Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alberto Estévez

A Lei da Memoria Histórica

11:00 02/10/2007

Este verán, o Tribunal Supremo español condenaba a máis de 1.000 anos de cárcere por crimes de lesa humanidade ao represor arxentino Adolfo Scilingo polo seu papel na ditadura militar dese país. O 17 de xullo, por contra, a Sala Militar do Supremo negábase a revisar o xuízo inxusto ao que foi sometido Salvador Puig-Angich, executado en 1974. As súas irmás preparan agora un recurso ante o Constitucional.

Ese mesmo vieiro xa o percorríu, sen éxito, a irmá de Xosé Humberto Baena Alonso, un dos cinco executados polo réxime franquista o 27 de setembro de 1975, que presentará proximamente un recurso ante o Comité de Dereitos Humanos da ONU, organismo encargado de velar polo cumprimento das disposicións do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, logo de que o tribunal Europeo de Dereitos Humanos lle dixese en 2005 que non podía analizar o caso porque daquela España non era Estado Parte do Convenio Europeo de Dereitos Humanos. O seu obxectivo é conseguir a anulación do xuízo inxusto ao que foi sometido seu irmán Xosé Humberto por mor da violación dun dereito humano básico, o de ser xulgado de forma xusta e con garantías. No seu Consello de guerra sumarísimo non foi o caso, ademais de ser acusado dun delito de asasinato que non cometera, houbo unha chea de irregularidades no proceso e asinou unha “confesión” arrincada tras ser torturado.

O Estado español, que procesou a Pinochet, non foi quen de afrontar as súas propias pantasmas, agochadas moitos delas en foxas comúns en cunetas espalladas por toda España. 71 anos despois do inicio da Guerra Civil, cómpre pasar páxina dunha vez. Pero para facelo, antes hai que lela, como dixo Louis Joinet no seu informe final sobre a cuestión da impunidade dos autores de violacións de dereitos humanos. E para iso cómpre vontade política, entre outras cousas, e andamos ben escasiños dela.

Abusos e violacións
Na Guerra Civil e no Franquismo cométeronse abusos e violacións de dereitos humanos condenados xa daquela polo dereito internacional como torturas, execucións extraxudiciais, bombardeos de pobación civil ou xuízos inxustos. Trátase de crimes contra a humanidade, que non prescriben, conforme ao dereito internacional. A diferencia fundamental é que, sendo todas víctimas, as dun bando recibiron xustiza e reparación en forma de diversas prebendas e recoñecementos e as do outro non.

Esta semana é o momento decisivo para a denominada “Memoria Histórica”. Se para o venres 7 de outubro os grupos parlamentarios en Madrid non dan chegado a un acordo sobre o texto, pasarán os prazos regulamentarios para a súa aprobación na presente lexislatura. Non daría tempo a que fose aprobado polo Congreso dos Deputados, pasar polo Senado (onde o PP, que se opón á Lei, ten maioría), e voltar ao Congreso para ser aprobada antes da disolución das Cortes, xa que neste trimestre ten prioridade na tramitación parlamentaria a Lei de Orzamentos Xerais do Estado. Daquela, perderíase unha excelente oportunidade de facer xustiza ás vítimas da Guerra Civil e a represión franquista. O grupo socialista apura as negociacións cos demáis grupos xa que non ten maioría e necesita do apoio doutros grupos, probablemente CiU e ben IU-IC Verts ou o PNV ou o Grupo Mixto.

O texto actual da Lei foi criticado por moitas das asociacións que traballan pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas. O proxecto de lei “pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a prol de quen padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura”, que así se chama en realidade, é fundamentalmente un texto que propón medidas de reparación moral, social e económica dos danos ocasionados ás persoas con motivo da Guerra civil, da represión franquista, e a transición. O goberno tardou case dous anos en presentalo ás Cortes, incumprindo reitaradamente as súas promesas en canto a prazos, logo dun acordo parlamentario ao inicio da lexislatura que pedía “un Proxecto de Lei de Solidariedade coas vítimas que sufriron danos persoais”.

Enmendas

Hai xa case seis meses que pechou o prazo de presentación de enmendas ao texto presentado polo goberno, que Amnistía Internacional criticou duramente por esquecer o dereito internacional e incluír medidas que apuntaban a un posible Lei de Punto Final, puntos estes correxidos na tramitación parlamentaria. Agora entráronlle as presas ao grupo parlamentario socialista, pero as cousas mail feitas desde o principio non poden ter un bon fin, e poden rematar converténdose nunha chafallada, se non hai vontade política para correxir esta situación. O tempo corre e as perspectivas non son moi boas.

No texto do proxecto, actualmente en discusión en ponencia na Comisión Constitucional, o gran ausente é o dereito internacional. É verdade que este é, moitas veces, un gran descoñecido, pero non o debería ser para os/as lexisladores, xa que a propia Constitución de 1978 establece que as normas internacionais en materia de dereitos humanos son de obrigado cumprimento para o Estado español. Por iso convén recordar cales son as obrigas internacionais, nun momento clave para o futuro da Lei; resúmense en tres dereitos, establecidos na Resolución 60/147 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 16 de decembro de 2005, que establece os dereitos das vítimas de graves violacións de dereitos humanos e do dereito internacional humanitario,.

* O dereito á VERDADE (totalmente ausente no proxecto),
* O dereito á XUSTIZA individual (que o texto recolle moi escasamente), e
* O dereito á REPARACIÓN (na liña dos últimos 30 anos, o texto só supón indemnizacións económicas).

Pero que di exactamente o texto do proxecto e como casa (máis ben non) isto co dereito internacional? Vaimos por partes. O proxecto (Art. nº 2) proclama o carácter inxusto das condenas, sancións e expresións de violencia persoal producidas durante a Guerra e a Ditadura. Prevé, así unha especie de certificado de vítima, unha “Declaración persoal de contido rehabilitador e reparador”, desprovisto de todo efecto. Tampouco afecta a unha das principais demandas das vítimas: a revisión e anulación dos xuízos inxustos. Por que?. O goberno seica temía unha chea de recursos ante o Supremo, e por iso négase polo de agora a que esa declaración teña efectos xurídicos. Algúns grupos parlamentarios como o de IU-IC insisten en que o texto recoñeza explicitamente (sexa no preámbulo ou no artigo 4, que fala da “ilexitimidade” dos xuízos) a posibilidade de presentar un recurso individual ante o Tribunal Supremo. Hai dúas vías para solventar este atranco: unha é, como fixo Alemania cos procesos do réxime nazi, decretar a nulidade do xuízos mediante unha lei específica; outra é incluír no texto da lei un mecanismo claro que permita a presentación de recursos ante o Supremo nos casos de xuízos inxustos. De feito, Amnistía Internacional propoxulle esta posibilidade ao Secretario de Estado de Relacións coas Cortes, Francisco Caamaño, hai poucas semanas nun documento en que detallaba propostas sobre o deleito á verdade e á xustiza á luz das numerosas experiencias doutros países dos que podíamos aprender algo (Sudáfrica, Arxentina, Chile, Guatemala…). A mellor solución non é empezar a casa polo tellado, como se ten feito aquí, senón crear un organismo temporal de carácter non xudicial que establecese a verdade do ocurrido e cualificase as violacións e os abusos contra os dereitos humanos no período da Guerra Civil e o franquismo. Logo desta investigación exhaustiva e independente (algo pendente en España), este organismo podería identificar os casos de xuízos inxustos e a propia Fiscalía Xeral do Estado podería tramita-la súa revisión de oficio. Ou é que acaso van ter as vítimas e os seus familiares que ser quen paguen os gastos das revisións duns procesos inxustos levados a cabo polo Estado?. Non ten sentido que os particulares teñan que gastar os seus cartos nesta tarefa que lle corresponde ao Estado. Pero para crear esa “Comisión da Verdade” fai falta vontade política, e o enfoque do goberno sobre este asunto ten sido desde o principio dar unha mera reparación económica as vítimas que non a tiñan e mellorar a das que xa viñan cobrando algún tipo de axuda desde 1979. Por esa razón os artigos 5 a 9 do texto establecen, na liña de indeminizacións meramente económicas adoptadas polos diferentes gobernos desde 1975, melloras de dereitos económicos xa recollidos (indemnizacións, pensións, etc.).

Desaparecidos
En canto aos desaparecidos, prevé medidas e instrumentos para que as Administracións públicas “faciliten” os traballos de localización e identificación dos desaparecidos. Cando quererá entender o goberno que o delito de desaparición é un delito permanente conforme ao dereito internacional?. Non prescribe, por moitos anos que pasen ou medidas políticas de perdón ou amnistía. O caso de Arxentina fala por si só. Pero non, o goberno vai subvencionar (a seguir subvencionando, máis ben, como fai desde o ano pasado) ás asociacións privadas que se dedican á recuperación e identificación dos corpos das foxas, pero ao facelo así, abdica da súas responsabilidade de perseguir crimes de lesa humanidade e privatiza a busca da verdade, afastando estas tarefas do contexto xudicial, que é o que lle corresponde. Os responsables deses crimes, non importa a súa idade, deben comparecer ante a xustiza e responder por eles. Outra cousa é que, polo avanzado da súa idade nalgúns casos, poidan beneficiarse das medidas correspondentes de gracia, pero deben render contas das súas actuacións. Mentres, a Audiencia Nacional non avanza na investigación das denuncias presentadas por organizacións como a Comisión da Memoria Histórica do 36 de Ponteareas, en mans do xuíz Garzón.

No referente á simboloxía franquista, o texto di que goberno tomará medidas para a retirada da simboloxía franquista nos monumentos, edificios e lugares de “titularidade estatal”, e “colaborará” coas Comunidades Autónomas nun catálogo de “vestixos”. A mesma ONU recomendou xa hai anos que se tivese en conta o efecto destes símbolos sobre as vítimas.

Outras disposicións da Lei refírense a melloras na desfeita dos arquivos (a normativa que os regula é de 1901), a creación dun Centro Documental da Memoria Histórica en Salamanca, entre outras cuestións. O seu obxectivo, di a Lei é “contribuír a cerrar feridas aínda abertas e dar satisfacción aos cidadáns que sufriron as consecuencias da Guerra Civil ou da represión da Dictadura”. Se fose así, tería que respetar os elementos básicos do dereito á reparación segundo as normas internacionais, entre eles o dereito a interpor recursos e o dereito a obter unha reparación. As vítimas deben ter acceso efectivo á xustiza, ese que vén negándolles tan reiterada como inxustificadamente o Tribunal Supremo. E deben recibir unha reparación adecuada, efectiva e rápida do dano sufrido, o que inclúe cousas totalmente ausentes do texto da lei:

- Restitución: sempre que sexa posible volver á vítima á situación anterior (identidade, vida familiar, volta ao lugar de residencia, reintegración no emprego e devolución de bens)
- Indemnización: apropiada e proporcional á gravidade da violación sufrida, por tódolos prexuízos economicamente avaliables (dano físico e mental, perda de oportunidades de emprego, educación e prestacións sociais, danos materiais, perda de ingresos, prexuízos morais, gastos médicos, legais e psicolóxicos).
- Rehabilitación, que inclúa a atención médica e psicolóxica, e servizos sociais e xurídicos.
- Satisfacción, incluídas medidas para que cesen as violacións que continúen, a verificación dos feitos e revelación pública e completa da verdade, a busca de desaparecidos e os cadáveres dos asasinados, a axuda para recuperalos, identificalos e inhumalos segundo os desexos da familia ou a práctica cultural da comunidade; unha declaración oficial ou decisión xudicial que restableza a dignidade, reputación e dereitos da vítima; unha desculpa pública que inclúa o recoñecemento dos feitos e a aceptación de responsabilidades
- Garantía de non repetición do abuso (medidas lexislativas e de educación).

Para rematar, pase o que pase coa “Lei de Memoria”, hai moitas medidas que, con vontade política, o goberno pode adoptar independentemente da Lei: a revisión e anulación (por lei) dos xuízos, a creación dunha Fiscalía especializada para os crimes de lesa humanidade, a creación dunha Comisión da Verdade, abordar a exhumación de foxas desde unha óptica xudicial ou tomar medidas para paliar o desastre dos arquivos. Para todo iso só fai falta algo: vontade política e desexos de cumprir as obrigas internacionais que ten o Estado neste terreo. Nada máis, e nada menos.

4,38/5 (16 votos)



Alberto Estévez

Alberto Estévez Suárez naceu en Vigo en 1970. Vencellado a Amnistía Internacional desde hai 20 anos. Desde 2000 ata 2003 traballou como consultor internacional na preparación da campaña mundial "Armas Baixo Control". Actualmente traballa como voluntario na agrupación viguesa de AI e asesora á Sección española de AI en temas de comercio de armas. »



Anteriores...