A finais da década de 1960 acudín por primeira vez á igrexa de San Domingos de Bonaval para visitar no Panteón de Galegos Ilustres a tumba á que trasladaran os restos do poeta Ramón Cabanillas. Despois de tantos anos desa primeira visita aínda lembro a sensación de tristeza que me producira o verdello das paredes e a escasa luz do Panteón, e lembro tamén un certo aquel de desilusión, porque inxenuamente coidaba que serían moitos os galegos ilustres que ía achar, cando só había catro (Rosalía de Castro e Alfredo Brañas en cadanseu mausoleo, Francisco Asorey e Cabanillas soterrados baixo lousas), e os catro xa me eran coñecidos por diversos motivos. Creo que non volvín a Bonaval ata que trouxeron a Castelao en 1984. Agora xa non había verdello, o Panteón estaba iluminado e parecía integrado no Museo do Pobo Galego, que se ocupaba de mantelo limpo e digno, aínda que non era obriga súa facelo.
Bonaval converteuse nun simbólico lugar da memoria da galeguidade desde  que o 25 de maio de 1891 se inaugurou o coñecido como Panteón de Galegos  Ilustres co traslado desde Padrón dos restos de Rosalía. A Bonaval  acudiu Curros en 1904 para facerlle a ofrenda á muller que con Cantares  gallegos fundou a literatura galega contemporánea, a muller que  nunha situación moi adversa soubo reivindicar a lingua galega e asemade a  dignidade das galegas e dos galegos como pobo. A Bonaval acudiron  galeguistas e nacionalistas no franquismo para honraren as figuras da  Patria alí presentes, como o seguiron a facer na xeira autonómica. A  Bonaval acudiron (e acoden) os gobernos autonómicos para realizar  diversos actos. E os escritores acudiron para velar no Panteón  forxadores da Patria da Lingua como Uxío Novoneyra ou Manuel María.
A  sentenza xudicial que hai uns anos lle outorgou ó Arcebispado  compostelán a propiedade da igrexa de Bonaval, fechada desde mediados do  pasado maio, non pode acabar con esa tradición e converter o edificio,  tal como recolle a prensa, nunha igrexa parroquial, onde unha vez que se  estableza o horario de misas, “xa se poderá contratar persoal ou  organizar algún tipo de voluntariado para vixiar o acceso. Mentres  tanto, quen o queira visitar non ten máis que solicitalo”. Gustaríame  saber se nesa futura igrexa parroquial o Arcebispado compostelán vai  asumir o innegable valor simbólico do lugar e desenvolver o culto  unicamente en lingua galega. 
Á marxe de quen sexa o propietario,  cómpre desbloquear a situación do Panteón, que debería ser tutelado  polo Parlamento de Galicia. Cómpre crear un padroado (ou órgano similar)  do Panteón onde estean representadas, entre outras institucións, a Real  Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego,  xunto con fundacións como a Rosalía de Castro, Brañas e Castelao e  personalidades de diversos eidos científicos. Un dos labores urxentes  dese padroado debería ser a redacción dun regulamento protocolario para  establecer os valores cívicos, artísticos ou científicos que teñen que  cumprir as mulleres e os homes que poden estar en Bonaval.
Tamén  terían que establecerse criterios para o traslado dos restos ou do  enterramento directo. O Panteón creouse para albergar os restos de  Rosalía e uns anos despois acolleu os do xurista e político galeguista  Brañas, promotor da idea, fechándose a partir de entón. Cando o 2 de  xullo de 1961 morreu o escultor Asorey, o arcebispo Quiroga Palacios  autorizou que se soterrase directamente en Bonaval, despois de llo  solicitaren o Reitor da USC, o Alcalde de Santiago e o Comisario do  Patrimonio Artístico; e cando no 1988 se trasladaron os restos do  xeógrafo e matemático Domingo Fontán, foi preceptivo un acordo do  Consello de Cultura Galega, que abriu un expediente para declarar a  Fontán galego ilustre, con dereito a ser soterrado en Bonaval. 
O  vindeiro 15 de xullo, data do 125 cabodano de Rosalía de Castro, a  Asociación de Escritores en Lingua Galega vai facer un cortexo cívico co  mesmo percorrido do traslado da escritora desde o cemiterio padronés de  Adina ata Bonaval. Con este acto quérese reivindicar que o Panteón de  Bonaval sexa un espazo “laico e aberto”, porque hoxe non o é, porque  “está secuestrado á vontade popular, e calquera pobo que non esixa  respecto para os seus propios símbolos fundacionais non terá senón  sombra sobre o seu futuro. Ningunha nación pode renunciar a iso”.
Moitos  arelamos ir un día a Bonaval para gozar dun auténtico Panteón da Memoria  da Galeguidade, que non precisa traslado de restos mortais, porque,  como ben sinalou Xosé Ramón Barreiro, a memoria non necesita sepulturas;  pero nese espazo tan simbólico si cómpre que haxa monumentos,  cenotafios ou memoriais que recollan actos meritorios e trazos  fisionómicos da xente homenaxeada, porque a memoria quere imaxe.
Aínda  que a igrexa e o panteón de San Domingos hoxe están fechados, desde o  claustro do Museo do Pobo Galego pode subirse ata o fermoso coro da  igrexa para contemplar a grandiosidade gótica de Bonaval e ver a entrada  da capela da Visitación (onde están Rosalía, Brañas, Asorey, Cabanillas  e Fontán) e parte do sarcófago de Castelao na capela onde estivera o  Cristo de Ferreiro. Logo, poden fecharse os ollos e imaxinar a Alba de  Gloria pintada nunha parede e por toda a igrexa memoriais alusivos á  xente que entregou o mellor da súa vida pola dignificación de Galicia e  da súa lingua; pode imaxinarse unha intervención escultórica na capela  onde está Rosalía, para que os que xacen baixo lousa nunca máis volvan  ser invisibles cando alí se vele alguén; e tamén se pode imaxinar que a  tumba de Cabanillas xa ten o seu epitafio-encomenda:  
Quero  na lousa que me dé sosego
esta palabra que ten aas: POETA
e esta  palabra que ten luz: GALLEGO
Estes versos –moi posiblemente  as primeiras palabras en galego que lin na miña vida– están gravados nun  rústico panteón do cimeterio de Fefiñáns onde enterraran o autor de  Vento mareiro a finais do 1959; pero desde que o 12 de agosto de 1967 o  trasladaron a Bonaval, a lousa que lle dá sosego aínda non ten a  encomenda que lle fixera á súa muller.
 
			Francisco Fernández Rei naceu en Cambados en 1952. Catedrático de Filoloxía Románica na USC, é membro da Real Academia Galega. »
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto