Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA SOBE UN 9% NO ÚLTIMO ANO

Dispárase o prezo da vivenda

Aínda sendo a evolución dos prezos máis lenta na nosa comunidade ca no resto do Estado, onde a suba media chegou ao 16,94%, o forte aumento, moi por riba da suba media do IPC, castiga especialmente os galegos á hora de mercar vivenda. As cifras achegan ao 40% do total do soldo a cantidade que os galegos deben dedicarlle a este apartado.

- 10:58 29/04/2004
Tags:

Cun custo medio de 841 euros por metro cadrado nos tres primeiros meses do 2003, o prezo da vivenda en Galicia supón ata un 13,6% por enriba das cifras nas que se movía un anoantes, segundo datos da Asociación Hipotecaria Española, que veñen a subliñar os problemas para o acceso a vivenda na nosa comunidade.

Galiza, défice de accesibilidade
O plan de actuacións sobre vivenda presentado o pasado verán polo conselleiro Alberto Núñez Feijoo "é o mesmo de hai dous anos, pendente de execución e aparecendo e desaparecendo en función das necesidades mediáticas do conselleiro de Política Territorial". Eran acusacións do voceiro de infraestructuras do PSdeG, Ismael rego, quen pedía un plan acorde coas necesidades de Galiza e denunciou que a Xunta só construíse 7.200 vivendas públicas en doce anos, "unha media de menos de 500 por ano". Segundo a proposta socialista, sería posible a construcción de 25 mil vivendas públicas para a venda ou aluguer nun prazo de só catro anos e a creación dun parque público de 10 mil vivendas en réxime de alugueiro. Na mesma iniciativa parlamentaria solicitan usar a capacidade normativa do IRPF para facilitar o acceso a mozos e familias de renda baixa.

Ademais de caras, baleiras
Un total de de 215.000 vivendas sen habitar do total de tres millóns que habería en todo o Estado, atópanse en Galiza, cifra que nos convirte na segunda comunidade con maior número de vivendas baleiras. A situación denunciabaa a finais de ano o senador lugués do PSOE Luis A. Lago, quen tamén avisou do incremento anual nos últimos cinco anos dos prezos da vivenda por riba do 10%, máis do dobre da media europea, cunha suba acumulada en Galicia de preto do 50%. Nese sentido, o senador lembroaba as advertencias de Banco de España e Consello Económico sobre o endebedamento ao que se ven sometidas as familias, tendo que adicar ata a metade dos ingresos ao pago da vivenda. Ademais, criticou que a porcentaxe de vivendas oficiais se teña reducida a unha quinta parte do total dende a chegada do PP ao goberno central.

Sen ideas claras no escenario
Ao fío lembrámoslles que durante a pasada campaña electoral asociacións de consumidores criticaron a pouca atención das formacións políticas nos seus programas a esta situación, denunciando a escaseza de ideas e as febles propostas. A nivel estatal, a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros facía unha análise dos programas dos principais partidos no apartado de vivenda. A conlusión: escasas propostas dos candidatos para frear a suba de prezos. Xa que logo, un dereito básico que os partidos non solucionan nas súas propostas electorais.

Lembraba a asociación que a compra de vivenda é un dos problemas básicos referidos nas sondaxes polos cidadáns e subliñan que se duplicou en só sete anos o prezo medio dunha vivenda, máis aínda, no 2001 a especulación disparou as cifras un 46% facendo que un traballador deba adicarlle o equivalente a máis de seis anos o seu soldo bruto á compra dunha vivenda. Neste sentido hai moita expectación por ver as propostas que poida poñer na mesa o novo executivo, que de momento quixo explicitar a súa preocupación polo asunto coa creación específica do Ministerio de Vivenda.


0/5 (0 votos)