Por Concepción Alvarez Pousa e Xosé-Henrique Costas González
Está a piques de saír do prelo esta antoloxía destinada ós escolares coa fin de fornecer de textos galegos ás escolas da comarca do Bierzo Occidental, nas que o galego xa ten unha mínima presencia. Así mesmo, quere servir para divulgar un tesouro literario pouco coñecido entre os bercianos e os interesados, en xeral, na literatura galega, por iso non se desbotou a idea de facer unha edición crítica. A xeito de adianto extráctase aquí parte do limiar. Concepción Alvarez Pousa estudia cuarto de Filoloxía Galega e Xosé-Henrique Costas González, especialista nas falas galegas do exterior, é profesor na Universidade de Vigo.
O galego tamén é a lingua natural e autóctona do occidente da comarca leonesa do Bierzo. Nalgúns concellos da vertente leonesa dos Ancares fálase unha variedade de tipo ancarés, mentres que no resto do Bierzo occidental galegofalante a variedade usada é de tipo oriental-central. As dúas variedades pertencen ó bloque de falas orientais do galego, que comprende o occidente de Asturias, o Bierzo Occidental e As Portelas de Zamora, fóra da Galicia administrativa, e as comarcas orientais das provincias de Lugo e Ourense, dentro da Galicia administrativa.
O igual que na Galicia administrativa e noutras zonas de Europa con lingua propia diferente da lingua estatal, no século XIX tivo lugar no Bierzo Occidental un rexurdimento do cultivo literario da lingua galega, postrada e marxinalizada durante varios séculos por circunstancias políticas. Deste xeito, desde mediados do XIX coñecemos manifestacións literarias escritas en lingua galega por autores bercianos publicadas en revistas e diarios bercianos e leoneses.
De 1860 son os poemas publicados en El Esla de León: "Recuerdo a Puentedeume en dialecto berciano", do vilafranquino Isidoro Andrés Ovalle, e "O fiandón da aldea", do cacabelense de adopción Antonio Fernández e Morales. De 1861 é o ignorado poemario deste último autor titulado Ensayos poéticos en dialecto berciano, un groso volume de 6.000 versos en galego publicado dous anos antes dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
Fernández e Morales comezar a compoñer poesía en galego xa desde 1847, aguilloado polo seu amigo o frenólogo e filólogo catalán Mariano Cubí i Soler, pero non foi ata 1861 que publicou os seus poemas "en dialecto berciano".
De 1961 é a publicación do libro titulado Os namoros, do vilafranquino Ramón González-Alegre e Bálgoma. Tomamos como referencia estas dúas datas, a de 1860 por apareceren os primeiros poemas en galego do Bierzo, e a de 1960 por cadrar así unha data redonda, un século, e non incluír poemas do libro de González-Alegre. A obra poética en galego deste último autor sería merecente urxentemente dunha edición completa que abranguería, ademais do máis de medio cento de pezas contidas no libro devandito, dúas ducias de poemas máis esparexidos por diversos catálogos, escolmas e revistas. Con todo, nesta Escolma que agora presentamos non podemos obviar en absoluto a contribución de González-Alegre e incluímos algúns poemas que foi publicando "aquí e acolá" polos anos cincuenta do século pasado.
Establecidos os lindeiros cronolóxicos, un século de poesía galega do Bierzo, acordamos incluír na presente Escolma os únicos poemas que coñecemos de Isidoro Andrés Ovalle, José Bálgoma Suárez e Francisco de Llano e Ovalle. Destes autores nada puidemos escolmar, só incluímos "todo" o que polo de agora lles coñecemos en lingua galega (véxase J.A. Balboa de Paz (1996): "Liberales y progresistas en la literatura berciana del siglo XIX", en Estudios Bercianos, núm. 22).
De Antonio Fernández e Morales incluímos só tres poemas completos: "A meu bon amigo D. Mariano Cubí i Soler", "A Ponferrada" e "A Dios", os seus chamados poemas "nobres", pois a maioría dos outros poemas son excesivamente longos (300, 500, 800 versos). Destes poemas "longos" extractamos algúns fragmentos que nos semellaron representativos. De Ramón González-Alegre incluímos apenas cinco poemas, dous deles asinados co seudónimo de Fernando Burbia Valcarce, publicados na revista Alba e na Escolma de poesía galega contemporánea IV de 1955, selección e edición a cargo de Francisco Fernández del Riego.
[
] Para rematar, e tal foi a nosa intención, agardamos modestamente que esta Escolma contribúa á incipiente recuperación da lingua galega no Bierzo como patrimonio lingüístico e cultural irrenunciable dos bercianos e dos galegos. Non se pode valorar e amar o que non se coñece. Agora os bercianos e os galegos podemos comprobar como, en paralelo coa reivindicación literaria (e lingüística) do rexurdimento galego, tamén no Bierzo tiña lugar este fenómeno de dignificación e exaltación da lingua galega. Sentimos emoción e orgullo.
Por último, quixeramos agradecerlle e dedicarlle a dúas persoas a saída deste pequeno volume: a Alberte Gómez Bautista, ponferradino do colectivo de defensa da lingua "Fala Ceibe", a quen lle escoitamos falar por vez primeira de Fernández Morales en maio do ano pasado en Ponferrada, nos actos do Día das Letras Galegas no Bierzo. A José Antonio Balboa de Paz, historiador de Cacabelos e membro do Instituto de Estudios Bercianos, e a Santiago Castelao Diñeiro por tódalas informacións e facilidades que nos deron para o coñecemento dos "outros" poetas bercianos en galego.
E ó igual que facía sempre Ramón González-Alegre, sobre todo "a os galegofalantes do Bierzo", por conservaren a lingua nunhas condicións máis duras aínda ca na propia Galicia administrativa.
Como Uxío, camiñaremos un día todos xuntos de San Pedro de Devesas a Compostela...
Ed. de Concepción Alvarez Pousa e Xosé-Henrique Costas González
Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860-1960).
Vigo: Dept. de Filoloxía Galega, Universidade de Vigo / Positivas, 2002.
Aínda sen ISBN
Distribúe Edicións Positivas.