (20,3 por cento), carne de vacún (14,9 por cento), aceites e graxas (39,0 por cento), ovos (24,1 por cento), froita fresca (29,7 por cento), legumes e hortalizas (30,0 por cento), patacas e preparados (39,6 por cento), prendas de vestir de muller (19,1 por cento), calzado de muller (21,3 por cento), prendas de vestir de nenos (21,7 por cento), calzado de neno (16,7 por cento), calzado de home (15,1 por cento), vivendas en alugueiro (12,8 por cento), transporte público urbano (16,4 por cento), transporte público interurbano (14,8 por cento), servizos para o fogar (15,0 por cento), turismo e hostelería (13,3 por cento), Educación primaria (11,1 por cento), secundaria (12 por cento) e universitaria (14,6 por cento)".
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº90, novembro 2004)