Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN PERCORRIDO POLO MÁIS PINTORESCO DE AMÉRICA E EUROPA

Os blogueiros galegos curan a endogamia viaxando

Tense dito que a blogosfera galega é endogámica. Para combater esta doenza, un dos mellores remedios é viaxar, e canto máis lonxe, mellor. Algúns dos blogueiros máis cosmopolitas contan na rede as súas aventuras polo mundo adiante, provocando a admiración e, por que non dicilo, envexa dos lectores, tal e como se reflicte nos comentarios. Os seus blogs permítennos coñecer realidades afastadas da nosa dende un punto de vista autenticamente galego.

- 10:45 30/11/2006
Tags:

Na escolma do máis salientábel dos últimos días atopamos a OLucas, un macedán que está a estudar nos Estados Unidos e que no seu blog Perturbación aleatoria (en Texas) nos conta as súas vivencias nun dos estados máis pintorescos de Norteamérica. Recentemente estivo de viaxe por Florida, onde visitou os Estudios Universal, aproveitando as vacacións de Acción de Grazas.

No mesmo continente, pero case na outra punta, Raul Marinho estivo de viaxe por Chile. O seu percorrido polo país durante o mes de novembro relátase detalladamente no seu blog, onde se poden ver tamén fotos espectaculares. Como conta na súa última entrada, nestes momentos debe de estar de viaxe de volta a outro Santiago, o de Compostela.

A vida dun bolseiro en Portoviejo, Ecuador, é o argumento de Nen frío nen calor, unha bitácora inaugurada en setembro que nos permite coñecer como é a vida no país sudamericano. O 14 de novembro fálanos do problema que ten co lixo a comunidade Agua Blanca. Tamén ten unha Cara b fotográfica na que se amosa o lado máis sorprendente da vida ecuatoriana, especialmente os carteis e pintadas nas rúas.

Volvendo a Europa, Caninhas escribe no seu recén inaugurado blog Vidas verticais sobre a súa recente viaxe a Finlandia e as diferenzas que pode atopar calquera turista que desexe facer unha visita ao país. A bastantes quilómetros de distancia, aínda que por latitudes semellantes, Cesare, en As túas balas, narra o día a día da súa vida en Escocia. Estes días subiu ao Sheriffmuir, un monte cunha paisaxe e fauna extraordinarias.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: