Hai xente que seguirá dicindo que a Terra é plana aínda que a monten nunha nave espacial e a poñan a dar voltas e máis voltas arredor do planeta azul. Évos xente de principios… e que ten claros os fins. Cando hai unha oposición tan grande a entender ou asumir a evidencia mostrada por todos os estudos serios que se fan sobre unha materia, está claro que non interesa facelo. É o que adoita suceder cos monolingües nun idioma dominante (con perdón da redundancia, pois nas sociedades modernas raramente hai monolingües en idiomas dominados). Contra toda evidencia científica, sempre hai un grupo deles máis intransixente que sostén que aprender unha lingua minorizada é, dende unha perda de tempo, ata un risco para o cerebro, pasando por un impedimento para adquirir cabalmente outro idioma de maior prestixio.