O conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro, defendeu esta mañá no pleno do parlamento a estratexia da Xunta contra os incendios forestais e propuxo un Plan de Activación Forestal con 50 medidas para erradicalos. Tanto o BNG como o PSOE criticaron a intervención do conselleiro. Rosa Darriba, do BNG, e Miguel Cortizo, do PSdeG, insistiron en que a Xunta é incapaz que atallar os 12.000 lumes no monte que se producen cada ano en Galiza e que a presentación destas 50 medidas é "o recoñecemento dun fracaso".
Segundo recolle Europa Press, Barreiro "convidou" a nacionalistas e socialistas a consensuar o Plan de Activación Forestal baixo o principio de "tolerancia cero" cos incendiarios. Así, propuxo extraer o problema dos incendios do debate político e "apostar polo diálogo para conseguir un pacto polo medio ambiente". O conselleiro recriminou á oposición por utilizar este problema para "desgastar" ao goberno e facer "un uso partidista dunha desgraza común".
O grupo parlamentario do BNG manifestou a súa disposición ao diálogo, pero non lle dá creto á petición do conselleiro "mentres non poña data e hora de creación desta comisión". Tamén o PSdeG aceptou o diálogo, aínda que advertiu que "a maior parte das medidas xa foran propostas polos socialistas no parlamento e votadas en contra polo PP".