Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Blog


Ramon Vilar - 04:53 08/03/2007

Se é, que sexa nena

Avanzada a madrugada, os ordenadores collen un estraño gusto a cafeína e a cigarriños furtivos. A redacción ten algo de hospital, concretamente de maternidade. É necesaria a cirurxía. Álvaro e Berto andan cos bisturís, Robert achanza calquera problema uns metros máis aló. Lois, por responsabilidade paterna, aguanta estoicamente, facendo votos para que nada falle. Lara, Gael, Modesto e Fernando, logo dunha xornada tamén longa, agardan na casa o sinal dos primeiros choros da mañá. As contraccións xa empezaron hai horas e o parto é inminente.

O novo Vieiros nace nunha data moi sinalada. Axiña as primeiras luces do amencer darán paso ao Día da Muller Traballadora. Co día tamén volverá a actividade. Chegará un feixe de correos electrónicos de todas as esquinas do país, o bruar dos teléfonos será a banda sonora e na mesa de redacción discutiranse os temas do día. Que queren que lles diga...se é, que sexa nena.

5 comentarios


Roberto Noguerol - 04:31 08/03/2007

Flickr

E pois si, tamén estamos de estrea no Flickr

0 comentarios


Roberto Noguerol - 04:15 08/03/2007

Vieiros no SlideShare

Peneiramos unhas cantas estampas do vello Vieiros, máis ben dos vellos, xa que nesta altura falamos da versión 6.0. Aproveitando a bitácora aquí aberta, aquelámoslle unha escolma de diapositivas, un chisco pataqueira polas presas, para inaugurar conta en Slideshare.
Velaí:



Tamén podedes consultar unha pequecha galería.

0 comentarios


Roberto Noguerol - 03:59 08/03/2007

Vieiros Antípodas

En Kiritimati son as catro da tarde e aínda non saiu o novo Vieiros. A República de Kiribati, por certo, seica é o primeiro lugar habitado do planeta en recibir o Aninovo. Son cousas que se pensan así, ás catro da mañá, nun blog de redacción calquera.

Poden ampliar, como non, na Wikipedia

0 comentarios


Noguerol - 13:48 28/02/2007

Once anos contando as cousas desde aquí

Un 24 de febreiro de 1996 nacía un pequecho buscador de webs galegas, o primeiro Vieiros, que abrollaba como punto de encontro para os galegos en internet e en pouco tempo comezaba a achegar noticias a través da rede. Cando aínda había quen pensaba que internet era cousa de maxia, por estas datas, un 24 de febreiro de 1997 Vieiros xa lles contaba doutras maxias, as do Mago Antón, que participaba nun congreso internacional nos EUA.

Mariñeiros cataláns a experimentar desde alta mar a venda en rede do peixe, a chegada do buscador ás 10 mil webs rexistradas, as últimas novidades sobre a fenda dixital galega, o relato da gran manifestación coa que Nunca Máis asolagou Madrid... Foron outras noticias o 24 de febreiro de anos anteriores. Este ano temos unha especial para destacarlles: o avance sobre o que en poucos días será o novo Vieiros.

Deica aquí veu o Ano Vieiros, que iniciamos o 24 de febreiro de 2006. E que é Vieiros? De onde vén, onde está e onde vai? Internet coma nova ferramenta para contar as cousas, para contalas en galego, para contalas doutra maneira, a rede á fin para contar tamén de cousas que noutros espazos non se contaban. Mirar as cousas desde o noso contorno, desde Galiza. Pensar o mundo desde aquí. Velaí algunhas respostas no que fora o noso especial Dez anos de Vieiros.

0 comentarios



Flickr

Mustafa Abdülcemil, líder do tártaros de Crimea Igrexa en Foros, ao sur de Crimea / Autor: HungryForester Koktobel, ao sur de Crimea / Autor: Ruslik Kefe / Autor: dlia_4erez_v Crimea / Autor: sergey.ring Crimea / Autor: sergey.ring2 Haspra / Autor: Argenberg Antiga cidade de Chersonesos, en Akyar/Sevastopol / Autor: Argenberg Balaklava / Autor: Lyncis

Del.icio.us