Nº7 Novembro 2009
Contacto
Era o ano 1843 cando o fomentador catalán Juan Goday instala na Illa de Arousa unha fábrica de salgadura. Anos máis tarde, ao longo dunha viaxe que o leva a pasar por Francia, coñece novas técnicas de conservación dos alimentos e, ó seu regreso decide montar na Illa de Arousa unha fábrica de conservas. Corría o ano 1879 e Goday estaba a poñer a semente da industria conserveira galega nun lugar eminentemente mariñeiro como era naqueles momentos históricos A Illa de Arousa.
As novidades que tiña esa nova fábrica eran:
1.- Como se indica nos estudos, inda inéditos na súa totalidade, feitos por Juán Martínez Casal en Notas para o Museo da Conserva (2005), non había unha idade mínima para comezar a traballar na fábrica, polo que era frecuente que nenas de 12 anos desempeñasen labores de auxiliar de empacadora. Tampouco existía unha idade máxima para a retirada, polo que con frecuencia se atopaban tamén mulleres maiores entre o persoal.
Juan Fernández Casal di ao respecto: “A idade mínima para entrar era sobre doce anos, cando xa a rapaza podía desempeñar traballos de servizos para empacadoras... Por outro lado tampouco se poñía límite á idade máxima pois unha muller, sempre que puidese empacar, non se limitaba a súa idade. Recordo unha señora do Monte chamada María..... e considerada como boa empacadora, na súa ficha figuraba como data de nacemento en 1888”.
2.- A fábrica de Conservas Goday está rehabilitada e forma parte da Rede de Turismo Cultural Galaico-Portuguesa como Centro de Interpretación da Conserva de Galicia. Na imaxe podedes vela antes da rehabilitación.
3.- Inda que vai progresivamente enchendo os seus contidos, o Centro de Interpretación de Conservas estase convertendo nun novo atractivo turístico e educativo para visitantes e escolares da comarca que, impulsados polo interese dos docentes e polo concello de A Illa de Arousa a través de campañas de promoción nos centros educativos, queren dar a coñecer aquela realidade das xentes galegas e do sector conserveiro.
-A páxina web do concello de A Illa de Arousa achéganos moitos máis datos sobre esta fábrica convertida en Museo con gran valor pedagóxico e didáctico.
-“A fábrica de Conservas Goday” é un libriño publicado polo concello de A Illa de Arousa que nos axudará a mellorar os nosos coñecementos sobre está fábrica.
-Como será unha visita a esta antiga fábrica de conservas?
-Museo da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas: ANFACO pódese realizar un interesante percorrido pola historia da industria conserveira dende os seus orixes.