Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Dúas metrópoles… e o país

11:18 10/09/2007

Cando outras autonomías do Estado español están a debater ou xa teñen aprobado a ampliación dos seus estatutos, na procura de acadar maiores competencias e mesmo como no País Vasco conseguir unha soberanía compartida, cando menos esta é a proposta do PNV porque a esquerda abertzale vai moito máis ala, en Galiza o centro de atención fica agora en dotar de áreas metropolitanas a Vigo e Coruña. Son debates que non se poden aillar de que a nosa é unha nación sen soberanía, onde a maioría social ten todo en contra, mesmo pra manter cultura e lingua, e que ademais estamos mergullados nun intenso proceso de globalización, ou sexa, de expansión imperialista.

A proposta semella que conta co apoio dos partidos máis importantes, mesmo do nacionalismo, o que resulta nada entendíbel, máxime cando tende a dividir o país en dous centros de poder que compiten entre eles e co resto. Agora compre esperar a ver cal é a decisión e os argumentos barallados no Parlamento Galego, así como os concellos e competencias que se lle van atribuír a cada unha destas áreas.

O que abraia deste debate é, por exemplo, que os concelleiros eleitos en Vigo discutan sobre a área metropolitana (concellos que a van integrar, competencias, etc) mentres os demais municipios afectados son convidados de pedra e, o que é máis grave, sen que opinen ren sobre este feito. Resulta difícil de entender unha actitude tan pasiva ¡terían que estar defendendo o protagonismo e intereses dos habitantes dos seus concellos!. Tampouco a Xunta di ren sobre isto, nen afonda no debate pra alén do organizativo, non entra no contido, nas consecuencias, nas vantaxes e eivas.

Os que gaban as áreas metropolitanas din que vai millorar os servizos destes municipios, partindo da lóxica de que terán un plus en recursos respeito do resto. Porén deste xeito privilexian ás grandes cidades, convertendo a todos os concellos que as arrodean en periferia ¿ulo o trato igualitario das persoas que viven no país calquera sexa o lugar onde moren?...

O certo é que existiría, de se aprobar esta iniciativa, unha administración máis complexa: concellos, áreas metropolitanas, deputacións, e a Xunta de Galiza. Asemade ¿quen vai elixir aos que dirixan politicamente este órgano?... Teriamos daquela unha nova entidade presidida a dedo ou nomeada por un organismo?... Non semella moi democrático.

Sempre pensei que había metrópoles naquelas urbes que sumaban millóns de habitantes, como Nova Iorque ou México, que así agrupaban aos barrios periféricos, que xurdiran como anexos á propia cidade e por expansión desta. A povoación mundial medrou moito nas últimas décadas e hoxe hai centos de cidades que superan o millón. Con respeito ao noso país temos que dicir que perdeu habitantes no rural, aumentou o número de persoas que viven nas cidades e nas vilas, porén ningunha destas últimas supera os 300.000 residentes, por máis que lle boten a culpa ao INE. Non son máis que cidades medianas, mesmo pequenas pra estados como China, India, Brasil, e mesmo moi lonxe de cidades próximas como Porto, con 1.200.000 habitantes, etc.

Aínda que é certo que a povoación distribuíse en Galiza dun xeito diferente a fai dúas décadas, as diferenzas non son tan radicais. Concretamente, as cidades só aumentan ¡todas elas 6.000 persoas! do ano 1996 ao 2006; as que realmente medran son as vilas de máis de 5.000 habitantes, pasan de 220.430 a 296.380 persoas. Coido que estes dados daranlle ao leitor unha panorámica do que está a acontecer, xa que as cidades non crecen tanto como se di, aínda que concentren moito poder político así como na información e formación do imaxinario coleitivo. Agora ben, os anteriores dados estatísticos non son o miolo do asunto, xa que o fundamental é, que onde viva a xente non é motivo pra dar un trato diferente.

Sen dúbida que se faga agora esta proposta ten moito que ver co feito de que os concellos periféricos ás cidades ou que son centros comarcais foron gañando peso demográfico e empresarial na Galiza. Estase construíndo unha nova realidade. E coas áreas metropolitanas todo indica que se quere compensar este recuar, que de vagar se produce, acrecentando o peso político das grandes cidades, que saben que neste contexto ficaría moi cuestionado no futuro. Porén falamos de poder, en ningún caso de condicións de vida.

Azos á competencia
Desde a Xunta, ou parte dela, axúdase a este obxectivo pouco solidario e que ademais ten connotacións de clase e nacionais, coa procura dun novo mapa territorial e político, no que se trunca o modelo de concellos e comarcas pra substituílo por outro máis xerárquico, elitista. Na primeira categoría están A Coruña, Vigo e Compostela (esta última como centro do resto do país), un chanzo máis abaixo as outras cidades, despois aquelas vilas con peso, e por último na base como é tradicional os barrios e as aldeas. Unha estratificación que, co argumento de superar o caciquismo das deputacións, xera unha estrutura aínda menos democrática, e, o que resulta máis grave, constrúe contra o conceito de nación. Non esquezamos que ficamos nun escenario hexemonizado polas grandes potencias, globalizador e neoliberal, que eiva a defensa da identidade e intereses nas nacións pequenas ou sen soberanía.

A existencia de dúas áreas metropolitanas, sabendo que a súa proximidade dálle azos á competencia entre elas, é algo grave nunha nación das dimensións de Galiza, máxime cos eivas e atrancos que padece desde fai séculos. Non é un problema técnico e de servizos senón moi político. Tratase polo tanto unha proposta con consecuencias económicas, sociais e culturais, mesmo linguisticas… convén daquela analizala a fondo.

En resumo, con esta iniciativa, valeira de contido democrático e participativo, ignorase que todos e todas as cidadáns deben ter os mesmos dereitos e recibir iguais prestacións; o lóxico, o correcto, seria tomar medidas estratéxicas, atrevidas e teimosas, pra rematar coas desigualdades entre o interior e a costa, pra construír unha Galiza máis solidaria e unida, e polo tanto con maior futuro; en concreto darlle un pulo ás comarcas, xa que o actual modelo de concellos non se sostén. Ou sexa, facer todo o contrario do que se propón… sei que hai investimentos pras comarcas, porén en comparación semellan un grau na area e pouco poden solucionar e construír. Vigo e Coruña teñen un gran futuro se son parte dun proxecto de desenvolvemento equilibrado do país, non querendo ser cabeza de rato a toda costa, como semella que pretenden agora algúns dos seus dirixentes afastados da actitude secularmente solidaria e transformadora dos seus habitantes.

3,05/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...