O voceiro do PPdeG no Parlamento, Xosé Manuel Barreiro, visitou a redacción de Vieiros. Días antes pasaran por aquí o do BNG, Carlos Aymerich, e o do PSdeG, Ismael Rego. Cada un ten o seu aquel, que diría o outro, e hai impresións que, comprenderán, teñen que quedar pechadas entre estas catro paredes. Mais hoxe leo nunha noticia de Europa Press unha expresión que non ten prezo e que lle escoitamos a Barreiro unha semana antes: "A Touriño mexoulle un can no camiño". O deputado conservador referíase ao candidato socialista de Bande, propietario á súa vez de sete inmobiliarias. Non lle faltaba razón. Mais os cans son teimudos para todos. Hai poucos días unha compañeira de filas de Barreiro acusaba a Cacharro Pardo de meterlle cambadelas ao partido e de apoiar por atrás as candidaturas de Terra Galega. De confirmarse a teoría, para chegar á Deputación de Lugo, a Xosé Manuel Barreiro tamén lle tería saído algo pouco agradábel ao camiño.