Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alberto Estévez

Guantánamo: parodia de xustiza

10:57 27/03/2007

David Hicks, detido australiano, inicia o 26 de marzo as comparencias ante as Comisións Militares en Guantánamo, en xuízos que violan normas internacionais básicas como saber o delito do que es acusado ou poder refutar as probas presentadas na túa contra. Hicks foi un dos dez detidos acusados en virtude do anterior sistema de comisións militares, anulado pola Corte Suprema de Estados Unidos o ano pasado. Sen embargo, o presidente Bush aprobou en outubro pasado asinou a entrada en vigor dunha lei que permite a creación de novas Comisións Militares.

David Hicks, ao que o seu goberno, estreito aliado de Bush, abandonou á súa sorte, foi detido en Afganistán en decembro de 2001 pola Alianza do Norte, e entregado á custodia estadounidense antes de ser trasladado a Guantánamo. Afirma ser sometido a tortura e outros malos tratos en Guantánamo, a punta do iceberg do sistema de cárceres segredas que ten EE.UU. espalladas polo mundo adiante, alimentadas polo sistema de “entregas extraordinarias” en voos segredos da CIA. Hicks estivo moito tempo incomunicado, e só tivo un contacto ocasional co seu avogado australiano e a súa familia. Mesmo en agosto do ano pasado, o seu avogado militar estadounidense e o seu avogado civil australiano manifestaron a súa preocupación a angustia psicolóxica que estaba experimentando.

Guantánamo é un burato negro xurídico concibido para poñer ós detidos fóra do Estado de dereito e ó goberno estadounidense ó marxe de dito Estado de dereito.

O goberno de Estados Unidos debe abandonar as comisións militares que propón e procesar ante tribunais federais ordinarios, sen recurso a pena de morte, a tódolos detidos de Guantánamo contra os que formule cargos.

Nun recente informe, Amnistía Internacional denunciaba que os xuízos ante o sistema revisado de comisións militares non cumprirán as normas internacionais. A organización sente ademais fonda preocupación pola posibilidade de que os detidos sexan executados despois deses xuízos.

As comisións militares actuarán no que se asemella bastante a un baleiro legal, forman parte dun universo no que non existe o remedio xudicial para os detidos nin as súas familias. Incluso se é absolto, o detido pode volver á detención indefinida baixo o cualificativo de “combatente inimigo”.

Na “guerra contra o terror”, os detidos baixo custodia estadounidense foron tratados primeiro como posibles fontes de información e só moito despois como posibles acusados. Foron sometidos a interrogatorios reiterados sen acceso a avogados ou tribunais. Ademais, autorizáronse e utilizáronse contra eles técnicas de interrogatorio e condicións de detención que constitúen tortura ou outros malos tratos.

É evidente que as comisións militares deseñáronse para encaixar nas prácticas ilegais que as precederon. Estas comisións admitirán información obtida mediante tratos crueis, inhumanos ou degradantes. Ó mesmo tempo, o goberno pode presentar probas sen desvelar que métodos se utilizaron para conseguilas, o que resulta abraiante.

En setembro do ano pasado, 14 detidos foron trasladados -tras pasar anos baixo custodia segreda da CIA- a Guantánamo, co propósito expreso de ser xulgados por comisións militares. A estes detidos aínda non se lles acusou de nada, e negasélles o acceso a avogados mentres o goberno elabora as acusacións contra eles. Ao mesmo tempo, os medios de comunicación facíanse eco de graves acusacións contra algúns destes 14 detidos, nunha aparente ofensiva do goberno de Bush por xustificar a violación dos dereitos humanos pola gravidade dos actos dos que acusan a estes detidos. Sen embargo, o presidente de EE.UU. o único que fai é minar a súa autoridade moral e tentar xustificar un acto delictivo con outro. Seica non é quen de entender que ao “terrorismo” só se lle pode vencer co respecto do Estado de Dereito, e atacando as súas causas profundas, e non precisamente mediante bombardeos de poboación civil, torturas e violación do deleito internacional.

Mentres, non o esquezamos, máis de 350 detidos permanecen recluídos ilegalmente en Guantánamo, e centenares máis se atopan baixo custodia estadounidense en Afganistán. Ningún deles foi condenado por delito algún e levan anos detidos sen xuízo, sometidos a malos tratos. Ata cando, Sr. Bush?.

4/5 (6 votos)



Alberto Estévez

Alberto Estévez Suárez naceu en Vigo en 1970. Vencellado a Amnistía Internacional desde hai 20 anos. Desde 2000 ata 2003 traballou como consultor internacional na preparación da campaña mundial "Armas Baixo Control". Actualmente traballa como voluntario na agrupación viguesa de AI e asesora á Sección española de AI en temas de comercio de armas. »



Anteriores...