Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel M. Barreiro

Non hai debate

11:13 07/05/2007

Non haberá debate televisivo coa presenza dos tres líderes das forzas políticas galegas. Ao Partido Popular e ao PSdeG préstanlles as políticas ditadas, non as políticas debatidas. Arrepialles un debate fundado na igualdade de oportunidades. A súa política reina no discurso acartonado non no debate de ideas.

A democracia mediática da que gostan as forzas maiores do trastempado bipartidismo aliméntase de audiencias cativas, mansamente adoutrinadas por calculados discursos, sen cortes nin interrupcións, sen contraste e sen substancia, entregados a unha comunicación unilateral, impositiva, sen retornos cidadáns.

A única concesión que PSdeG e PP lle fan á política como debate, como confrontación libre de iniciativas e de proxectos, queda confinada á esgrima parlamentaria e ao intercambio formal de interpelacións e contrarréplicas. É unha obriga imposta pola coreografía parlamentaria á que ceden resignados pero sabedores de que ese tipo de debate non se resolve aos ollos do grande público senón nas salas de montaxe das televisións, na emisión truncada das radios ou na peneira interesada das redaccións dos xornais.

Levamos camiño de concluír a lexislatura sen ter ocasión de ver un debate televisivo que axunte no mesmo plató a Pérez Touriño, a Núñez Feixoo e a Anxo Quintana. Unicamente o voceiro do BNG respondeu afirmativamente ao chamado da Televisión de Galicia. As axendas imposíbeis e os medos escénicos do secretario xeral do PSdeG e do presidente do PPdeG furtan a posibilidade dun debate sen trucos, trampas e cartóns mediáticos. Quen escaldou a lingua até ao queixo lle sopra e o PP e o PSdeG escápanlle ao escrutinio televisivo dos cidadáns quizais porque teñen moito vello que agochar e pouco novo que presentar.

Instalados nun tute subhastado de despropósitos, os dous partidos grandes amosan as mesmas mañas políticas: patrimonialización partidaria de recursos públicos; clientelismo de cheque en man; derrota da rexeneración democrática diante dos intereses dos seus alcaldes-promotores; manutención da emigración como voto cativo e instrumentalizábel; aplicación discrecional da lei e graciosas exencións... Vergoñas democráticas que lles desaconsellan a realización dun debate sen ataduras, mordazas e corsés.

O arrepío por seren esculcados polos cidadáns, o medo a ter que render conta polas súas accións, o abuso de ideoloxías de gardarroupa e de éticas democráticas de quita e pon súmanse así para esterilizaren toda tentativa de debate televisivo. Mais, en realidade, no cálculo estratéxico do PPdeG e do PSdeG o que máis pesa é a amenaza do BNG como minoría maioritaria, como unha proposta política madura para seren asumida por maiorías cidadáns que aspiran a rexeneración democrática dos gobernos locais.

A lóxica do bipartidismo, que nos herdou a transición democrática, estéase no esforzo decidido das dúas forzas principais por limitar a audiencia de terceiros. Touriño e Núñez Feixoo non desexan un debate con Quintana porque non queren reunir as súas audiencias e ofrecerllas ao BNG, a unha minoría que pode expresarse como unha alternativa de transformación democrática en moitos concellos de Galiza.

Non habera debate para non ampliarlle a audiencia a Quintana e para eivar así a ocasión de demostrar que non todos son iguais. Hai dúas forzas ás que lles reina a política de ditado aos cidadáns e unha que a entende como un mandato dos cidadáns. Na Televisión de Galiza non haberá ocasión de escoitar, comparar e elixir. Os dous de sempre non queren. E, sobre todo, non queren que se saiba porque non queren.

4,62/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel M. Barreiro

(Caracas, 1961). Licenciado en Historia; profesionalmente é coordinador de edición dixital. Colaborador da Radio Galega e de revistas de pensamento crítico como Tempos Novos e Outrasvoces. É mantedor tamén do blog De paso.

Outros artigos de opinión anteriores de Manuel M.Barreiro »



Anteriores...