Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cosova

Redacción - 03/07/2007 11:45 - visitas

Achegámosvos a tradución ao galego do último artigo de Ignacio Ramonet en Le Monde Diplomatique:


"Non resolta desde hai oito anos, a espiñenta cuestión de Cosova instálase novamente no corazón da política internacional. O presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, alarmou as chancelarías ao declarar, o 10 de xuño, embriagado sen dúbida polo seu recibimento triunfal en Tirana (Albania), que era necesario saber dicir "basta!" cando as negociacións se prolongan demais.

Segundo el, Cosova debe declarar pronto a súa independencia de xeito unilateral, que Washington recoñecerá sen esperar o veredicto do Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) (1). Cabe preguntarse por que razóns, en Palestina, cincuenta anos non foron abondo para crear un Estado independente (coas tráxicas consecuencias coñecidas), e por que, en cambio, debería resolverse a cuestión de Cosova canto antes.

Nos Balcáns, precipitación diplomática é ás veces sinónimo de catástrofe. Recordamos o moito que a présa de Alemaña e o Vaticano por recoñecer, en 1991, a secesión de Croacia favoreceu a dislocación da antiga Iugoslavia e o inicio da guerra serbio-croata, seguida pola guerra de Bosnia. Sen minimizar o papel nefasto do ex presidente Slobodan Milosevic e dos extremistas partidarios da "Gran Serbia", debe admitirse que certas potencias europeas teñen a súa responsabilidade nestes enfrontamentos, os máis mortíferos no Vello Continente desde a Segunda Guerra Mundial.

A precipitación favoreceu tamén a guerra de Cosova en 1999, cando algúns Estados europeos e Estados Unidos negáronse a continuar as negociacións con Belgrado (2), decidiron eludir o debate no seo do Consello de Seguridade, e, sen mandato da ONU, utilizaron á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para bombardear Serbia durante varios meses e obrigar ás súas forzas a abandonar Cosova. A resolución 1244 da ONU puxo fin, en xuño de 1999, a esta ofensiva, e puxo a Cosova baixo administración de Nacións Unidas, mentres que unidades da OTAN -a Forza de Mantemento da Paz en Cosova (KFOR), integrada por dezasete mil homes- garanten desde entón a súa defensa.

Esta resolución 1244 recoñece a pertenza de Cosova a Serbia. Algo decisivo, pois o principio adoptado polas potencias implicadas nas recentes guerras dos Balcáns foi sempre o de respectar as fronteiras interiores da antiga República socialista federal de Iugoslavia. Precisamente en nome deste principio foron rexeitados e combatidos os proxectos de "Gran Croacia" e de "Gran Serbia" que ameazaban con desmantelar Bosnia-Herzegovina. E é sobre este principio sobre o que se apoia hoxe Serbia, apoiada entre outros por Rusia, para rexeitar o plan proposto polo mediador internacional Martti Ahtisaari.

A independencia será talvez a solución inevitábel para Cosova, tan enormes son os obstáculos ao seu mantemento no marco administrativo de Serbia. Pero esta vía só pode considerarse no marco dunha concertación estreita e prolongada con Belgrado, preocupado por outra banda pola protección da minoría serbia que permanece en Cosova.

Unha independencia precipitada, como a reclama o presidente Bush, non negociada no marco da ONU, podería levar á constitución, a curto prazo, dunha "Gran Albania", o que relanzaría automaticamente os irredentismos croatas e serbios a expensas de Bosnia. Nin falar do precedente internacional explosivo que constituiría para múltiples entidades tentadas de proclamar, elas tamén, unilateralmente, a súa independencia. Véxase: Palestina (Israel), Sáhara Occidental (Marrocos), Transnistria (Moldavia), Curdistán (Turquía), Chechenia (Rusia), Abjazia (Georgia), Alto-Karabaj (Azerbaiyán), Taiwán (China), e até en Europa, o País Vasco e Cataluña (España, Francia), por citar só estes casos.

Está disposto Bush a garantir estas independencias como declara querer facelo para Cosova? Temos ante os nosos ollos os alucinantes estragos causados en Oriente Próximo polas iniciativas irresponsábeis do actual presidente de Estados Unidos. A súa pesada incursión, agora, nun teatro tan explosivo como o dos Balcáns, un dos máis perigosos do mundo, consterna e asusta".


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: