Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Vigo: á procura do tempo perdido

O fracaso do goberno PSdeG-BNG levou a Corina Porro á alcaldía viguesa. O bipartito da Xunta aboca ao PSdeG e ao BNG á formación dun goberno municipal compartido que a sondaxes sinalan tan factíbel como difícil de xestionar.

Manuel M. Barreiro - 10:00 25/05/2007
A memoria de Vigo é máis xornalística que histórica, por iso pesan máis os episodios da última folga do metal que o balance da última maioría absoluta que gobernou a cidade. Estaba presidida por un alcalde do Partido Popular, Manuel Pérez, que contaba nas súas filas coa actual alcaldesa, Corina Porro, que exercía daquela como concelleira de Benestar Social. O PPdeG logrou a alcaldía con 15 concelleiros e o 46% dos votos. Ninguén quere rememorar os logros da «maioría natural» conservadora: unha goberno nun estado cataléptico que só era abandonado cando arreciaban as desavinzas fraticidas entre as distintas familias do PPdeG. Un exercicio de quero e non podo que non fracasou por falta de apoio popular senón por carencia de proxecto de cidade e por falta de responsabilidade política.

Partido Popular: resistir é avanzar
As enquisas máis favorábeis (e confiábeis) dánlle ao PPdeG ao redor do 40% dos votos. Nos últimos vinte anos, o mínimo histórico dos populares vigueses foi o 33% dos votos (en 2003 con Porro como cartel electoral). Ao longo do seu mandato Corina Porro, expresión da dereita de «cara amábel», gastou en políticas efectistas pero non eficaces. Aínda así mellorou o seu posicionamento electoral e agora esgota argumentos para arrepañar unha maioría absoluta, ou unha maioría relativa que se resolva vitoriosa co apoio do Partido Galeguista Sotista.

Máis que a súa xestión, o PPdeG vendeu vitimismo e as fraquezas (reais ou imaxinadas) das accións do goberno central e a Xunta de Galicia respecto de Vigo. Voceiro dun goberno sitiado, que non é quen de concertar os seus proxectos con ningún dos centros de poder relevante da cidade (Porto de Vigo, Zona Franca, Universidade...) ou de fóra (ministerios, consellarías...), o PPdeG practica unha estratexia de resistencia numantina e explota no se favor as debilidades dos seus competidores. A súa fortaleza repousa tamén nun estado de opinión cidadán que é favorábel á elección dun goberno de limitadas capacidades pero estábel, máis que partidario dun goberno potencialmente máis eficaz pero sometido a turbulencias institucionais pola falta de concorcia entre os seus socios.

Situacións paradoxais
O test de eficacia e credibilidade ao que debe estar sometido todo goberno, en Vigo non se lle aplica a equipo de Coriña Porro senón á oposición: quen ten que ofrecer credibilidade é a coalición de goberno que non puido ser en 2003 e que a debera ser a alternativa a partir do 27-M.

Este é un dos moitos paradoxos que ofrece o escenario electoral de Vigo. Pero hai máis: se finalmente repunta electoralmente, o PG de Soto, candidatura que se ofrece como opción de ruptura fronte aos de «antes» (PPdeG) e aos de «agora» (PSdeG-BNG), pode ser determinante na formación dunha maioría que o será a prol do continuísmo no goberno do PPdeG. Un tripartito PSdeG-BNG-PG resulta para a maioría dos vigueses unha posibilidade dificilmente imaxinábel.

O terceiro paradoxo tócalle ao candidato do PSdeG, Abel Caballero. O seu gran aval é a súa presumíbel capacidade relacional: o seu bo entendemento coa Xunta, co Goberno central, coa todopoderosa Zona Franca e, como non, coa institución portuaria que dirixe e sobre a que construíu propagandisticamente a súa proxección pública.

Dúas pexas. Unha, o Porto de Vigo foi sempre a institución menos colaborativa co goberno de Vigo, gobernase quen gobernase, fose o PSdeG, o BNG ou o PPdeG. Segunda pexa, a súa falta de química co BNG é evidente e isto alenta a pantasma de Ventura Pérez Mariño. Para esclarecer as cousas, Abel Caballero declarou que a el «non lle repugna pactar» co BNG, cando debería dicir que está disposto e mesmo encantado de poder ofrecer un goberno plural cun programa de acción sólido e ben pactado.

O cuarto paradoxo incúmbenlle ao nacionalismo. Santiago Domínguez, repescado para a política local, achega unha imaxe accesíbel e dialogante e logrou compor unha lista de inequívoco carimbo renovador. A candidatura renovada do BNG ofrécese como sinal de que se pasou páxina e de que se aprenderon as leccións da crise de goberno de 2003. Rescatando o bo da súa experiencia no goberno municipal (1999-2003) quérese mirar cara ao futuro e facer posíbel un goberno galeguista e progresista na principal cidade do país e, no que lle toca, emendar o tempo de graza no goberno que usufructuou a dereita.

Malia todo, o grande obstáculo que impediu a gobernanza co PSdeG en 2003 segue aí: falta un plan e modelo urbanístico consensuábel cos socialistas vigueses. Domínguez renovou o discurso municipal do BNG en Vigo, agás no referido ao Plan Xeral de Ordenación Urbana, onde a fidelidade ao modelo xestionado desde 1999 polo nacionalista Xabier Toba non é posto en cuestión. Domínguez é proclive ao pacto coa candidatura socialista, pero haberá que ver como pode sortear a esa diferenza substancial, a mesma que abriu a fenda que crebou o goberno compartido co PSOE en 2003.

Cara á cuarta coalición?
Confíase na tradición progresista e galeguista de Vigo para cimentar unha nova oportunidade de goberno, sabida de erros e sabedora de que a consolidación do cambio político en Galiza depende en grande medida da cidade atlántica do sur. Sería a cuarta coalición sostida por nacionalistas e socialistas desde a fin do sotismo en 1991.

O primeiro acordo gobernamental, subscrito polo PSdeG, polo PSG-EG e polo BNG en 1991, serviu de catarse dos excesos autoritarios da maioría sotista, pero o debilitamento do PSOE na recta final do felipismo, o devalo electoral do PSG-Esquerda Galega e o ascenso do Partido Popular da man da súa poposta de centrismo reformista impediron a súa continuidade.

En 1999 Vigo elixiu por maioría absoluta ao Partido Popular e outorgou a alcaldía a Manuel Pérez porque quería un goberno monocor e forte. O PPdeG pagoulle cun goberno fracturado e sen capacidade de iniciativa ningunha nun tempo en que outras grandes cidades galegas como A Coruña e Santiago resolvían os seus grandes problemas infraestruturais e definían a súa misión no tramado urbano e socieconómico de Galiza.

A segunda coalición (1999-2003), que levou á alcaldía ao nacionalista Lois Pérez Castrillo, non se deu consolidado no marco dunha cooperación de alcance limitado. Carlos Príncipe, investido como segundo do goberno, fixouse como obxectivo evitar a consfirmación cidadá de Castrillo como alcalde e os seus esforzos dirixíronse antes que nada a inverter o sorpasso electoral que fixera do PSdeG a terceira forza política viguesa.

Foron catro anos nos que primaron estratexias de cooperación-competencia entre as dúas forzas gobernantes. Os esforzos de Príncipe non lle reportaron ningún beneficio persoal ao ser destronado como cartel electoral por Ventura Pérez Mariño pero debilitaron o liderato de Pérez Castrillo e emparcederon os importantes logros acadados na definición de proxectos estratéxicos para a cidade e a Mancomunidade de Vigo.

A terceira coalición fracasou estrepitosamente. Pérez Mariño soubo beneficiarse da súa imaxe de político-cidadán, non enzoufado polas liortas municipais, e gañoulle a posición ao BNG. Asinar o pacto foi máis doado que xestionalo. Mirando no modelo de Orozco e sobre todo de Francisco Vázquez, Ventura Pérez Mariño quixo impor a supremacia decisional do alcalde. Fracasou. E fracasou o BNG que pagou un elevado prezo por manter a fidelidade ao seu modelo urbanístico e, sobre todo, por tentar evitar a súa subalternización dentro do goberno.

Ao longo da campaña electoral, a proposta da cuarta coalición non se deu visualizado con solvencia. É unha opción resignada para Abel Caballero que se comporta como xestor dunha maioría absoluta (de alcance imposíbel) e unha posibilidade preocupante para o BNG por cousa da desconfianza que hai na organización frontista respecto do talante de Caballero e máis que nada pola fonda discrepancia que existe respecto do Plan Xeral de Ordenación Urbana. A campaña non serviu para evidenciar grandes dotes transaccionais, nin permitiu achegar posicións, tampouco ofreceu un futuro horizonte de acordos de goberno sólidos e sustentábeis. Esta debilidade é a que fai forte a Coriña Porro.

Son moitos os que simplifiquen e queran facer ver que hai que elixir entre dúas políticas, unha monocromona, non moi ineficaz, pero aparentemente estábel e a posibilidade dunha nova coalición PSdeG-BNG, adoecida de credibilidade, que ten que a un tempo emendar un fracaso ben próximo, ilusionar e definir colaborativamente un proxecto de goberno para unha cidade demasiado acostumada a funcionar sobre a solidez da súa sociedade civil e a fraqueza das súas institucións. Os lemas partidarios están invertidos. En Vigo o PPdeG pode ofrecer que fará máis a próxima vez. O PSdeG pode reclamar confianza como clave de futuro. E o BNG terá que invertir tamén o sentido do seu lema, desde o país deberá multiplicar os seus esforzos renovadores para facer un novo Vigo.

Novas relacionadas


A volta

Ao longo do seu mandato Corina Porro, expresión da dereita de «cara amábel», gastou en políticas efectistas pero non eficaces. Máis que a súa xestión, o PPdeG vendeu vitimismo e as fraquezas (reais ou imaxinadas) das accións do goberno central e a Xunta de Galicia respecto de Vigo.

A volta

Santiago Domínguez, repescado para a política local, achega unha imaxe accesíbel e dialogante e logrou compor unha lista de inequívoco carimbo renovador. A candidatura renovada do BNG ofrécese como sinal de que se pasou páxina e de que se aprenderon as leccións da crise de goberno de 2003.

A volta

O Porto de Vigo foi sempre a institución menos colaborativa co goberno de Vigo, gobernase quen gobernase, fose o PSdeG, o BNG ou o PPdeG. A falta de química de Abel Caballero co BNG é evidente e isto alenta a pantasma de Ventura Pérez Mariño.

3,67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Reparto de asentos en 2003
Reparto de asentos en 2003