Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta a Don Pedro Arias Veira

13:40 11/05/2009

Señor Arias Veira: Permítame que sexa para vostede a miña primeira carta desta época que comeza e na que, dáme a alma, vou ter cumprido traballo epistolar. Vai a seu nome, pero vai dirixida a calquera dos novos e vellos parlamentarios do Parlamento Galego que agora estrea lexislatura.

Vén a cousa a conto de que vostede di no Xornal de Galicia do 6 de maio pasado, que falará no Parlamento na lingua que lle “salga”, e entendo que se refire a falar en castelán cando lle pete. Si, xa sei que invoca vostede o dereito á liberdade para facelo así, pero a min lémbrame máis ben a actitude dos adolescentes que no seu instituto aducen o dereito á liberdade individual, ese “yo voy como me da la gana”, cando alguén os advirte da inconveniencia de se presentaren na clase, poño por caso, en traxe de baño. Adoitan dicir que os profes van como lles sae de onde sexa e el tamén, esquecendo que hai profesores que como máis a gustiño están e en pixama e pantuflas e máis non van así dar as súas clases.

Sabe vostede de sobra que non todos os lugares son iguais, non nos comportamos nunha catedral cristiá ou nunha mesquita, por máis ateos que sexamos, de xeito que ofenda aos crentes da fe que alí os convoca. Sabemos que hai normas coas que manifestamos o noso respecto polo lugar no que nos atopamos por máis que non estean escritas e por máis que forcen un chisco a nosa liberdade. Son normas que temos interiorizadas de vello. Vostede, que foi abandeirado do dereito a estar na praia marrancho de todo, ben recoñecerá a inconveniencia de se presentar espido no Parlamento, por máis que poida invocar para elo a liberdade, porque sabe que o Parlamento non é unha praia.

Falar en castelán no Parlamento Galego vai ser facer desprezo público e notorio da lingua galega. Representará perderlle o respecto á lingua que os nosos trouxeron até hoxe para que significase o sermos galegos. Vai ser blasfemar sobre dos que sempre foron humillados polos falantes da outra lingua. O Parlamento tamén é o portador dos símbolos e dos signos da galeguidade, entre eles o idioma. Non é necesario que lle diga que vostede na súa casa, na súa vida privada pode, e debe, falar como lle dea a gana, pero tamén lle digo que no Parlamento Galego ten a obriga non escrita de facelo en galego (e os que non o saiban de aprendelo). Para isto non lle hai desculpa posíbel. Si, si, xa sei que as dúas linguas son oficiais e todo iso, mais as cousas son como son e non como nos convén que sexan.

Dirame que vostede dixo o que dixo e é persoa de convicións firmes e que non anda variando e facendo mudas, trocando o que un día dicía polo contrario un tempo despois, en fin, que non é un baila no cribo. Aínda que só sexa por esta vez, recapacite e déixese levar polo respecto a este pobo e á súa fala.

Como sei que, quer con vostede quer cos seus compañeiros e compañeiras, teremos uns anos de moita correspondencia, despídome, como dicía Trapero Pardo, até outra millarada.

*O título completo: Carta aberta a Don Pedro Arias Veira, deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

4,72/5 (96 votos)