Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Amauta Castro

Padecendo nos aeroportos

09:00 27/01/2008

Somos non poucos os que desde o 11-S en diante temos padecido os diferentes controis que dispoñen os aeroportos antes da subida ás portas de embarque. Axentes de seguridade privada, garda civís e policía que provocan espectáculos de diversa índole e dos que algúns xa comezamos a estar fartos de aturar.

Descalzarse e retirarse parte da roupa

Desde a miña experiencia persoal podería relatar como en aeroportos do Estado Español se me ten obrigado a descalzar tras pasar polo arco de seguridade mesmo sen que éste detectara metal algún aloxado no meu corpo ou vestimenta. O cinto soe ser tamén foco de distintas problemáticas. Tamén os anteollos, o reloxio como non...Pero, é preciso retirarse o calzado malia non terse detectado nada na miña indumentaria?


Controis supostamente aleatorios

Noutro caso, tamén no Estado Español, axentes de seguridade privada, axudados por un garda civil, asaltáronme literalmente tras pasar un control sen problemas. Tratábase dun segundo “control aleatorio” e contra o que non puiden case reaccionar visto o acorralamento que sufrín. Supoño que o meu aspecto guedellento e o meu “carcerario” pendente na orella provocaron a desconfianza dos axentes. Debo crelo así? Debemos crer que todos eses simples “controis aleatorios”, todos eses abusos, toda esa falta de principios e esa continua arbitrariedade practicada xeralmente por axentes de seguridade privada son normais? O caso é que todo este sentimento de impotencia semella non ser patrimonio meu, e que toda esa capacidade para a humillación do pasaxeiro non son tampouco couto privado do Estado Español. Noutras ocasións, en territorio italiano neste caso, vin como axentes privados (homes) “cacheaban” mulleres con toda impunidade. Nun aeroporto francés, un outro axente de seguridade mirou cara min fixamente os cinco minutos que estiven na fila agardando, até que unha vez pasado o arco realizou tamén outro dos “controis aleatorios” dos que tanto gostan. A persoa que me acompañara nesta viaxe sorprendeuse do feito e certificou coma min que o axente xa me albiscara coma “suxeito perigoso” antes de pasar o detector de metais...Cousas da vida! Na U.E., arredor dun 10% dos pasaxeiros son obxecto destes controis aleatorios segundo datos de AENA. Pero como denunciar este abuso de autoridade se xeralmente as dependecias policiais das que dispoñen os aeroportos están antes do control?

Racismo

Todo este comportamento excluinte lévase até puntos descoñecidos cando se trata de suxeitos estéticamente (por indumentaria ou aspecto) estranxeiros. Noutro aeroporto español vin como lle retiraban un turbante a un senecto avó de nacionalidade marroquina que se dirixía no mesmo voo ca min a Bruxelas. Outros dous rapaces cidadáns canadenses, con visíbel vestimenta hindú foron retidos tamén en Francia até mostraren cadanseu pasaporte. É o que nos toca ver, no século da seguridade permanente, da xustiza absoluta ou millor dito da “liberdade duradeira”. Tan contraditorios conceptos coma ese que di que as mulleres deben retirarse calquera tipo de pano antes de entrar nun avión (certificoo tamén fulares e panos islámicos incluidos) mentres os homes entramos con bufanda e sen problema ningún.

Concluindo...

A cuestión é ben sinxela, a normativa europea sobre seguridade nos aeroportos ten un carácter secreto. É dicir, que nin nós coñecemos as obrigas e dereitos que temos neses controis, nin os propios axentes saben que criterios teñen que aplicar. Ante isto o resultado é ben sinxelo, é como se o código de circulación fora descoñecido por todos os cidadáns e gardas de tráfico aplicaran o que lles viñera en gana. Inxusto verdade? Pois é o que nos está a suceder nos aeroportos. En consecuencia, é preciso rematar con toda esta barbarie e que alomenos coñezamos cales son os principios que rixen o funcionamento dun control de seguridade. Xa digo, coa simple finalidade de que isto non se convirta na entrada dunha discoteca. En fin, o avión, introducido máis que de sobra nas nosas vidas laborais e familiares, é un lugar máis para a culpabilidade continua. Porque diso se trata, somos eternamente culpábeis até que se demostre o contrario. Este sentimento de impotencia, de contradición, de abuso de autoridade, e de aleatoriedade conduz irremisibelmente cara o descontrol total das actividades duns poucos contra o conxunto dunha maioría máis que pacífica.

3,93/5 (30 votos)



Galego, residente en Catalunya. Ten colaborado na edición barcelonesa de Vieiros e co suplemento de Galicia-Hoxe, Altermundo. Na actualidade é membro de Espazo Galego dos Países Cataláns e participa en distintos colectivos de solidariedade internacional. Manténse tamén activo no eido da creación poética e pódense visitar as súas opinións e creacións no blogue "Palabras de Amauta" »