Até hai pouco tiñámolo no cerne da redacción, poñéndolle humor ao día, propoñendo rocanrol pra os titulares ou aquelando galego.org. Tiña Vieiros na cabeciña e con ela sobre os ombreiros chimpou o mar para chegar a Escocia na procura de novos desafíos.
Na caixa de correo atopamos este afago que nos envía:
Prezados vieirescos e vieirescas:
É unha alegría moi grande vervos desta maneira. Dende estas 2000 millas que nos separan podo arrecender as pizzas e as aliñas de polo das últimas horas, sentir como bailan os corchetes do html e lembrar as vellas frases da voltiña etc. Pero o esforzo valeu moito a pena. O produto é fantástico, posibilita moitas ferramentas de participación e dálle unha aparencia bastante moderna, relaxada e cómoda de navegar.
Claro que haberá pequenos erros, pero as utilidades que implementastes para que se vos poidan comunicar di moito do que está no fondo dos vosos propósitos de medio aberto e comunitario. Tamén me enche de orgullo ver como pequenas e grandes cousas que levaban moito tempo na recámara, dende as RSS ao 'Vieiros de meu', saen por fin á luz: pouco e pouco, e con esforzo, fóronse sacando pra adiante. E iso mola.
Xa non sei cantos estades nese barco, nin os que estades. Algo puiden saber do proceso mentres se xestaba e agora conténtome con ver o flickr (malia que non sacásedes foto das pizzas). A todos e todas vós, os meus maiores parabéns. Transmitídellelos aos que non reciben o mail, please.
Ao voso dispor.