Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Silvio Falcón

O falso consenso catalán

11:30 05/07/2010

Pecan moitos analistas galegos de comparar a situación do marco legal estatutario catalán e do galego. Outros incorren en contradicións á hora de construír un discurso político, xa que toman como referencia unha realidade como a de Catalunya á hora de pretender avances para Galiza. O certo é que calquera comparación (como di a famosa frase) é odiosa. Aínda así, hai diferentes aspectos que debemos considerar nucleares para entender a situación previa ao acontecido coa sentencia do Tribunal Constitucional. Nestes días os medios de comunicación están á esforzarse por contar (e entender) o fallo dos maxistrados do TC.  Aínda así, ningún deles se atreveu a retrotraerse ao momento previo; o momento chave: o momento da aprobación.

O Estatut catalán provén de diferentes lexitimidades: a do Parlament de Catalunya, a do Congreso dos Deputados e a do pobo de Catalunya (mediante referéndum). Non vou cuestionar agora a potestade dun tribunal de xulgar, interpretar ou suprimir a expresión do pobo (español ou catalán, neste caso). Iso si, temos que ver onde nace o que eu darei en chamar o falso consenso catalán.

1. Aprobación no Parlament.

O Parlament de Catalunya votou o texto do Estatut o día 30 de setembro de 2005, froito dun acordo in extremis entre o daquela president da Generalitat (Pasqual Maragall) e o líder da oposición (Artur Mas). Moi poucos se acordan deste pacto, nin tampouco desta foto. Logo poderemos explicar o motivo.

Así, o texto que alí se presentou foi aprobado cunha ampla maioría absoluta (120 deputados sobre un total de 135). Votaron a prol ICV-EUiA, ERC, CiU e o PSC-PSOE. Só votou contra o Partido Popular. Este posicionamento do Partido Popular (que non caeu no abstencionismo, senón nun voto claramente en contra do texto) é a primeira pedra no tellado do proxecto de texto estatutario. Esta postura do PP de Catalunya (totalmente lexítima) veríase logo viciada e mediatizada mediante unha campaña "contra Catalunya" impulsada por Xénova.

Aínda así, tratándose dunha posición "extrema" dentro do arco parlamentario catalán (a do PP), o consenso que se pretendía construír para ese novo teito legal de Catalunya xa comezaba a ser incompleto.

2. Aprobación no Congreso.

Seguindo o procedemento legal, o texto aprobado no Parlament debía elevarse ás Cortes Españolas, que o tramitarían como unha Lei orgánica. Nesa votación non estaba clara cal ía a ser a postura que adoptaría o grupo parlamentar Socialista (PSOE) xa que algúns dos seus baróns (nomeadamente Alfonso Guerra) comezaba a alertar solo a inconstitucionalidade dalgúns artigos. As críticas foron claras e directas contra a definición de Catalunya como nación que aprobara o Parlament (entre baróns do PSOE e a oposición popular).

Para dar saída a esta problemática (interna do PSC-PSOE, todo sexa dito), Zapatero impulsou unha rolda de negociacións nas que quitou forza ao Estatut. Nese marco, atopou un interlocutor: Artur Mas e CiU. Os converxentes, agora de novo representantes do pobo catalán, rescataban o Estatut! A foto desta vez si foi famosa: o Estatut recortábase para ser aprobado no Congreso e Senado españois. Cortábanlle algúns aspectos (suavización do carácter nacional por diante) máis reducían xa para sempre a credibilidade do proceso (longo e complicado) encetado polas forzas políticas catalás. O anterior consenso non valera de nada: o Estatut aprobárao Madrid. E incluso as malas linguas dicían que ZP ofrecera a Generalitat a Mas, a cambio dese apoio.

Pola súa banda, o PP prosegue coa súa campaña de acoso e derribo contra o Estatut. De ben seguro que os estrategas de Xénova viron a oportunidade perfecta, xa que o caso concreto do Estatuto catalán tiña as seguintes características:

a) Baixa perda de votos en Catalunya.
b) Mobilización das bases sociais do PP en todo o Estado.
c) División no discurso que defendían diversos grupos dentro do PSOE (PSC, guerrismo, etc).
d) Presentación de Zapatero como un líder feble; un líder entreguista e "vendido ao nacionalismo catalán".

Polo tanto, co xa comentado acoso (e negativa) do PP, a lei orgánica 6/2006 saíu do Congreso dos Deputados con 189 votos favorábeis (PSOE, CiU, ICV-IU, PNV, BNG e Coalición Canaria) e 154 en contra (PP, EA e ERC) e as abstencións de CHA e NaBai (que suman 345 deputados, todos os que estaban presentes do total de 350). Pérdese, deste xeito, durante o proceso de aprobación, o apoio do outro extremo ideolóxico: os independentistas de ERC.

O proceso é lóxico: ERC fixo un esforzo de consenso no Parlament que non estaba disposta a facer no marco do Congreso dos Deputados polo recorto dun Estatut que, baixo os seus parámetros ideolóxicos, fora máis aló dos "mínimos" que aceptaran en Barcelona. ERC caeu do consenso.

O texto aprobado foi este (.pdf)


3. Aprobación en referéndum.

Ata aquí todo ben: un proceso legal impecable que seguía de xeito perfecto o procedemento. Aínda así, dende o principio tentamos mirar máis aló. A Catalunya presentábaselle un Estatut debatido en diferentes ocasións, por diferentes actores e que (nese mesmo proceso) xa perdera adeptos (PP dende o inicio, ERC ao final). A pelota estaba no teito do electorado maioritario de Catalunya (PSC-CiU) e este desmobilizouse dun xeito totalmente escandaloso. Aínda así, o 73,90% dos que se achegaron a votar o día 18 de Xuño de 2006 (un 48,85% do censo chamado a facelo) fixérono polo "Si". O "Non", pedido polo PP e ERC, recibiu un 20,76% dos sufraxios.

O referéndum falou claro; un "si" espectacular. Pero falou aínda máis claro: unha alta abstención que significaba un fracaso dos que viciaran o proceso (máis concretamente, ZP, o PSOE e o PSC).

Isto deixou un panorama tal que así:

a) ERC foi expulsada do goberno Maragall.
b) Maragall e o sector "catalanista" do PSC foron paulatinamente retirados da primeira liña política.
c) O PSOE acabou por aplacar a oposición do PP asumindo algúns dos argumentos anticataláns dos populares.
d) CiU retratouse; querendo xogar a favor do país expulsou a un actor político importante (ERC) do consenso catalán para volver colocarse na foto (ou quen sabe se do poder).
e) Actores do PP e do PSOE presentaron recursos de inconstitucionalidade sobre a Lei Orgánica 6/2006. (CCAA de Aragón, Enrique Múgica, 50 deputados do PP, etc).
f) O TC ficou sen renovarse máis tempo do debido polo bloqueo do PP.
g) Houbo quen, aproveitando a ofensiva anticatalá do PP, conseguiu novos apoios políticos. Un exemplo é o nacemento e éxito de Ciutadans.

Conclusión? O TC (tamén deslexitimado, polo que digo no apartado f da anterior enumeración) recortou o Estatut. Mais o TC só fixo que acabar de enviar ao lixo o texto do Estatuto. A solución, segundo quen o diga, a esta situación, é diferente: acatar o Estatut (dirá o PP), ir a pola independencia (dirá ERC, Reagrupament e parte de CiU), reformar a constitución (segundo sectores de CiU, do PSC e ICV) ou acatar a reforma "protestando" (que defende a maioría de CiU e o PSC). Así ben, a culpa non é toda do TC. O momento político convulso no que se aprobou ese estatuto foi letal para ese texto articulado. É inservíbel, en termos de lexitimidade. Son tempos de decisións. O consenso catalán polo Estatuto foi unha farsa, os únicos que fixeron fronte común (real) polo Estatuto foron os medios de comunicación. E por iso as manifestacións destes días serán ou federalistas, ou independentistas, ou contra España (a secas). Pero o Estatuto (e o consenso) son (e eran) papel mollado.

4,54/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu en 1989, en Esplugues de Llobregat (Barcelona). Estuda Ciencias Políticas e da Administración na Universitat de Barcelona. É Responsábel Local de Galiza Nova Barcelona e dirixe o programa de radio de ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya) "Barcelona Atlàntica", en Ràdio Trinitat Vella. Está vencellado a outros movementos do tecido asociativo galego en Catalunya como pode ser o Foro Civico Galego de Barcelona e Rede.cat. No ámbito literario foi finalista do X Premi de Redacció Breu Joan Santamaria. Tamén mantén a bitácora Cando os outros calan. »



Anteriores...