Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Iglesias

O galego e as empresas

12:02 28/12/2009

No ano 2006, o cabido da catedral de Compostela decidiu agochar as figuras deitadas ao pé do cabalo do Santiago Matamouros embaixo dun ornamento de lirios brancos. Non é a primeira vez que sucede tal arranxo. Eu teño escoitado que despois da Guerra Civil, cando entre as autoridades militares de Galicia estaba un dos mouros que fixeron a guerra con Franco, durante a ofrenda do Apóstolo cubrían as figuras deitadas con flores e ramallos, provocando a rexouba dos composteláns diante do que semellaba un concurso hípico.

Aínda que daquela non o souberan, o pudor das autoridades da época era unha manifestacións do que agora consideramos politicamente correcto; é dicir, a vontade de non amolar as minorías que, pola súa condición, merecen ser protexidas.

Tamén é certo que vivimos nun tempo onde está ben visto ser politicamente incorrecto. Por exemplo, se aceptamos que o galego é unha lingua de uso social minoritario nos ambientes urbanos e tamén que a redución de falantes é un feito progresivo, sería politicamente incorrecto dicir que o castelán está asoballado pola imposición do galego; cousa que, ademais, é mentira. Non obstante, tan radical afirmación ten prendido nun elevado número de persoas, que din sentirse agredidas polo suposto pulo do idioma minoritario. Eu non sei que entenderán eles por asoballamento, pero se queren ter a medida xusta do que significa ser asoballado, poden probar a presentarse nunha entrevista de traballo diante de calquera grande empresa falando en galego.

De certo, os empresarios galegos non son os únicos responsables do desprestixio social que arrastra o idioma galego. Pero si estou convencido de que son o principal atranco que existe hoxe en día para a súa dignificación. Quizais haxa que agardar pola chegada dunha nova xeración de emprendedores que asuma o galego como a lingua dos negocios, para brindar con Cunqueiro polas mil primaveras máis que agardan polo noso idioma.

Quen sabe, hai que ter confianza no futuro que MALO SERÁ.

4,35/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »



Anteriores...