Nº23 Febreiro 2008
Contacto
Dentro da zanfona resoan dez séculos de historia da música occidental. A orixe deste instrumento remóntase á Idade Media. Despois de gozar dunha época de esplendor entre trobadores e xograres nos séculos XII, XIII e XIII, a zanfona cae case en desuso, asociada só a cegos ambulantes, que malamente poderían tocar medianamente afinados, polo que pasou a ser un instrumento marxinal dentro da cultura popular. Pero, por outro lado, grazas a estes cegos mendicantes, puideron chegar algúns instrumentos aos nosos días, da man do gaiteiro e farmacéutico pontevedrés Perfecto Feijoo e, sobre todo, do avogado lugués Faustino Santalices, que fixo un loable traballo de investigación e recuperación.
Outro personaxe clave na recuperación da zanfona foi o construtor Antón Corral, aprendiz de Santalices no Taller-Escola de Instrumentos Galegos de Lugo, e que continuaría o seu labor na Universidade Popular de Vigo. Tamén foron importantes os poucos músicos que tocaban a zanfona nos anos 80, como Antón Seoane de Milladoiro ou Mini de Fuxan os Ventos. Eles mantiveron acesa a chama que nos anos 90 se avivaría con novos intérpretes e novos construtores.
Hoxe en día, novos músicos galegos intentan explorar as múltiples posibilidades do instrumento, creando novo repertorio e outros xeitos de interpretar. Desde hai uns anos, pódese aprender a tocar a zanfona tanto na Universidade Popular de Vigo, con Anxo Pintos, como no Conservatorio de Música Tradicional e Folk de Lalín, con Óscar Fernández.
En Galicia tócanse fundamentalmente dous tipos de zanfona: o modelo inspirado nas zanfonas tradicionais da Península e o modelo inspirado nas zanfonas contemporáneas (evolucións dos modelos tradicionais coas que se pretende ampliar as posibilidades do instrumento).
Aparte de diferenzas na morfoloxía, o máis destacable dos modelos contemporáneos é o uso do "can". ou "mosca", un bordón rítmico que lle aporta outra sonoridade ao instrumento. Hai músicos que se decantan por utilizar este modelo contemporáneo e outros que prefiren o tradicional.
Se queres estudar co modelo tradicional terás que ir á Universidade Popular. Se prefires aprender a técnica do "can", o mellor é que te matricules no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín.
-Preguntas máis frecuentes sobre a zanfona (afinación, coidados, como funciona, prezos...)
-Partes dunha zanfona
-Percorrido sonoro
-Entrevista a Germán Díaz (zanfonista)
-"O diaño e a mona", traballo de Xurxo Romaní coa zanfona
-Zona da zanfona, blog sobre o instrumento