Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Luís Burgos

O xénero mata

18:57 07/03/2007

Como o tabaco, como a droga e outras adiccións que se combaten, o sistema sexo-xénero pode matar e mata. Como non se agrede aos iguais, a desigualdade e a dependencia son as causas esenciais da violencia e as vítimas principais son  mulleres.

As xustificacións e motivacións de cada caso non é o que nos vai levar a parar esta lacra. Tampouco vale con dicer que esto é máis ben cousa de inmigrantes, que como todo o mundo sabe son uns machistas. Cortiñas de fumo que ocultan o feito de que se trata dunha violencia que se dirixe contra as mulleres porque os seus agresores as consideran carentes de direitos, de libertade, respeto e capacidade de decisión. Ë violencia contra a muller polo feito de ser muller, non por ser sudamericana ou árabe. O xénero, que designa o que en cada sociedade se atribúe a cada un dos sexos, é causa da causa e agrede –e pode matar- por igual a galegas e andaluzas, a ecuatorianas e a senegalesas. Porque a pesar das diferencias –que as hai e de todo tipo- o sistema sexo-xénero é substancialmente o mesmo.

Busquemos un perfil do maltratador –tarefa imposible- e falemos de marxinación, paro, alcoholismo e inmigración para que descanse o Pepito Grillo da sociedade satisfeita. Resaltemos estos aspectos e falemos da nacionalidade dos agresores porque eso debe ser moi importante. E así, entre isto e o outro, vaise sedimentando o pouso toldo do odio e a xenofobia, que o día menos pensado fermenta e reborda para escándalo dunha sociedade “nada racista” pero profundamente cínica.

A realidade é teimuda e amósanos como os tópicos aséntanse en falsedades. Segundo o Instituto da Muller no pasado ano as mulleres vítimas de violencia doméstica foron 68, das que so 5 eran africanas (7,35%) e 8 latinoaméricanas (11,76%). So na Galiza, e durante o ano 2006, presentaronse 2.686 denuncias por agresións. Ë doado comprender que este non é un problema que se lles poida achacar “aos de fora”.

Pensemos tamén noutra forma de violencia contra as mulleres, a que se exerce nos centros de traballo, como o acoso sexual e o acoso por razón de sexo. Segundo diferentes estudos e enquisas, concretamente unha realizada por CCOO ao longo de 2005, máis dun 15% de traballadoras considerabanse vítimas de este tipo de violencia, o que complica ainda máis o acceso ao emprego e a permanencia das mulleres no seu posto de traballo. O acoso, nas súas manifestacións máis graves, provén precisamente do superior xerárquico polo que difícilmente se pode culpabilizar aos inmigrantes, que ocupan as posicións máis baixas das clasificacións profesionais.

Cavilemos en que si esto é así nun centro de traballo “normalizado”, cómo será entón no servizo doméstico, onde as extranxeiras teñen unha presencia significativa e crecente, dado o proceso de substitución dunhas mulleres por outras para que así  “as nosas” poidan ter un traballo remunerado e os homes sigamos ocupándonos das nosas cousas –entre as que non se inclúe nen o autocoidado nen a corresponsabilidade nas tarefas familiares- sen maiores problemas.

En definitiva, a violencia contra as mulleres pode aflorar en determinadas condicións de vida precarias, nunhas relacións de tensión entre a parella por multitude de causas, nunhas épocas do ano máis que noutras; a casuística é notablemente variada, pero no fondo do problema está latente, non a nacionalidade, nen a etnia, nen os comportamentos propios de culturas diferentes, senón o xénero. O sistema sexo-xénero é o que pode matar e moitas veces mata.

2,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Luís Burgos

Natural de Lugo (1954), é licenciado en Dereito. Histórico do sincadalismo nacionalista, participou na constitución da INTG e anos máis tarde na da CXTG. »



Anteriores...