Coa colaboración de Sogama

Nº12 Xuño 2010
Contacto

Bolsas de plástico? Mellor non

Acórdate a próxima vez que vaias a unha tenda e che dean unha bolsa de plástico: é un obxecto moi contaminante. Primeiro, polo seu proceso de elaboración e, segundo, polos problemas ambientais que causa unha vez que te desfagas dela. E, lamentablemente, cada un de nós usa centos delas todos os meses. Calcúlase que arredor de 500 millóns de bolsas de plástico pasan polas nosas mans cada ano só en Galicia! Seguro que podemos facer algo entre todos para virar a situación, non si?

 

O problema coas bolsas de plástico comeza polo propio proceso de fabricación. Dous compostos derivados do petróleo, o polietileno ou o polipropileno, son os que acotío se usan para a súa elaboración. Isto significa que facer as bolsas plásticas implica un alto consumo de enerxía e a liberación á atmosfera de elevadas cantidades de CO2 (aproximadamente catro gramos de CO2 por cada bolsa), agravando así o efecto invernadoiro e intervindo no cambio climático.

Nos últimos anos o peso das bolsas reduciuse até un 75%, de xeito que a súa propia febleza dificulta a reutilización como bolsas do lixo de uso doméstico. Seguro que viches a miúdo bolsas levadas polo vento en rúas, campos e bosques. O seguinte chanzo do problema: dado que tardan moito tempo (tardan séculos!) en desintegrarse, mentres, van depositando na terra e na auga os elementos contaminantes empregados na súa fabricación.

Especialmente grave é a súa presencia nos ríos ou no mar. Tartarugas, focas ou baleas son algunhas das especies comunmente afectadas e calcúlase que arredor de 100 mil animais mariños morren cada ano por este motivo. Nuns casos porque as inxiren confundíndoas con alimento e noutros porque, acumuladas nos fondos mariños, impiden o crecemento das algas que lles serven de sustento.

 

  • Reducir, reutilizar, reciclar. Hai que poñer en xogo os tres 'R' tamén neste caso. Os contedores amarelos son o destino das bolsas de plástico se de reciclaxe falamos. Mais os estudos din que apenas un 10% destas bolsas vai ao contedor amarelo. Por iso, o obxectivo debera ser reducir o seu uso ao mínimo.

  • Xa que logo, tomar conciencia, como consumidores, da dimensión do problema, é fundamental para solucionalo. Hai un feixe de alternativas que comezan por acostumarnos a cambiar os hábitos e reducir o uso das bolsas de plástico. Por exemplo, podemos reutilizalas, xa que son ben doadas de dobrar e gardar para calquera uso inesperado. Con todo, é preferible optar por bolsas de tela, de papel ou materiais biodegradables. E para transportar obxectos máis pesados, un carriño ou unha caixa de cartón pode ser ben máis cómodo

  • Na loita por cambiar o hábito da bolsa de plástico en todo o mundo estanse a impulsar iniciativas diversas: cobrar por esas bolsas, promover o uso de bolsas biodegradábeis, agasallar bolsas de tela, convidar a usar carriños da compra... Un exemplo é a campaña de Sogama baixo o lema "Teño moita vida", slogan que acompaña as bolsas de tea reutilizables que distribúe a Sociedade Galega de Medio Ambiente.


 

  • ...unha bolsa convencional ten unha vida útil de 15 minutos: o tempo medio que tardamos en levar a compra desde a tenda deica á casa. Pero no contorno pode tardar máis de 400 anos en descompoñerse, provocando graves danos no medio natural

  • ...un estudo da asociación ecoloxista Quercus atopou que pagar polas bolsas de plástico reduce o seu uso á metade naquelas tendas onde se aplica esta medida

  • ...o almidón de pataca ou a celulosa son exemplo de materiais a partir dos cales xa se están elaborando bolsas biodegradables que poden descompoñerse en apenas catro meses. O novo plan estatal de residuos ten como obxectivo que en 2015 cando menos o 70% das bolsas plásticas sexan substituídas por bolsas deste tipo, é dicir, que permitan a súa reciclaxe

  • ...poden parecer un obxecto moi habitual hoxe en día, pero hai apenas 40 anos que apareceron as bolsas de plástico. A súa facilidade de uso e o feito de que as tendas as ofrecesen de xeito gratuíto aos clientes axiña conseguiron que se popularizaran. Un hábito xa que logo moi recente que, entre todos, podemos cambiar

QUEN SON OS AUTORES DESTE TRABALLO

Vieiros