Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Blog


Redacción - 14:36 11/07/2007

Investigadoras

Este martes entregáronse os galardóns galegos de xornalismo científico. Iolanda Fernández Casal foi a gañadora do primeiro premio pola súa serie sobre investigadoras.
O premio entregouse durante unha tertulia-café na que investigadoras e xornalistas falaron sobre a visibilidade das investigadoras e do seu traballo na sociedade. Aproveitamos para lembrarvos que na súa anterior edición o premio veu para Vieiros.

0 comentarios


Redacción - 18:33 10/07/2007

Caderno da Revolución Cultural


Xavier Queipo, quen de cando en vez nos agasalla cos seus artigos polas páxinas de Vieiros e que regularmente tamén colabora co Diario Cultural, na Radio Galega, presentou este martes a escolma Caderno da Revolución Cultural, publicado por Laiovento.

Estiveron no acto, celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación, o profesor, xornalista e poeta Manuel Outeiriño; Francisco Pillado, editor; Ana Romaní, do Diario Cultural; Xurxo Souto, director de programación da Radio Galega, e o propio autor.

No vídeo poden escoitar as súas reflexións. Iso si, condicionadas pola mala acústica da sala... Os que pasaron por esta Facultade saben ben, sabemos, de que o prestixioso arquitecto que lle pon placa na entrada non reparou nestes detalles, e noutros, do día a día e de que as eivas da acústica lle afectan mesmo aos estudos de radio do centro... E con todo, a próxima vez que pasemos por alí prometemos levar un micro para compensar o efecto Siza.

0 comentarios


Redacción - 11:00 10/07/2007

Filosofía de cadeira

"-Utilizando calquera cousa aplicabel que aprenderon durante o curso, demostren que esta cadeira non existe"


Brincadeira vista en Mondoxibaro, onde poden atopar a solución.

0 comentarios


Redacción - 12:00 06/07/2007

Na bici polo camiño do AVE

Para chamar a atención sobre o impacto que as obras do tren de alta velocidade están tendo sobre a parroquia de Arins, en Compostela, este domingo o colectivo cultural A Gentalha do Pichel organiza unha saída en bici pola zona.

Convidan a todo quen queira unirse. A saída está prevista ás 12h do Pichel (rúa Santa Clara, 21, en Compostela) O percorrido terá unha duración aproximada dunha hora e media.

Máis na web da asociación.

0 comentarios


Redacción - 11:45 03/07/2007

Cosova

Achegámosvos a tradución ao galego do último artigo de Ignacio Ramonet en Le Monde Diplomatique:


"Non resolta desde hai oito anos, a espiñenta cuestión de Cosova instálase novamente no corazón da política internacional. O presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, alarmou as chancelarías ao declarar, o 10 de xuño, embriagado sen dúbida polo seu recibimento triunfal en Tirana (Albania), que era necesario saber dicir "basta!" cando as negociacións se prolongan demais.

Segundo el, Cosova debe declarar pronto a súa independencia de xeito unilateral, que Washington recoñecerá sen esperar o veredicto do Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) (1). Cabe preguntarse por que razóns, en Palestina, cincuenta anos non foron abondo para crear un Estado independente (coas tráxicas consecuencias coñecidas), e por que, en cambio, debería resolverse a cuestión de Cosova canto antes.

Nos Balcáns, precipitación diplomática é ás veces sinónimo de catástrofe. Recordamos o moito que a présa de Alemaña e o Vaticano por recoñecer, en 1991, a secesión de Croacia favoreceu a dislocación da antiga Iugoslavia e o inicio da guerra serbio-croata, seguida pola guerra de Bosnia. Sen minimizar o papel nefasto do ex presidente Slobodan Milosevic e dos extremistas partidarios da "Gran Serbia", debe admitirse que certas potencias europeas teñen a súa responsabilidade nestes enfrontamentos, os máis mortíferos no Vello Continente desde a Segunda Guerra Mundial.

A precipitación favoreceu tamén a guerra de Cosova en 1999, cando algúns Estados europeos e Estados Unidos negáronse a continuar as negociacións con Belgrado (2), decidiron eludir o debate no seo do Consello de Seguridade, e, sen mandato da ONU, utilizaron á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para bombardear Serbia durante varios meses e obrigar ás súas forzas a abandonar Cosova. A resolución 1244 da ONU puxo fin, en xuño de 1999, a esta ofensiva, e puxo a Cosova baixo administración de Nacións Unidas, mentres que unidades da OTAN -a Forza de Mantemento da Paz en Cosova (KFOR), integrada por dezasete mil homes- garanten desde entón a súa defensa.

Esta resolución 1244 recoñece a pertenza de Cosova a Serbia. Algo decisivo, pois o principio adoptado polas potencias implicadas nas recentes guerras dos Balcáns foi sempre o de respectar as fronteiras interiores da antiga República socialista federal de Iugoslavia. Precisamente en nome deste principio foron rexeitados e combatidos os proxectos de "Gran Croacia" e de "Gran Serbia" que ameazaban con desmantelar Bosnia-Herzegovina. E é sobre este principio sobre o que se apoia hoxe Serbia, apoiada entre outros por Rusia, para rexeitar o plan proposto polo mediador internacional Martti Ahtisaari.

A independencia será talvez a solución inevitábel para Cosova, tan enormes son os obstáculos ao seu mantemento no marco administrativo de Serbia. Pero esta vía só pode considerarse no marco dunha concertación estreita e prolongada con Belgrado, preocupado por outra banda pola protección da minoría serbia que permanece en Cosova.

Unha independencia precipitada, como a reclama o presidente Bush, non negociada no marco da ONU, podería levar á constitución, a curto prazo, dunha "Gran Albania", o que relanzaría automaticamente os irredentismos croatas e serbios a expensas de Bosnia. Nin falar do precedente internacional explosivo que constituiría para múltiples entidades tentadas de proclamar, elas tamén, unilateralmente, a súa independencia. Véxase: Palestina (Israel), Sáhara Occidental (Marrocos), Transnistria (Moldavia), Curdistán (Turquía), Chechenia (Rusia), Abjazia (Georgia), Alto-Karabaj (Azerbaiyán), Taiwán (China), e até en Europa, o País Vasco e Cataluña (España, Francia), por citar só estes casos.

Está disposto Bush a garantir estas independencias como declara querer facelo para Cosova? Temos ante os nosos ollos os alucinantes estragos causados en Oriente Próximo polas iniciativas irresponsábeis do actual presidente de Estados Unidos. A súa pesada incursión, agora, nun teatro tan explosivo como o dos Balcáns, un dos máis perigosos do mundo, consterna e asusta".

1 comentarios


"Eu quero unha bandeira azul" - 18:30 28/06/2007

Surfin' S.d.C. (Bugallo surfeando Santiago de Compostela)

Seica na entrega de bandeiras azuis, Bugallo quixo marchar cunha bandeira para o concello, e Pérez Touriño tívolle que dicir ao alcalde de Compostela: "Capital de Galiza, si, mais todo non se pode ter", ao que Sánchez Bugallo lle retrucou cunha canción. Poden escoitala no interior.
El que fará Bugallo nesta foto?  

0 comentarios


Redacción - 11:41 27/06/2007

"Europa está practicamente ausente do discurso político da maior parte dos países da Unión"

Igadi Sublíñano desde o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Igadi, na presentación do último número da revista Tempo Exterior, incluíndo "unha ampla reflexión sobre a idea de Europa, a súa aparente parálise política interna e as súas relacións internacionais".



Incorpora artigos sobre a complexa ampliación da Unión Europea, principalmente cara Europa do Leste (Celso Cancela Outeda), as debilidades e retos globais da política exterior europea (Benjamín Kienzle) e o impacto do proceso de integración europeo para América Latina, plasmado desde unha perspectiva latinoamericana (María Elisa Gentile, Eliana Dam e Úrsula Eyherabide). Ademais, reflexións de tres eurodeputados galegos: Daniel Varela (PPdG), Rosa Miguélez (PSOE) e Ana Miranda (BNG).

Entre outros, tamén unha análise das recentes eleccións francesas (Enrique Sáez Ponte), unha reflexión sobre o intervencionismo estadounidense en América Latina (Xoán Anllo), e un artigo sobre a influencia de Internet e os seus riscos na configuración dunha sociedade democrática plural e global (Luís Pousa).

0 comentarios


Redacción - 11:15 26/06/2007

Caso Couso: máis de catro anos de escusas e unha morte sen resolver

O Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) publica un pequeno dossier coa información relacionada co Caso Couso nas últimas datas.

A morte de Xosé Couso está sen resolver. Mais non porque non saibamos quen foron os asasinos, confirmados polo propio Pentágono, senón porque as continuas escusas do bando culpable por xustificar a acción non deixan de sorprender á infatigable loita da súa familia por facer xustiza.

Os militares que estaban o 8 de abril de 2003 no tanque que disparou apuntando ao hotel Palestina, aseguraron que houbo disparos dun francotirador dende o propio hotel, que foi un acto de defensa, logo un tiro reflexo. Xosé Couso, despois de ser ferido, dixo que fora o tanque.

Un vídeo gravado pola cadea de televisión
France 3 dende o hotel amosa como se move a torreta do tanque en dirección ao hotel, levanta o canón e agarda polo menos dous minutos antes de disparar.

Xunto a José Couso morreu tamén o cámara ucraniano de
Reuters Taras Protsyuk e outros tres xornalistas da axencia resultaron feridos.

0 comentarios


Redacción - 10:41 22/06/2007

Por un Sáhara libre

Bandeira Sáhara "O Plan de Autonomía presentado por Marrocos non é nada máis nin nada menos que a imposición do feito consumado da ocupación e unha forma de levar á comunidade internacional a ser cómplice dunha manobra para confiscar os dereitos dun pobo a elixir o seu futuro"
Recomendámoslles a entrevista que a xornalista galega Aloia Álvarez Feáns lle fai a Brahim Gali, delegado da Fronte Polisario no Estado español. "Sobra dicir que o que padecemos os saharauís, o que levamos sufrindo 32 anos, é responsabilidade do Estado español", subliña Gali.

0 comentarios


Redacción - 10:20 15/06/2007

Acoso a un xornalista

Á caixa de correo chéganos a denuncia do Sindicato de Xornalistas de Galicia sobre a vergonzosa actitude contra un xornalista cántabro:


A FESP denuncia ao acoso a un xornalista por parte dun dirixente do PP
A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o SXG, denuncia o asedio xudicial que vén sufrindo nos últimos anos o xornalista cántabro Patxi Ibarrondo, ex director da desaparecida revista A Realidade, a instancias do ex secretario xeral do PP desa comunidade e ex presidente de Caixa Cantabria, Carlos Sáiz.

Ibarrondo foi condenado no seu día a indemnizar con 120.000 euros ao entón máximo dirixente do PP de Cantabria, por unhas informacións publicadas nesa revista que, aínda que eran certas, unha xuíz considerou que atentaban contra a súa honra.

Esa cantidade foi reducida posteriormente a 1.200 euros pola Audiencia Provincial, pero para esa data a revista viuse obrigada a pechar. Naquela época a lei permitía executar unha sentenza aínda que non fose firme -normativa que foi anulada despois-, polo que Sáinz solicitou esa medida e levou á publicación ao peche.

A tensión que sufriu Patxi Ibarrondo debido ao acoso ao que estaba sendo sometido provocou que en 2004 se lle diagnosticase a enfermidade de Parkinson. Foille concedida unha pensión por invalidez permanente, que é do que vive.

A xuíz Laura Cuevas embargara o 12% dos ingresos de PatxiIbarrondo. Recentemente, a instancias de Carlos Sáiz, embargou a totalidade da conta na que o xornalista recibe a súa pensión, o que lle deixa na miseria.

Desde a Xunta Executiva Federal da FeSP facemos un chamamento a toda a profesión xornalística, de xeito especial á Asociación da Prensa de Cantabria, para que mostre a súa solidariedade e axuda a un xornalista que atravesa por tan grave momento só porque decidiu exercer a súa profesión con independencia e converteuse en incómodo.

O que lle ocorreu a Ibarrondo é un claro ataque á liberdade de expresión e así debemos entendelo todos os xornalistas.

A FeSP ponse a disposición de Patxi Ibarrondo para calquera iniciativa que queira emprender en defensa da súa dignidade e encomendou aos seus servizos xurídicos que estuden as medidas a levar a cabo para frear este atropelo.

0 comentarios



Flickr

Mustafa Abdülcemil, líder do tártaros de Crimea Igrexa en Foros, ao sur de Crimea / Autor: HungryForester Koktobel, ao sur de Crimea / Autor: Ruslik Kefe / Autor: dlia_4erez_v Crimea / Autor: sergey.ring Crimea / Autor: sergey.ring2 Haspra / Autor: Argenberg Antiga cidade de Chersonesos, en Akyar/Sevastopol / Autor: Argenberg Balaklava / Autor: Lyncis

Del.icio.us