Galiza, Castela-A Mancha e Estremadura son as comunidades con menor custo no acceso á vivenda para a xuventude. Malia todo a taxa de emancipación é menor entre os mozos galegos que nos destas dúas comunidades. Algunhas diferencias: a taxa de precariedade laboral entre a mocidade é menor para estremeños e manchegos. Ademais, Galiza ten, xunto con Extremadura e Andalucía, as máis altas taxas de paro entre os novos.
Os datos do Observatorio Xove da Vivenda do Consello da Xuventude referidos ao último trimestre do ano 2003 amosan que en Galiza é teoricamente máis accesíbel o acceso dos mozos a unha vivenda en canto á porcentaxe do soldo que deberían destinarlle.
Malia iso, a comunidade galega aparece nos últimos postos en canto a número de mozos emancipados e só 29 de cada cen deixaron o fogar de seus pais. O Observatorio subliña neste punto que as deificultades para emanciparse dos mozos galegos teñen orixe no mercado laboral: a taxa de paro entre os novos é a terceira máis alta do Estado, e á vez, entre os que conseguen un traballo, a taxa de temporalidade está tamén moi por riba da media. Ao respecto, o informe do Consello da Xuventude apunta que aínda cando no último trimestre se reduciu o número de contratos temporais, tamén diminuiu a ocupación e a contratación indefinida e o paro entre os mozos galegos aumentou un 7,8% nese período.