Logo do fracaso de Lobelle e Azkar na Copa de España de fútbol sala, o interese pola ídem baixou en Lugo a niveis mínimos. Porén, por unha final entre os dous mellores equipos do campionato -disque do mundo-, valía a pena un pequeno investimento de dez euros -aínda que un paxariño me dixo que algún que outro "evitou" abonar a entrada, "por principios". (Segue)
A resaca do sábado convidaba a comer pipas e a beber cervexa sen alcol, sen se mover moito da butaca, mais, fóra dos bombos murcianos e os chimpos de El Butanito no palco presidencial (por certo, decretado hai anos polo Concello de Lugo persoa non grata, mais iso xa é outra historia); dicía que, fóra diso, tan só unha cousa fixo ferver ao público.
Os xogadores de ambos os dous equipos saltaron ao terreo de xogo flanqueados por un grupo de gaitas de Narón (na comarca de Ferrolterra -si, home si, alí onde no século pasado facían barcos). O Pazo dos Deportes en pé, en silencio. Comeza a sonar o Himno galego, e non chegados á altura de non des a esquecemento a inxuria ..., os xogadores rompen filas, saúdanse e pasan de todo, tío.
Mal que lles pesou. Da pitada que lles caeu que xa nin himno nin gaitas. Os de Narón, profesionais dos que xa non quedan, seguían a tocar, mais non se puido escoitar nin unha soa nota máis d'Os Pinos. A xente berraba fóra, fóra!, e algún que outro, medio envalentonado, aturuxou un ronco "Galiza Ceibe!". Seica, segundo dixeron máis tarde, foi por cousa do directo, da tele ou de non sei que, mais o follón foi de órdago. Sen dúbida, foi o "máis mellor" do domingo, tanto que, algún que outro que comía pipas e bebía cervexa sen alcol, acabou de tapas pola rúa dos viños.