Varios activistas do colectivo cultural Burla Negra accederon ao tellado da catedral de Santiago de Compostela e despregaron unha pancarta de denuncia da política do goberno galego en materia de incendios. O grupo quere denunciar con esta acción a culpabilidade do goberno diante da traxedia dos lumes en Galiza.
A pancarta dicía "Galiza arde. Goberno galego culpábel" e despregárona unha ducia de persoas entre actores e actrices, escritores e músicos e persoas do movemento ecoloxista galego (Víctor Mosqueira, Mónica García, Sechu Sende, Elvira Souto, Avelino González...).
Ao mesmo tempo, unha concentración de varios centos de persoas na praza de Praterías apoiaba a acción desde abaixo. Repartíronse varios centos de bolsiñas con terra queimada dos montes de Galiza baixo o lema Xachoqueimo 2004, e o comunicado que a Burla Negra fixo público. A acción forma parte dunha campaña que baixo o lema Alerta Laranxa! pretende apelar á conciencia cívica cidadá para denunciar tanto a política medioambiental do goberno galego como a manipulación da información coa que se tenta minimizar as dimensións reais da lacra incendiaria.
Para a Burla Negra, "a catástrofe do Prestige e a vaga de incendios que nas últimas semanas asola Galiza teñen algo en común: os mesmos gobernantes que no seu día negaron a existencia da marea negra son os mesmos que hoxe manipulan as estatísticas da superficie queimada sen ser capaces de nos explicar por que todos eses recursos non deteñen o avance do lume".
Dende a Burla Negra engaden nun comunicado que a política forestal da Xunta é "un absoluto fracaso", e que o lume responde a un conxunto de problemas que van "dende a nefasta política de ordenación territorial ata as prácticas caciquís na organización dos recursos de prevención".