Volver a vieiros

Onde sempre é bosque

Step inside

Para entrar no bosque hai que aceptar tres condicións. As árbores son metódicas, resisten en pé, sen alinear, ao mellor sol do día. Moven suavemente os rumores como os pasillos despois dunha dimisión.

Hai un monte sen adornos, algunhas mostras de abandono, un camiño sen alternativas e unha cancela que civiliza o conxunto. É unha tarde de verán lenta e pesada. Todo dorme menos os grilos. Cantan desde dentro descoñecendo os chamados de serea pero mantendo o seu poder hipnótico. Intentan recolocar ritmicamente un mundo en axitación. Parou diante da cancela. Leva pantalóns curtos e botas vellas. Chegou rodeando o peche da finca e atravesando un camiño de mimosas revellas. Parou pero a cancela non ten candado nin pasador. Detívose por pura educación disciplinaria, cuestión simbólica. A cancela supérao de alto. Foi construída sen habilidade dez anos atrás e a ferruxe xa atacou con paciencia as bisagras que descansan contra un uso esaxerado dos perpiaños. O rapaz aguanta na porta para intuír. Asexa mentres xoga sobre as rodeiras que deixou hai moito tempo un tractor grande. Pesan sobre el algunhas prohibicións indiscriminadas, a timidez natural dos calados e o empuxe da fuxida. Pesa a conciencia de que todo o mundo dorme pero el escolleu a rebeldía da vixilia. Nos paseíños polo umbral pesan as advertencias, os castigos chegados e os por chegar, a voz da motoserra que se fai notar ao lonxe na sentenciada carballeira e esa ameaza constante con estar preparado para o día que o porvir –que palabra- estea de corpo presente. Pero os grilos cantan.

Para entrar no bosque hai que aceptar tres condicións. A indiferenza é unha das virtudes das árbores. Non lamentan a mala fama que lle apuxo o medo infantil, nin a ambición transformadora da industria cultural. Son indiferentes e quizais por iso caen. Son indiferentes e por iso resisten.

Tras a cancela parece outro mundo. A harmonía que promete non lle vale ao rapaz para casar a monodia dos grilos cunha canción que escoitou. Dálle voltas á melodía pero desborda ao ritmo. Asubía, mira dentro e vai distraendo o tempo da súa indecisión contando os ferros da cancela. Oito en cada folla. Oito ovellas mortas por dentes de lobos ou cans silvestres que lembra dunha mañá de inverno cando o seu pai explicou os perigos das noites pechas. Mira dentro. Os carballos repousan sobre as curvas do terreo.

Para entrar ao bosque hai que aceptar tres condicións. As árbores non saben que fan bosque. Por iso non se queixan da responsabilidade de cargar coas lendas, nin co imaxinario colectivo, nin coa memoria persoal. Toda esa carga esvárelles de arriba a abaixo como calquera outra cousa natural. Sen embargo a cultura di que cando un bosque se transforma en xente e avanza os ditadores caen envoltos no seu propio lume.

Cando empurra a cancela un ruído espanta aos paxaros da sesta. Pouco uso. O bater de ás calma, os grilos calan e remite a intranquilidade de tanto rebumbio. A porta desaparece como quen levanta as fronteiras pero o rapaz permanece da banda de fóra. Ignora os engados da promesa mentres comproba como cada parte do bosque está no seu lugar. Resístese a abandonar a terra de ninguén, parado onde ninguén se pararía. Resiste como os teixos porque a primeira condición para entrar no bosque é someterse.

Foto de Camilo Franco

Camilo Franco

Naceu na cidade de Ourense en 1963. Compaxina o seu traballo de xornalista coa literatura. A súa obra narrativa confírmao como unha voz potente dentro da nosa literatura actual: “A lúa no cénit e outros textos” (1988); “En malos pasos” (1995); “Por conto alleo” (2003) e o seu último libro “Palabras contadas” (2006), onde demostra a súa mestría cos microrrelatos. A súa biografía non autorizada está en Vieiros.

Galería

Foto do monte Teixadal Foto do monte Teixadal Foto do monte Teixadal Foto do monte Teixadal

Localización

Mapa de localizacións

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:




Este espazo esta patrocinado por:
Consellaria de Cultura e Deporte Consellaria do Medio rural