Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Toño González Abal

Voto emigrante, non!

19:31 23/04/2007

Querido irmán Manuel:

A propósito da túa última carta, na que manifestas o teu desexo de votar nas vindeiras eleccións municipais, quero que reflexiones sobre o que vou a dicirche.¿Como podes decidir ti quén vai administrar os meus cartos os vindeiros catro anos? Fai 22 anos que marchaches, tan só viñeches cinco veces neses anos - de vacacións -. ¿Como podes saber ti como se está xestionando o noso municipio a través das palabras interesadas de un ou doutro político? Non Manuel, no caso das eleccións municipais debemos ser os que estamos eiqui traballando, botando adiante aos nosos fillos, convivindo cos nosos veciños, os que debemos decidir. Ti xa estás votando para o teu alcalde aí. Se me queres e me respetas debes deixarme a min decidir eiqui, o futuro do teu afillado e demais sobriños ben poidese estar en xogo. Sabes a diferencia que hai dunhas persoas a outras no xeito de gobernar. Hai que coñecelas para poder elexir con certo criterio.

Ti decidiches buscar outro medio de vida, deixaches a terra dos nosos pais buscando outro traballo, e penso que é xusto que eu tome as decisións do que se debe prantar nela. Levo anos facéndoo e sei cales son as prantas que lle veñen mellor, e ti tamén sabes da importancia da rotación nos cultivos para mellorar a producción. Manuel, non te preocupes que a terra segue sendo dos dous.

Os homes fan a terra na que viven. Ti dis que tes dereito a opinar, e iso é verdade., pero non a decidir. Son eu o que sacha, o que pranta e o que recolle nesta terra.

Disme que debe gañar o partido que che gusta a ti, que é o mellor. A túa opinión é respetable, pero sígoche decindo o mesmo: decidir – ou sexa , votar - non debes; non estás eiquí, non vives o día a día, non o sentes en carne propia, non tes eiquí os teus fillos. Moitos dos teus compañeiros, e incluso ti, non tedes os voso futuro nesta terra. Cando voltes para quedar (se queres voltar) e vexas e poidas xulgar a realidade que te rodea, entón sí terá sentido o teu voto.

Sen máis, Manuel, con esta súplica apelo á túa dignidade como ser humano, e sobre todo, ó teu cariño como irmán... como bo irmán.

Quérote. Toño.

P.D. Se apelo á túa dignidade humana debo amosar eu a miña. VOTO INMIGRANTE, SI !! Como fas ti aí en Arxentina.

4,53/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



González Abal

Naceu en Silleda un 27 de maio de 1957. Destaca polo seu continuo activismo cultural polas terras de Trasdeza. Traballou como técnico de cultura no consistorio silledense. »