Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xelís de Toro

O día que se chama mañá

12:07 03/05/2007

A Galiza emigrante, a Galiza exterior, a Galiza de fóra, a diáspora, mil e un nomes para un fenómeno fundamental na vertebración e desvertebración da sociedade galega moderna.

Xa fican lonxe os días en que a emigración era a proba da opresión da nosa terra, e cando para demostrar a nosa colonización sinalábase como os cartos que enviaban os emigrantes en vez de investirse na nosa terra investíanse noutras partes de España, alá vai tamén o santuario da cultura galega cando a represión franquista non permitía o desenvolvemento da nosa cultura. Agora cando falamos de emigración é para falar da falta da transparencia do voto nas eleccións e da dubidosa xustiza de que os emigrantes ou trasterrados participemos ou non nas eleccións. Isto non é bo para ninguén, nin para os galegos de fóra nin para os de dentro.

A razón de que esteamos nesta situación é que o sistema que regulamenta o voto dos emigrantes semella caótico, o seu censo semella elástico e pouco transparente, e hai motivos para pensar que en pasadas eleccións este sistema se prestou a amaños e usos partidistas. Antes de comezar calquera discusión sobre o tema é necesario facer unha precisión, este sistema non o inventamos os galegos residentes no exterior, nin os nosos fillos, nin os nosos netos. Os que artellaron este sistema están en Galiza, a súa profesión responde ao nome de políticos, crearon este sistema porque lles interesaba a eles e puidérono facer porque estaban no poder xa que contaban co apoio e voto dunha maioría da poboación galega, se hai que pedir contas a alguén é a eles e non aos emigrantes.

O parlamento é o máximo órgano decisorio de Galiza e é normal que se exista un censo claro no que se especifique exactamente quen pode votar e que non pode votar nas eleccións, debe haber un regulamento claro que asegure a legalidade e fiabilidade dos votos. No caso do voto da emigración, de quen falamos cando falamos de emigrantes? Estamos a falar dos galegos que marchamos a traballar fóra e vivimos no exterior?; estamos a falar deste primeiro grupo e ademais tamén os nosos fillos, ou sexa a segunda xeración? (teñen que ser os dous pais galegos?); estamos a incluír tamén aos de terceira xeración ou sexa aos netos de galegos?

Non podo máis que falar por min mesmo, e admito que se me pode convencer do contrario se alguén presenta argumentos claros e convincentes, pero o meu punto de partida é que non me parece xusto que ningún cidadán poida ter o dereito a votar en dúas eleccións do mesmo tipo en dúas partes diferentes do mundo. Eu recibín os papeis para votar no Concello de Santiago e os papeis para votar no Concello de Brighton onde resido, decidín non utilizar os de Santiago porque non considero xusto que eu poida votar en dúas eleccións. Isto faise extensivo as eleccións do goberno central, eu non podo votar nas eleccións inglesas porque non son un cidadán de Gran Bretaña, só un residente, pero si teño dereito a votar nas eleccións do goberno español porque sego a ser un cidadán de España. Se eu decidise nacionalizarme inglés e como conseguinte con dereito a escoller o goberno británico, sentiríame incapaz de xustificar que tamén debería ter dereito a escoller o goberno español. Ten sentido isto que eu digo?

É posible que haxa moitos emigrantes que concorden con isto pero tamén haberá outros que pode que non. Pensen dunha maneira ou doutra, o que se pode detectar é un certo malestar, e o malestar vén polas formas e maneiras de facer as cousas, decisións que xa semellan tomadas polos novos políticos sen parar a pensar nos fenómenos e nas persoas involucradas neste proceso. Noutras palabras, se fallou a maneira en que os políticos do PP mudaron o censo sen ningún tipo de debate social tamén están a fallar os políticos actuais que queren facer o mesmo sen ningún tipo de consulta nin debate social.

Todos estamos interesados en que se faga unha reforma clara, transparente e duradeira, mais isto non significa actuar con mente cativa e buscar solucións rápidas. Se este proceso vai comezar, como xa está comezando, vai ser preciso que todos poñamos un pouquiño do noso lado para tratar de entendérmonos e que esta vez non sexan unicamente os políticos os que falen e decidan consonte os seus intereses do momento. Estes son algúns puntos que creo que hai ter en conta antes de emprender unha reforma, porque creo que é preciso entender a emigración nun contexto máis amplo e non centrarse unicamente nun punto como o do voto nas eleccións.

1.Moitas veces nos queixamos de que Galiza non ten moitas cousas, sen embargo algunhas si que ten, e unha das cousas que ten é unha inmensa cantidade de poboación espallada polo mundo. Non creo que unha nación que está a perder poboación poida permitirse o luxo de non ter unha política clara cara a emigración. Quen sabe se a nosa emigración, iso que agora semella molesto á hora de votar, poida ser a solución a algúns dos nosos problemas. É posible pensar e concibir que este potencial de xente poida ter unha influencia favorable no futuro de Galiza? Pensar desta maneira implica facer algo ao que non estamos moi afeitos, pensar no día que se chama mañá.

2.Fálase dos casos de Italia e Portugal como referentes para que os emigrantes poidan votar unicamente nas eleccións estatais. Non viría mal recordar aos que semellan subscribirse a esta posibilidade, polo que parece o BNG semella levar o estandarte de tan brillante idea, que os emigrantes galegos temos dous referentes identitarios, un arredor do aparato administrativo do que dependemos, isto inclúe pasaporte, embaixada, consulado, etc. e mesmo a nosa camaradería e solidariedade cos emigrantes doutras partes de España e segundo, a nosa identidade galega. A existencia dunha identidade galega non é algo que caeu do ceo, nin naceu asilvestrada ao pe dun carballo, é posiblemente o investimento económico, social e cultural máis importante do noso pobo. Negarlle aos emigrantes galegos o dereito a votar nas eleccións galegas é unha proposta que vai a contracorrente do proceso nacionalizador que comezou en Galiza hai máis de cen anos. Que esta proposta saia dun partido nacionalista é algo que non acerto a comprender.

3.A participación da emigración na conformación da Galiza moderna é esencial. O primeiro xornal publicado en galego publicouse en Cuba, o Himno galego compúxose pagado por emigrantes galegos, o mesmo que a fundación da Real Academia; o primeiro goberno galego instalouse no exilio entre comunidades de emigrantes; a primeira organización separatista galega creouse na emigración; practicamente todos os cadros sindicais e nacionalistas de principios do século formáronse na emigración, esta lista non ten fin, non sería eu o que lle poñería o punto final.

4.É necesario ter en conta e sondar o que pensan os emigrantes. Pode haber sorpresas, cando se deixa falar a xente sempre hai sorpresas, pode que haxa moitos emigrantes aos que nin lles interese, nin lles importe esta polémica, pode que haxa moitos que realmente o que lles preocupe é que existan mecanismos doutro tipo para que poidan colaborar ou participar no futuro e progreso de Galiza. Eu non o sei, pero seméllame que estes grandes reformadores nin sequera pararon un tris a pensalo.

5. Esta é unha boa oportunidade de facer un exercicio de democracia, en vez de ver isto como un problema, medremos con este obstáculo, busquemos solucións imaxinativas, permitamos que os galegos do interior e do exterior falen e expliquen as súas opinións. Iniciemos un proceso de consulta. Escoitemos variadas voces. É votar nas eleccións a única maneira en que podemos incorporar a emigración galega no proceso democrática de Galiza? É posible inventar un sistema alternativo e complementario que satisfaga aos galegos de dentro e aos de fóra?

Os vincallos que a emigración mantén con Galiza son de todo tipo, emocionais, económicos, políticos, familiares, culturais, nin todo empeza nin todo acaba nun voto. É moi certo que a sensación que moitos sentimos é que o goberno anterior utilizou o mundo da emigración para arrepañar votos, pero isto non significa que os partidos que están agora no goberno non teñan que facer as cousas como é debido, tratando ao mundo da emigración co respecto que merece e sobre todo co deber de facer política de longo alcance, incorporando a emigración como un parte fundamental da experiencia galega, atrevéndose a pensar no día que se chama mañá.

4,6/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xelís de Toro

Xelís de Toro naceu en Santiago en 1962. Escritor: Seis cordas e un corazón (1989) co seudónimo de Roque Morteiro; Non hai misericordia (1990); Terminal (1994); O saltimbanquis no paraíso (1999). Foi cantante de Os quinindiolas e co-fundador de Edicións Positivas. Ten publicado numerosos títulos de literatura infantil. Realizou performances poéticas multimedia con Terminal e ou O buscapeixe. A súa páxina é sen.laboratoro.net »