Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Comisión de "tasca"

Redacción - 29/10/2007 18:30 - visitas

Remexía na cadeira o deputado Ruiz Rivas, respectado orador parlamentario do PPdeG, mentres á súa beira o señor Ignacio López Chaves improvisaba unha galería de despropósitos na súa intervención deste luns durante a Comisión de Investigación sobre a Cidade da Cultura. Levaba consumido case que a totalidade do seu tempo o deputado Chaves e aínda non comezara a falar do tema que citaba aos deputados unha vez máis este luns: a Cidade da Cultura. Non se lle vía cómodo a Ruíz Rivas coa desbaratado discurso do seu compañeiro, que mesturaba referencias a Marx, Lenin e os estatutos da UPG, con presuntos extremismos argallados para a "exterminación do contrario". Non foi a primeira vez, e outras xa divertira ao persoal empatando o Bloque con Herri Batasuna e outras peras con cebolas. "Isto parece unha tasca", dicía Chaves, mentres paradoxalmente o seu discurso non axudaba a que parecese un Parlamento de verdade.


Non o criticaremos desta volta, a López Chaves, por non facer o esforzo de falar en galego na Cámara de representación do pobo galego. Outras veces ten sido criticado polos seus problemas co galego, pero malia todo, sería bo que seguise practicando. Este luns optou directamente polo castelán. Pouca ganancia lle está rendendo ao PPdeG a comisión que no seu momento desafíaron a crear aos seus rivais parlamentarios. E menos ganancia tirarán se seguen optando porque sexan parlamentarios así os que asuman o protagonismo. Baixo deixan o listón.


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: