Vieiros

Vieiros de meu Perfil


ACORDO DE ÚLTIMA HORA ENTRE TODAS AS FORZAS POLÍTICAS

O novo decreto garante para o vindeiro curso o 50% das materias en galego

Logo de meses de intensos debates, os tres partidos políticos con representación parlamentaria chegaron a un acordo para a galeguización do ensino non universitario. Segundo puido saber Vieiros, o consenso foi posíbel nas últimas horas. O decreto, que recolle de entrada o aconsellado no Plan de Normalización aprobado en 2004, estará xa vixente no vindeiro curso. Educación garante que, polo menos, a metade das materias van ser impartidas na lingua do país e que progresivamente esta porcentaxe tenda a incrementarse. Os propios centros valorarán a posibilidade de aumentar este número mínimo de materias.

Redacción - 21:58 01/03/2007
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, logrou o apoio do BNG e do PPdeG para sacar adiante o novo decreto do galego no ensino non universitario. A nova normativa substituirá a que está vixente na actualidade e que data de 1995. Se ata agora o mínimo espazo estipulado para a lingua do país era a dun terzo das materias, agora garántese, como mínimo, o 50%.

O acordo foi difícil debido ás fortes diverxencias iniciais do modelo a seguir. As diferenzas incluso estiveron a piques de impedir que houbese novo decreto no vindeiro curso. Fontes consultadas por Vieiros sinalan que a nova normativa pode estar publicada xa o vindeiro mes de marzo. Logo comezará un intenso traballo para a súa difusión entre a comunidade educativa.

Porén, a principal novidade é que todos os partidos recoñeceron nas conversas que nin sequera se cumpriron os mínimos do anterior decreto. Por iso, esta nova normativa fará un seguimento especial para lograr que os mínimos do novo decreto se cumpran en todos os centros educativos.

O modelo lingüístico actual é o menos ambicioso de todo o Estado

Modelos lingüísticos en Euskadi e Cataluña
En Euskadi aplícanse tres modelos de ensino (A,B,C). No primeiro deles todas as materias se imparten en castelán agás a de euskera. No segundo contémplase unha fórmula mixta onde os dous idiomas oficiais teñen a mesma presenza. Por último o modelo C garante unha educación con todas as aulas en euskera agás a materia obrigada de castelán. O goberno vasco aplica os modelos tendo en conta a vontade dos pais e titores e mais a situación sociolingüística da bisbarra onde está o centro. Na actualidade, Educación estuda un novo modelo que dea novos pasos na normalización do euskera. Unha das medidas que se avalía é a de eliminar progresivamente o modelo A e manter o B e o C.

Cataluña é un exemplo na normalización do idioma propio no ensino non universitario. Dende a década dos 80 só existe un modelo para a educación pública obrigatorio: Todas as materias se imparten en catalán agás as de lingua castelán e estranxeira.

Os casos de Navarra e Valencia
Navarra ten un sistema moi semellante ao de Euskadi. A única diferenza é que tamén existe un cuarto modelo no que todas as materias se imparten en castelán. Este último modelo é maioritario na zona non vascófona da comunidade foral. Porén, esta comunidade gobernada pola UPN (formación ligada ao PP) ten medidas concretas para o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Así, a partir do vindeiro curso, o goberno navarro vai sufragar ikastolas en zonas nas que xa non se fala euskera dende hai séculos. Para isto, destinará até 2010 máis de dez millóns de euros.

En Valencia distínguense as zonas nas que predominan o catalán das que o fai o castelán. Porén, a lei de 1983 sinala que no 75% dos municipios a lingua máis usada é o catalán. Na zona onde predomina este último, os centros teñen que escoller entre dous modelos, segundo o seu dominio da lingua propia. Aínda así, a lingua base é sempre o catalán. Nas zonas onde o castelán é predominante emprégase un sistema moi semellante ao que agora mesmo está en vigor en Galiza.

Baleares, un sistema avanzado aprobado polo PP
Nas Illas Baleares aprobouse en 1997, durante o primeiro mandato de Jaume Matas (PP), un decreto para a normalización do catalán. Nun dos artigos da norma especifícase que o catalán é a "lingua vehicular" do ensino non universitario. Durante a educación obrigatoria, establécese que, como mínimo, o 50% das materias teñen que ser impartidas en catalán. Na actualidade teñen como lingua vehicular (todo en catalán, agás a lingua e literatura castelán) preto dun 45% dos centros de infantil; máis dun 66% dos de primaria; e case un 49% no caso dos de secundaria. No resto dos centros públicos está xa garantida a presenza do catalán na metade das materias.

Novas relacionadas

A última proposta de Educación 'esquece' a aprendizaxe da lectoescrita en galego

As negociacións para o novo decreto de galeguización do ensino non universitario non atravesan os seus mellores momentos. A Consellería de Educación...

Educación propón que a porcentaxe de materias en galego oscile entre o 56 e o 68%

A Consellaría de Educación pretende que entre o 56 e o 68% das materias do ensino non universitario se impartan de xeito obrigado na lingua do país. O...


A volta

A Xunta aprobou en 1995 un decreto para potenciar o uso do galego no ensino non universitario. Na normativa contemplábase que arredor dun terzo das materias tiñan que ser impartidas obrigatoriamente no idioma autóctono.

A volta

Para a Educación Infantil estipulábase que se debía utilizar a lingua materna predominante especificando que se atenderá de "xeito individualizado" o alumnado que utilice a outra lingua cooficial.

A volta

En 2004, o Parlamento aprobou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Neste documento recoñécese explicitamente que se está a incumprir os mínimos do decreto do 95.

4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: