Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS DESIGUALDADES DE RENDA E SALARIOS: TENDENCIAS RECENTES

Os salarios galegos cada vez máis lonxe de converxer coa UE

A partir da análise dos datos do Panel de Fogares da UE, as autoras deste relatorio conclúen que se detecta un desprazamento dos salarios percibidos polos traballadores galegos cara a situarse por baixo da media do Estado. De feito, o ano 1994, o salario anual neto dos traballadores galegos era o 75,82% da media comunitaria, no 2001 supoñen o 64,39%. Aínda máis: se no ano 1994 o 45% dos asalariados percibían salarios superiores a media do estado, no ano 2001 esa porcentaxe baixara ao 28%. Unha análise das profesoras Ánxela Troitiño, Xulia Guntín e Carmela Sánchez.

- 15:42 22/06/2004
Tags:

O Panel de Fogares da UE constitúe unha potente base de datos estatística deseñada para pór ao servizo da Comisión Europea un instrumento que lle permita coñecer os niveis de vida e as condicións do mercado de traballo coa finalidade de aplicar políticas activas neste senso. No relativo ao Estado Español, o panel achega información ao nivel rexional NUTS1, polo que a unidade xeográfica máis pequena sobre a que podemos concluír resultados que fagan referencia á nosa comunidade é a rexión do Noroeste, constituida por Galicia, Asturias e Cantabria.

Da análise que estamos a realizar podemos achegar algúns resultados provisionais na comparación co conxunto do Estado e da UE (15). Segundo a renda dispoñible equivalente en paridades no ano 2001, o poder de compra dos fogares da rexión do Noroeste é un 15% inferior ao do conxunto dos fogares españois, un 26% inferior ao do conxunto da UE (15) e un 37% inferior ao da Comunidade de Madrid, se ben a comparación rexional debe tomarse con certa precaución debido a que a homoxeneización a través de paridades só se realizou ao nivel de países e non de rexións.

Esta desvantaxe é aínda máis grave se temos en conta que no periodo analizado (1994-2001) non se evidencia unha converxencia cara a media española e europea, máis ben parece observarse un distanciamento alomenos en relación á rexión española máis desenvolvida (Madrid), polo que, de confirmarse esta tendencia, a brecha podería estar agrandándose. Tal comportamento enmárcase nun proceso de incremento das desigualdades interrexionais dentro do Estado Español, feito que contrasta co que está a ocorrer para o conxunto das rexións da UE (15) para as que a desigualdade interrexional da renda dispoñible mantense ou cae suavemente entre 1995 a 2001.

O nivel medio de renda dispoñible constitúe un indicador de grande interese para calquera sociedade, sen embargo, o benestar que proporciona non depende só do seu tamaño senón tamén de cómo de igual ou desigual sexa a distribución. Analizando a desigualdade observamos que a rexión do Noroeste atópase entre as máis igualitarias do conxunto español, con niveis algo inferiores ós da UE (15) é bastante inferiores ós do conxunto español. Ademáis se nos fixamos no extremo inferior da distribución, definindo a liña de pobreza relativa como o 50% da renda media española, a nosa porcentaxe de pobres sería dun 19%, algo superior á do conxunto español (18%). Aínda máis, se considerasemos a UE como a sociedade de referencia, isto é, definindo unha liña de pobreza común para o conxunto da UE (15), o Noroeste ten unha porcentaxe de pobres do 25%, algo inferior á española (26%), moi superior á do conxunto da UE (17%) e moi inferior á doutras rexións menos desenvolvidas do Estado(as rexións Sur, Centro e Canarias con niveis de pobreza entre o 37% e o 42%).

O panel ofrece tamén datos a nivel individual que nos permite obter información relativa á principal fonte de renda dos individuos así como ao comportamento dos soldos e salarios percibidos polos traballadores. Para a correcta interpretación da información convén indicar que os datos a nivel individual corresponden á poboación de 16 anos ou máis, e por outra parte a información do salario é a resposta que dan os propios traballadores.

Sobre a primeira cuestión un dato significativo resulta da comparación co conxunto do Estado Español. Se no ano 1994 a porcentaxe de poboación na rexión do Noroeste con principal fonte de renda a derivada do traballo era do 33,8%, fronte ao 39,8% do conxunto do Estado, sete anos despois increméntase a porcentaxe ao 40,2% consolidándose a diferencia respecto ao conxunto do estado, que acada unha porcentaxe do 46.2%. Estas cifras están, en ambos casos, lonxe da cifra europea, 53%. Neste mesmo período obsérvase un crecemento na porcentaxe de poboación que vive fundamentalmente das pensións, esperábel dado o envellecemento da poboación, e que resulta máis acusado na rexión Noroeste. As cifras para o ano 2001 son: 24% no Noroeste, 17% no Estado Español e 21,6% na UE. A rexión do Noroeste está a cabeza neste aspecto. No extremo inferior se situaría Madrid con tan só o 12,6% da súa poboación vivindo principalmente das pensións.

En relación ao salario medio anual neto dos traballadores a tempo completo, observamos que a situación da rexión Noroeste empeora. Se no 94 supoñían o 75,82% da media comunitaria, no 2001 supoñen o 64,39%, comportamento similar ao do conxunto do estado, que pasan do 86,91% da media europea ao 76,94 no 2001. Convén indicar que a caída é máis acentuada no caso das traballadoras.

Se a comparación a realizamos respecto á media española e ás outras rexións no ano 94 o salario medio supoñía o 87,24% da media española, sendo unha das catro rexións que se atopan por debaixo da media, e no ano 2001 manténse en valores algo superiores ao 83% da media española, só por riba de Canarias. En resume, España sempre está por debaixo da media europea, e a rexión Noroeste sempre por debaixo da media española, e as diferencias lonxe de diminuir se acentúan.

Unha tendencia que se observa neste periodo é un desplazamento dos salarios na rexión do Noroeste cara os tramos inferiores ao 100% do salario medio do conxunto do estado. É dicer, se no ano 1994 o 45% dos asalariados percibían salarios superiores a media do estado, no ano 2001 esa porcentaxe baixara ao 28%. Se aceptaramos que os salarios reflicten o nivel de cualificación dos traballadores, esta evolución negativa indicaría que un movemento cara a actividades que non requiren traballadores altamente cualificados. Non obstante tamén cabería intepretar estos resultados como consecuencia da precarización do mercado laboral, e o aumento na diferencial de salarios respecto as rexións españolas máis desenvolvidas.

Autoras: Anxela Troitiño Cobas, Xulia Guntín, Carmela Sánchez. Profesoras de Estatística, Econometría e Economía Aplicada da USC.

Resumo da ponencia presentada no Seminario "IPC, IVA e Prezo da vivenda: o devalo das rendas baixas", organizado pola Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos e celebrado o 17 de xuño en Compostela.


0/5 (0 votos)