Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rebeca Baceiredo

So(m)bra aquí e so(m)bra alí

10:05 29/02/2008

Non chega con tomar o poder para ser o que Nietzsche consideraba un “amo”. Son, pola contra, os escravos os que máis frecuentemente toman o poder e o conservan, sen deixar de ser escravos mentres se manteñen nel.

Gilles Deleuze

Poder e espectáculo sempre estiveron moi ligados: os representantes políticos teñen madeira de estrela ou ampáranse nelas! Porque a aura do espectáculo, coas súas luces, fortes e cálidas, coas súas sintonías, alegremente ascendentes, cómprenlle ben aos que van facer uso e abuso dos cartos comúns. Aínda que estes matrimonios poidan ter máis ou menos infidelidades, uns e outros se necesitan. É ben certo que existen artistas especializados en representar aos representantes, independentemente das (minimizadas) opcións políticas. É ben certo que en escena os bicos valen menos e a función é edulcorar a realidade que hai fóra do teatro, que é a realidade na que viven os espectadores atónitos destes esperpentos, realidade na que o poder é exercido sen contemplacións polos arlequíns que agora choran e sorrín ao ritmo de pilotos vermellos. E é que o poder é como as drogas: por dentro pásalo moi ben, pero por fóra a cousa non adoita ser tan elegante… E os espectros interiores asoman, dun xeito ou doutro, pero sempre.

Así que os nosos políticos, fronte o espello, pintan raia e morros para cantar, abrigados por coros de bienpagaos, co ánimo de mobilizar as vísceras ao seu favor. Botan man do confeti e da diferenza, para ampliar o target de mercado electoral, aínda que o concepto de diferenza é ben máis sofisticado… Diferenza non é ver un busto ou outro presidindo o circo que adoita ser a xestión dos recursos públicos. Dereita ou esquerda institucional invisten grande parte destes orzamentos en cuños e en cuñas, queréndonos deixar ben claro quen paga, quen fai, quen se ri de nós.

E despois, claro, ya sabes, la gente… Entendo que un amplo sector social que, a excepción de circunstancias políticas moi particulares, non acode ás urnas é a esquerda (consciente ou inconsciente) que existe neste país. A esta esquerda nunca ninguén a representa, porque a esquerda institucional mantén unha percepción vertical do proceso político, máis ou menos soterrada, máis ou menos obvia. Resulta que a estrutura vertical é propia da dereita, que a esquerda tería que estenderse, por natureza ou por definición, nun plano horizontal: ten que supurar da plataforma social heteroxénea que é unha comunidade, ten que ser cada un de nós expresando necesidades, intereses e propostas.

Pero a orixe do problema semella ser psicolóxico e ético. Que terá o poder…?, o poder en si mesmo é abstracto, só coñecemos os seus circuítos e efectos. O poder é micropoder, son as posicións de retención e as relacións de dominación nas que o ego (eu) sobrevive. O ego precisa de gratificacións, de reafirmación e de aplauso; o poder é o ego gozando de agasallos ao corpo e á alma, agasallos dos que axiña é difícil prescindir. Por iso acabamos sendo tod@s escravos, escravos de nós mesm@s. Deste xeito, a perpetuación na posición de poder (sexa cal sexa) acaba sendo o motor e, volvendo ao rego, a xestión política, unha vergoña.

Así que, se somos descridos, será porque non existe unha mímese entre o desexado e o ofrecido (ai!, lei de oferta e demanda!). Será que a esquerda non é un discurso, a esquerda é ética e, como tal, para que exista, hai que actualizala en cada acción: a esquerda hai que facela a diario, con tino e con erros. A esquerda é revisarnos antes de durmir. (A sociedade lévanos constantemente a situacións nas que teriamos interese en ser malvados. A nosa vaidade fainos crer que somos malos por natureza, pero a verdade é moito peor: facémonos malos sen sabelo, sen darnos conta sequera (…) As situacións nas que temos interese en ser malvados implican sempre relacións de opresión nas que unha persoa entra en contacto con outra persoa para obedecer ou para mandar, como amo ou como escravo, outra vez Deleuze.)

* O título completo do artigo é "Deslexitimar o poder 2. So(m)bra aquí e so(m)bra alí"

3.8/5 (55 votos)



Rebeca Baceiredo

Naceu en Ourense en 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, en 2005 fíxose co V premio Ramón Piñeiro de Ensaio, coa obra 'O suxeito posmoderno' (Galaxia, 2006) »



Anteriores...