Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE VERDEGAIA

O Concello de Compostela promove a plantación de especies invasoras

Malia defender iniciativas como a recuperación da selva negra para substituír os eucaliptos, continúan a sementar especies foráneas nos parques.

Redacción - 11:26 09/07/2010
Bambú. Orixe: China. Na foto vese empregada en obras públicas como agocho para un pozo de saneamento do mercado de Amio, na avda. de Asturias

Bambú. Orixe: China. Na foto vese empregada en obras públicas como agocho para un pozo de saneamento do mercado de Amio, na avda. de Asturias

En Compostela, como en Galiza, as especies invasoras (ou alóctonas) máis comúns seguen a ser o eucalipto, a acacia negra, a mimosa ou a robinia. Asemade, preocupa o avance do bambú, e os plumeiros ou, no caso das herbáceas, a orella de gato, o senecio ou os sombreiros. A meirande parte destas especies foron traídas de lonxe con intencións ornamentais, produtivas ou mesmo con pretendidas funcións construtivas nas obras públicas.

Porén, segundo denuncia o colectivo ecoloxista Verdegaia, hoxe son un problema ambiental grave “que haberá que afrontar, antes ou despois, cun grande esforzo e custe económico”. Entre outros males, as especies alóctonas contan cunha elevada capacidade para se dispersaren polo territorio, substituíndo outras especies propias dos ecosistemas galegos e minguando a nosa biodiversidade. En suma, iso leva á redución da calidade dos solos, ó risco de lumes ou de pragas, á desaparición da fauna e doutras plantas e, en definitiva, ao empobrecemento.

Políticas contraditorias: eliminación e promoción de especies foráneas a un tempo
No caso de Compostela, os ecoloxistas agradecen iniciativas que promoven a recuperación da fauna autóctona, mais denuncian outras accións que van na dirección contraria. No apartado positivo, felicitan á concellaría de Ambiente, que vén de acometer unha primeira fase de recuperación da selva negra para a eliminación dos eucaliptos e as acacias nun terreo de case 350 ferrados no Monte Pedroso. O obxectivo é recuperar aproximadamente sete mil pés de carballos e outras árbores autóctonas, que esmorecían esganadas polas invasoras.

Porén, no apartado negativo, denuncian outras iniciativas que levan a política ambiental do concello por vieiros encontrados. “Nos parques e vías públicas”, din, “hai mimosas, acacias negras, robinias, plumeiros, herba do coitelo, bambús e outras que se abonan, cavan e coidan con cartos públicos”. Asemade, denuncian que “obras novas co concello e doutras administracións tanto públicas como privadas son visadas polos departamentos municipais autorizando a planta de especies invasoras que figuran nos proxectos que solicitan a licenza, aínda figurando nos catálogos oficiais de especies perniciosas”.

En resposta, Verdegaia pide ao goberno municipal “que intensifique os proxectos de recuperación como o da selva negra; que elimine as invasoras que está a criar nos parques, xardíns e vías públicas; que inste á administración autonómica e estatal a facer o mesmo nos seus montes; e que encete proxectos de información e sensibilización para a cidadanía propietaria de fincas, hortas ou xardíns, para que muden a cultivos máis positivos para a nosa natureza”.


3.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Senecio ou edra alemá. Orixe: África do Sul. Na foto, gaveando por un valo nas hortas de Belvís. Clica para ampliar
Senecio ou edra alemá. Orixe: África do Sul. Na foto, gaveando por un valo nas hortas de Belvís. Clica para ampliar
Plumeiros ou herba da pampa. Orixe: América do Sul. Nesta foto, unhas das que fan parte do parque do Monte de Conxo. Clica para ampliar
Plumeiros ou herba da pampa. Orixe: América do Sul. Nesta foto, unhas das que fan parte do parque do Monte de Conxo. Clica para ampliar
Mimosas. Orixe: Australia e Tasmania. Na foto vese como árbore predominante no parque do Pozo da Neve en Meixonfrío. Imaxes: Verdegaia
Mimosas. Orixe: Australia e Tasmania. Na foto vese como árbore predominante no parque do Pozo da Neve en Meixonfrío. Imaxes: Verdegaia