Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Mª do Carme Moure Espiño

Un país no diván do psicoanalista

12:18 03/05/2007

Xosé Luis Barreiro, Xosé Carlos Caneiro, Xerardo Estévez, Miguel Anxo Fernández, Anxo Guerreiro, Miguel Anxo Murado, Mª Xosé Porteiro, Carlos G. Reigosa, Suso de Toro.... Propóñolles un xogo, ¿a que non saben que teñen en común todos estes nomes? Resulta evidente que todos forman parte da denominada intelectualidade galega polo seu destacado labor en distintos eidos (literatura, política, cine, arquitectura, xornalismo...), pero, ademais, hai outro vínculo que os une. Vexamos. Todos escriben, sempre, ou de forma ocasional, en español nos xornais galegos ou na edición galega dalgún rotativo estatal. ¿Que significa isto? ¿Será para manter vivo o chamado bilingüismo harmónico da era fraguista? ¿Ou é porque o galego é útil según para qué? Que alguén me conteste, por favor.

Outro apuntamento; hai pouco que El País presentou unha edición para Galicia, na que os venres adica un espazo moi interesante en torno á nosa cultura contemporánea. Ben. A lingua utilizada polos columnistas é a propia. Lóxico. Pero se abrimos as páxinas do mesmo xornal un domingo, por exemplo, onde os temas tratados son de diversa índole, eses mesmos autores que para a información cultural usan o galego, utilizan o español para esoutros asuntos. ¿Que significa isto? ¿Seica contribúe á normalización lingüística, pola que tanto se leva loitado? ¿Axuda isto a construír un país con identidade propia? ¿Ou é que senten medo a erguer a voz ante os que manexan os medios? Que alguén me conteste, por favor.

Téñome preguntado moitas veces, a raíz deste tema, a clase de país que somos. ¿Unha nación sen forza, na que os intelectuais e artistas desertan do idioma, de xeito voluntario ou obrigado,  para se adecuar a intereses alleos? ¿Seguimos a ser aínda unha cultura acomplexada?

Xa sei que manter a coherencia nos tempos que vivimos resulta complicado, e todos, sen excepción, caemos en contradicións nalgún momento das nosas vidas, pero esta coido que debería evitarse. ¿Como? Pois se cadra unindo forzas. Nós, os lectores, protestando,  e eles, os nosos intelectuais, normalizándose.

Cando, como docente, traballo coa prensa, ao alumnado non lle cadra que autores da literatura galega, lidos, estudados e admirados nas aulas, utilicen o español nos seus artigos. Cando me preguntan o porqué deste curioso bilingüismo, eu non sei que contestarlles, ou mellor dito, si sei, pero non me atrevo. A miña resposta redúcese a   levantar os ombreiros a modo de interrogante, baixar a cabeza e sentir vergonza. Síntoo. Pero é así. 

A última sorpresa que recibín neste sentido foi o domingo quince de abril, cando ao chegar á páxina corenta e dúas de El País (edición Galicia), leo un artigo de  Suso de Toro sobre o idioma galego, moi sensato e atinado no diagnóstico da súa situación social, mais todo o que dicía entraba en contradición coa lingua na que escribía. Alí falábase de verdades moi coñecidas polos que vivimos neste país e nos doe o que lle pasa; así, o autor fala de que “el fracaso del gallego es el fracaso del país de los gallegos”, cita o “autoodio” e alude a “unos pocos ricos incultos e ideológicamente colonizados que ignoran la historia de su país y desprecian su propio origen”. ¿Pero como se pode dicir todo isto en castelán para os lectores galegos? Eu xa non entendo nada. Só sei que sinto mágoa, dor e rabia, e por iso esta carta. Ás veces, como di unha amiga, parecemos un país esquizofrénico. E penso que leva razón.

4,39/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carme Moure

Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. É profesora de ensino medio. »