Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Hermida

Irmáns si, padriños non

18:55 11/04/2007

Lamentablemente, a corrupción non é patrimonio de ninguén. Calquera institución pública ou empresa privada pode, nun momento determinado, ser presa das apetencias insaciables dos seus directivos ou dirixentes. Agora ben, sendo isto verdade, cometeriamos un grande erro de pensarmos que este feito xustifica calquera das situacións reveladas recentemente arredor dun par de ONG moi coñecidas, xa que habiamos difundir un certo nihilismo que inmobilizase as persoas comprometidas coa busca dun novo mundo.

Desde a década dos sesenta tense asumido por parte da maioría das ONGD o concepto de que os desequilibrios norte-sur necesitan duna nova relación norte-sur no plano internacional e da participación da cidadanía nun necesario cambio social.

Así, acreditamos en que o problema da pobreza se sitúa no fío da estrutura económica internacional, a súa solución pasa por un cambio real de estruturas políticas, sociais, culturais, etc., aplicando o coñecido dito, non se trata de dar peixe (solución de caridade puntual) mais tampouco de ensinarlles a pescar (teñen unha tradición produtiva milenaria), do que se trata é de modificar as estruturas económicas e comerciais internacionais que non deixan vender a pesca.

Digo isto porque fariamos un mal servizo á loita pola xustiza se limitásemos os actuais problemas de Anesvad ou Intervida a problemas xudiciais alleos ao modelo de solidariedade que fomentan.

Os apadriñamentos, que para moitas organizacións son un bo mecanismo recadatorio pero un pesimo instrumento de solidariedade, fomentan un esquema paternalista dos doantes do norte cos “pobres” do sur, desfocalizan a atención dos problemas reais e das causas da probreza e impiden un proceso de empoderamento das sociedades do sur. A maiores, como estamos a ver, utilizan mecanismos facilmente corrompibles se non existe un control efectivo e unha transparencia clara. Tal e como comentaba o xesuíta Javier Arellano:

 “É unha conquista recente o ver calquera tipo de axuda social, pública ou privada, desde a perspectiva da xustiza distributiva. (...) Pois ben, creo que na relación que se establece a través do apadriñamento desaparece a horizontalidade da cidadanía / fraternidade para instaurar a verticalidade da paternidade.

O feito vese con máis claridade se nos poñemos no lugar dos receptores da axuda. Os nenos apadriñados teñen o seu pai e a súa nai. (...) Creo que a todos nos resultaría moi duro de aceptar que os nosos fillos tivesen que mandar cartas de agradecemento a outros “pais” a miles de quilómetros que lles dan o que nós, malia os nosos esforzos, non lles podemos conseguir. Hai formas de axudar que tenden a erosionar a dignidade e a autoestima de aqueles aos que se pretende axudar.

É certo que os fondos obtidos por este método non van directamente ao neno apadriñado, senón a apoiar diversos proxectos na súa comunidade; pero entón, cando é así, non entendo por que se fan as cousas deste xeito e comezo a sospeitar que, unha vez máis, se utiliza aos nenos como reclamo para conseguir diñeiro.”

As ONGDs postas neste momento en cuestión teñen, asemade, características comúns que deberiamos observar con atención:

Non respectan os códigos de conduta dos que as ONGD, no marco das coordinadoras de organizacións non gobernamentais, nos temos dotado. De feito, ningunha delas participa en coordinadoras ou plataformas comúns dende as que traballamos as organizacións non gobernamentais.

Empregan cuantiosas campañas de márketing e de publicidade enganosa, nas cales a imaxe dun neno ou nena só é un reclamo publicitario. Isto vese agravado cando a busca do recurso económico se antepón a calquera outro tipo de valor e se avanza polo perigoso camiño do que eu chamaría a “pornografia da pobreza”, sacando á luz o peor das sociedades do sur como mero reclamo.
Preponderancia de financiamento privado e ausencia de financiamento público, que é o que garante un estrito control e seguimento dos proxectos cofinanciados.

Estruturas verticais e desinterese pola participación cidadá. Normalmente trátase de fundacións onde o padroado funciona como propietario da organización e os socios/as son simples doantes con poucos mecanismos de participación e de información.
Apoio mediático ou empresarial na busca de medres de audiencia ou lavados de imaxe. Sería necesario que as grandes cadeas que impulsan telemaratóns de solidariedade-espectáculo, ou algúns dos seus famosos participantes, se pronunciasen nestes momentos.

A pesar de noticias coma esta, de seguro que as ONG seguirán sendo valoradas como unhas das institucións máis prestixiosas debido, entre outras cousas, ao descrédito que outras provocan; pero non nos enganemos, unha sociedade democrática e moderna como a nosa necesita baixar as ONG do limbo no que se sitúan e valoralas ao mesmo nivel ca ao resto de entidades para así poder analizar criticamente non só a súa eficacia (cuestionada xa desde o conflito dos Balcáns) senón tamén a súa estrutura. Só deste xeito os cidadáns e cidadás poderán elixir e implicarse na solidariedade de xeito consciente e responsable.

E un apuntamento final, tras o coñecemento desta noticia, a preocupación da nosa sociedade non debería dirixirse unicamente aos doantes que agora se senten estafados, a maior preocupación debería estar dirixida cara ás sociedades do sur novamente enganadas. Despois de roubarlles as súas materias primas e os seus mecanismos de produción non deixemos que agora se lles roube a súa dignidade. Irmáns si, padriños non.

4,48/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoan Hermida

Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Actualmente é responsable de comunicación e RR.HH. da devandita organización. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora Galiziaecosocialista. <!-- @page { margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } »



Anteriores...