Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Francisco Macías

Eu estiven en Cuba, poden preguntar

20:25 05/09/2008

Estiven na pasada Feira do Libro d’A Habana, traballando cos libros, para as ideas e os proxectos dos editores e escritores galegos, para a cultura, para toda a sociedade galega.

Nunca na miña vida vin tanto interese polos libros, e de tanta xente e con tanta intensidade. Case nunca foi tan grato moverse entre libros e persoas. Non sei se eles son así pola súa formación, pola instrución, pola escaseza na que viven, ou porque non lles queda outra. Pero éme igual. Foi pouco tempo como para opinar. ¡Que manía a de interpretalo todo! Aínda me emociona lembrar tantas persoas, tantos nenos sentados no chan case comendo os libros, tantos corpos color canela, negros ou pálidos, ciscados pola herba agarrados a un libro e cos ollos regalados. Rían mentres falaban, calaban mentres xogaban, soñaban mentres lían, ¡facían tantas cousas cos libros nas mans! E lembro persoas con acentos cubanos diversos lendo en galego, e dicindo que o entendían todo, que era bonito, que soaba a italiano, ou a brasileiro... ou pode que a galego de Cuba. E con esa paixón caribeña, ás veces tan inconstante, ou non,  prometían que pensaban aprender galego. E eu a lembrar a canción de Fran Pérez, Galician Lullaby, “son galego de Arxentina, galego de Alemaña, galego de Cuba, ... galego na Galiza imaxinaria...”. Eu, que non son galego de Galicia.

O interese por todo o galego, fose a historia, a lingua, a xeografía, a literatura, ou o que for, é sorprendente. Eu nunca tal vin. E xa que era unha Feira do Libro, direi que me lembrou o Sant Jordi barcelonés, pero multiplicado por dez. Dez días dura a Feira d’A Habana. Dez días de loucura. Dez días inesquecibles. Dez días de pobreza pecuniaria pero rica en ansias, ilusións, soños e seguro que proxectos. Dez días que foron dez mundos.

Un dos meus traballos n’A Habana foi o de estar moitas horas diarias relacionándome, rodeado de libros, con cubanos. Coa nosa aportación creo que deixamos infraestructuras definidas para próximas ocasións, en Cuba e seguro que en toda América. E abrimos portas ao libro, a toda a cultura feita en Galicia; e recibimos deles esas calores que tanto se agradecen case sempre. Os cubanos recoñecen a nosa existencia, a comezan a beneficiarse, unha vez máis, do contaxio. E nós, tempo ao tempo, imos de contaxiarnos deles, e en algo nos enriqueceremos.

E vin, como poucas veces, persoas de Galicia, traballadores contratados pola Consellería de Cultura, escritores, editores, deseñadores, xornalistas, músicos, etc... traballar arreo, moitísimas horas, algúns en malas condicións, pero a iso foran, e sabíano, así que non pasa nada, é ao que fomos.

Pero seica hai outros que non apreciaron tanto este traballo, que non entenderon cal eran e son os nosos obxectivos. E entre estes críticos non hai ningún dos que alí estivo. Un periódico, La Voz de Galicia, é especialmente virulento contra a nosa presenza nesta feira, con páxinas feitas en despachos, nunca desde alí. A iso nunca se lle chamou periodismo. Seguen teimando e teimando, de ganchete dun deputado do PP. Seguen só eles os dous, o PP e La Voz de Galicia. No pasado recente falaron mesmo arquitectos que queren construírnos o futuro, novelistas que tentan narrar o que non foi, e mesmo xornalistas a soldo de El Corte Inglés que nos situaron nunha revolución da que nunca fomos entusiastas.

Xa sei que pasaron máis de seis meses, pero a día de hoxe aínda hai críticos coa nosa presenza que non fixeron ningunha pregunta aos editores, promotores do protagonismo galego en dita feira. Se preguntasen saberían dos resultados, dos obxectivos; saberían que todo comezou coa administración de Fraga Iribarne, que altos cargos no goberno do PP estiveron en Cuba para consolidar a presenza de Galicia na Feira d’A Habana; saberían moitas cousas que descoñecen porque así o queren.

¿Que xornalismo é este, o de La Voz de Galicia, que non fai preguntas?

Poden preguntar, non teñan medo. Sexan xornalistas. Seguímolos agardando.

4,56/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



É berciano, é galego, agricultor e editor (Edicións Positivas). »