Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)
 

Baviera

Baviera
    Tradicionalista e católica, Baviera leva votando maioritariamente aos demócrata cristiáns do CSU -partido exclusivamente bávaro mais que colabora a nivel federal co CDU de Angela Merkel- dende 1946.

Os primeiros poboadores coñecidos de Baviera eran celtas, que foron conquistados por Roma ao comezo da nosa era. Entre os anos 488 e 520 a tribo xermánica dos bávaros, que lle deu nome ao país, asentouse na zona desprazando os romanos.

Nos séculos VII e VIII, Baviera foi cristianizada por monxes irlandeses e escoceses. No ano 788 Carlomagno incorporou Baviera no Imperio Carolinxio. No S.X pasou a formar parte do Sacro Imperio Romano.

En 1180 o emperador Frederico I deulle o territorio ao conde Otto de Wittelsbach, marcando o inicio da dinastía que gobernou Baviera até 1918. Os séculos seguintes estiveron marcados polas disputas internas, e en política exterior polas alianzas de cada momento.

En 1813, Baviera revélase contra Napoleón e únese á Confederación Xermánica contra el. Con este movemento consegue conservar a súa autonomía política e convértese no terceiro estado alemán máis grande tras Austria e Prusia.

Baviera colabora con Prusia na Guerra Franco-Xermana de 1870 e participa da creación do Imperio Alemán. A Constitución de 1871 asegúralle en troques maior independencia ca o resto dos estados constituíntes.

Ludwig II, rei de Baviera dende 1864, é declarado enfermo mental en 1886, acusado de gastar os cartos do país en proxectos extravagantes como o Castelo de Neuschwanstein, onde só empregou material e man de obra bávara. Os seus defensores considérano un símbolo e sosteñen que foi traizoado.

República independente
Poucos días despois da derrota alemá na I Guerra Mundial, en novembro de 1918, a revolución prende en diversas partes de Alemaña. En Baviera o rei é deposto e o día 22 dese mes proclámase a república independente.

Os socialistas, liderados por Kurt Eisner, controlan o Goberno. Mais este é asasinado por un monárquico o 21 de febreiro de 1919. Os comunistas, inspirados por Rusia, proclaman a República Soviética de Baviera o 7 de abril. Porén, o Exército derrótaos en maio.

Reinstáurase un goberno nacionalista panaxermánico, polo que o país volve ser un Estado alemán da coñecida como República de Weimar (a Alemaña de entreguerras).

En 1920 e 1921 hai dúas tentativas fracasadas de golpe de estado por parte de sectores da dereita. O movemento radical Partido Nacional Socialista téntao en 1923, e tamén fracasa.

O seu líder, Adolf Hitler, é condenado a cinco anos de cárcere. Só cumpre un, tempo no que escribe Mein Kampf ('A miña loita').

Cando os nazis acceden ao Goberno alemán en 1933, constrúen o seu primeiro campo de concentración en Baviera. Ademais, o país perde a súa independencia como estado.

Moitos bávaros apoian o nazismo e o conflito bélico en 1939, que foi presentado como unha campaña anticomunista. No entanto, nas áreas rurais hai un rexeitamento debido as políticas anticatólicas do réxime.

E en Múnic xurdiu o grupo Die Weiße Rose ('A Rosa Branca'), formado por estudantes universitarios e o seu profesor de filosofía, que até 1943 desenvolveron unha campaña panfletaria contra o nazismo.

Land alemán
Ao finalizar a II Guerra Mundial, o movemento nacionalista tentou conseguir o apoio dos EUA a un Estado bávaro independente, mais finalmente obtiveron unha autonomía diferenciada coa constitución de Alemaña Occidental.

No entanto, Baviera foi o único dos estados federados que a rexeitou en 1949. Dende entón, e salvo de 1950 a 1953 cando o Bayern Partei gobernou en coalición co SPD e co FDP, o partido demócrata-cristián liderou o Executivo.

A nacionalidade bávara está estabelecida na constitución do Estado Libre de Baviera. Ademais, na constitución federal sinálase que “Baviera é un estado legal, cultural e socialmente”.

O país ao igual que outros länder alemáns está representado na segunda cámara do Parlamento alemán, a Bundesrat, con seis dos seus 69 membros, proporcionais ao seu número de habitantes.

Datos básicos

  • NOME:
    Freistaat Bayern (Estado Libre de Baviera, nome oficial)
  • XENTILICIO:
    Bayerische/bávaro, bávara
  • SUPERFICIE:
    70.549 km cadrados
  • POBOACIÓN:
    12.492.658 (est. 2008)
  • REXIÓNS:
    Sete Regierungsbezirke (rexións): Oberbayern, Niederbayern, Oberpfalz, Oberfranken, Mittelfranken, Unterfranken e Schwaben
  • CAPITAL:
    München
  • OUTRAS CIDADES:
    Nürnberg, Augsburg, Regensburg, Würzburg

Política e Economía

  • ESTADO AO QUE PERTENCE:
    República Federal de Alemaña
  • AUTOGOBERNO:
    Constituído como 'Estado Libre'. Land con amplas competencias, incluída a concesión da nacionalidade bávara
    Landtag ou Parlamento (de 1946 a 1999, bicameral) e Goberno autónomos
  • PRESIDENTE:
    Horst Seehofer (CSU)
  • PARTIDO DE GOBERNO:
    Christlich-Soziale Union in Bayern (CSU, partido independente mais ligado á CDU), en coalición co FDP
  • REPRESENTACIÓN PARLAMENTARIA:
    CSU (autonomistas, conservadores: 92)
    SPD (Sozialdemokratische Partei Deutschlands, socialdemócratas: 39)
    FW (Freie Wähler, independentes, de dereita: 21)
    Bündnis 90/Die Grünen (ecoloxistas, de esquerda: 19)
    FDP (Freie Demokratische Partei, neoliberais: 16)
  • OUTRAS FORMACIÓNS:
    Bayern Partei: independentista, europeísta (importante historicamente)
    Eleccións 2008: 1,1% dos votos
  • PIB:
    O segundo máis alto do Estado, logo do Land Nordrhein-Westfalen
  • INDUSTRIA:
    equipos de alta tecnoloxía, transporte, electrónica, enxeñaría aeronáutica, turismo

Novas relacionadas

Europa, Terra de Pobos

Baviera: A Galiza soñada por Fraga

13:50 05/06/2009 - O xefe do Executivo galego entre 1989 e 2005 tivo no seu amigo o líder do CSU e presidente de Baviera, Franz-Josef...


Ver Baviera nun mapa máis grande

Lingua e Cultura

Bávaros Célebres


Fotos

Oktoberfest / Autor: StrudelMonkey Oktoberfest / Autor: a4gpa Münchner Kindlam, en Marienplatz / Autor: michis_0806 Seareiro do Bayern München / Autor: probek Castelo de Nürnberg / Autor: billbarber (very sporadic)

Todas as fotos | RSS


Fontes e máis información:
Citizendium | Enciclopedia Galega Universal | Encyclopædia Britannica | Eurolang | Eurominority | Europeana | Linguamón | Món Divers | Unión Europea | Wikipedia