Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Henrique del Bosque

Separación, segregación...apartheid

09:41 21/05/2009

Remata unha multitudinaria mostra de dignidade do pobo galego e o españolismo reaccionario gobernante oferta a segregación lingüística. É unha provocación ou é unha mostra de ignorancia que os impulsa a reaccionar improvisando?

De constituir unha provocación estannos a dicir que non somos un pobo; que os que habitamos esta terra non temos unha lingua e cultura comúns; que podemos ser afastados en ghettos educativos porque non hai nada que nos vencelle. De ser así é unha ofensa, unha bulra, unha agresión. Pretender que a lingua supoña un elemento de afastamento entre nós, pretender que nos eduquemos arredados coma se fósemos dúas comunidades alleas, amosa esa fasquía xenófoba dos grupos de extrema dereita que odian e desprezan todo o que non vai acompasado co himno español. Somos un pobo recoñézao ou non a Lei, que por certo si o recoñece, e temos a obriga de aprender en condicións de igualdade así coma de ser competentes na nosa lingua… e tamén noutras. Considerar que as xeracións poden ser educadas nun itinerario diferenzado consonte o uso idiomático supón criar unha fenda social, cuxa única finalidade só pode albiscarse nun futuro de desnacionalización e perda de identidade común. E dame tanto que os electores do galego fosen a meirande parte e os españófilos a minoría; non renuncio a que os habitantes dun país se escolaricen na súa lingua. En que parte do mundo teño capacidade para escoller? En España? Este modelo de convivencia que predican é un modelo de apartheid, de fractura, de desintegración. Hai medios e mecanismos para que os que se incorporan ao noso sistema educativo desde fóra dispoñan da posibilidade de ir acadando paseniñamente os obxectivos educativos, de respectar ritmos de aprendizaxe diferentes cara unha integración plena e cordial (palabra da que tanto gostan); isto é o sensato e o democrático. Mais propoñer espazos diferenzados para unha comunidade como a galega na que o único conflito lingüístico téñeno os xenófobos requintados é inaceptábel. Se foi por unha perrencha que pouca elegancia! Cando a inquisición española fala de liberdade hai que tremer.

De ser unha mostra de ignorancia por mor da improvisación é moi preocupante que xurda dos responsábeis da Administración educativa. Xa cansa lembrar que existe unha Lei de Normalización Lingüística que no seu artigo 13.3 estabelece que os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Só con carácter excepcional e por razóns pedagóxicas, como poden ser as dificultades específicas de aprendizaxe ou a necesidade dunha atención especializada, permitiríase a separación en aulas diferentes. A cuestión non é de se hai recursos económicos ou non para semellante medida, a cuestión é que esta alternativa está proscrita por Lei. Dou en pensar que deberían saber que o principio de xerarquía normativa impide que unha norma de rango inferior vulnere o estabelecido noutra de rango superior. Ningún Decreto que agrome nesa Consellería pode alterar o modelo actual de convivencia lingüística a non ser que o Parlamento aprobe unha nova Lei. De certo que cando o señor Presidente  da Xunta, nunha oufanía ocorrente, anunciara agasallar ao ensino cunha circular que vulneraba abertamente un Decreto en vigor, e que os grupúsculos de extrema dereita aplaudiron a rabexar, máis de un quedamos pampos. Recuou de contado. Ou sexa, que xa non sei! Que sentido teñen estas apostas imposíbeis no marco legal actual? Mudar a Lei e ir familiarizándonos con esta posibilidade? Dubidoo.

O que si están a pedir e que esteamos á espreita, sen tregua. Con esta xeira de viradas, cómo teñen a ousadía de reclamar cen días de marxe ou un arrefriamento do debate? Para continuar o símil de termodinámica política creo que quen está a quentar son eles. Cómpre unha unidade histórica arredor da nosa lingua; precisamos acadar o  máis amplo espectro posíbel de individuos e colectivos para que calquera acción sexa un éxito de participación e presión social. É a ocasión para afondar no que nos une e incorporar a aqueles sectores mais reticentes coa cuestión nacional. O noso pobo arrisca moito con este goberno.

4,97/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



henrique del bosque

Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais.  “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »



Anteriores...