Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DOS ECOLOXISTAS

Marea negra en agosto

Carnota, a praia do Vilar, en Corrubedo, e areais da ría de Pontevedra recibiron fuel nos últimos días, segundo denuncia pública da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. Operarios de Tragsa recolleron o chapapote que na opinión de Adega procedería dun "sentinazo" realizado por algún buque en tránsito fronte a costa galega.

- 06:11 23/08/2004
Tags:

"Identificou o Ministerio de Fomento a orixe deste verquido? Está sendo investigado algún buque? Pasarán os responsábeis a disposición xudicial? Di o ‘Plan Galicia’ algo ao respecto destes sucesos? Ónde está o plan de Continxencia por Contaminación Mariña anunciado pola Xunta? Artellou a Consellería de Medio Ambiente un plan de recollida de aves mariñas ou directamente déixaas ao seu libre albedrío? Estanse a aplicar as propostas da Comisión MARE sobre Seguridade Marítima do Parlamento Europeo? Hai algún plan de investigación dos efectos ecolóxico deste tipo de verquidos?". Non aforran preguntas á administración os ecoloxistas, que teñen insistido na gravidade destes sucesos, que pola súa continuidade supoñen anualmente unha agresión aínda maior aos mares do planeta que catástrofes puntuais coma a protagonizada polo Prestige.

Ás portas do segundo aniversario da marea negra do Prestige, Adega advirte que malia as promesas das administracións "a costa galega segue completamente desprotexida e a opinión pública completamente desinformada". Avisan que a chegada constante de hidrocarburos á costa galega afecta "de xeito moi negativo ao ecosistema mariño, a súa fauna e flora, tal e como se pon de manifesto en multitude de publicacións científicas que raramente saltan á opinión pública".


0/5 (0 votos)