Os que agardamos ansiosos a chegada do papel dixital alegrámonos ou polo menos esbozamos un leve sorriso cando coñecemos a nova que nos chegou este venres desde o New York Times. Porén, de seguro que algúns dos xornalistas deste rotativo de referencia mundial non opinan o mesmo ca nós (segue)
E é que o seu editor, Bill Keller, decidiu adiantar a primeira xuntanza do día, que se celebraba ás 16:00 h, até as 10 da mañá. O novo horario, ten como obxectivo non darlle as costas a edición dixital do xornal estabelecendo desde a primeira hora unha serie de prioridades en relación co que eles chaman 'breaking news', as noticias 'potentes' da mañá.
Deste xeito, a primeira hora do día os diferentes departamentos do periódico neoiorquino xa terán definidas as liñas básicas que tratarán na edición impresa do día seguinte. En resumidas contas, e gardando as distancias, a edición de papel do New York Times será cada vez máis un resumo da edición dixital do día anterior.
Tampouco pensedes que Keller e os seus homes son uns visionarios do novo xornalismo no contexto da chegada das novas tecnoloxías... Na nosa redacción xa levamos empregando desde hai tempo a “mesa de redacción” matinal ;) Abrimos quenda ás sete da mañá e contra as nove xa lle andamos polo segundo café e analizando todo o que o día vai dar de si.
Política, internacional, cultura, deportes, caralladices... todo é tratado e priorizado co obxectivo de que a media mañá Vieiros estea aqueladiño e ofrecendo a información máis quente, potente e recente; aquela que a prensa escrita xa non está a tempo de dar.