Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LALÍN

A crise deixa en coiros a capital da moda

O principal municipio do Deza foi na década dos 90 un referente de industria téxtil no Estado Español. Hoxe a situación é ben diferente.

Redacción - 13:12 21/06/2010

Na década dos 90 a comarca do Deza, e máis concretamente Lalín, viviu o soño de ser a capital do téxtil. Empresas como Montoto, Florentino ou Toypes situábanse entre as máis punteiras do Estado Español no seu sector. Vinte anos despois, o sono tórnase en pesadelo: firmas en creba, traballadores na rúa e poucas expectativas de que a situación mellore a curto e medio prazo.

Un exemplo de esplendor e ocaso atopámolo en Montoto. En 1956, Fidel Montoto e Élida Rodríguez iniciaron unha modesta aventura empresarial fabricando pequenas cantidades de prendas que o propio patrón se encargaba de vender porta a porta por pequenas tendas de toda Galiza. A empresa foi medrando aos poucos e facéndose cada vez máis robusta.

Como todas as compañías familiares, os fillos fóronse incorporando ao negocio e a finais da década dos 80 Montoto era xa un dos motores empresariais da comarca do Deza, canda outras marcas moi coñecidas como era o caso de Florentino, Toypes ou Guerral.

Mais a crise económica, que comezou a mostrar as súas unllas en 2007, demostrou que o xigante Montoto tamén tiña pés de barro. A recesión económica coincidiu cunha empresa en plena fase de investimentos. A firma acababa de facer fortes investimentos en novas plantas en Lalín e mesmo en Bulgaria e tiña iniciado en 2005 unha etapa de expansión adquirindo empresas míticas do sector como a catalana Morgat. En total, perto de 600 traballadores (240 no Deza) dependían directamente de Montoto.

A caída das vendas, a escasa tesouraría e os créditos de investimentos aos que había que facer fronte puxeron a Montoto na corda frouxa. No outono de 2008 a empresa suspendía pagos e entraba nun laberíntico concurso de acreedores que lle custou o posto de traballo en Lalín a 110 persoas. En febreiro deste ano a firma saía oficialmente do concurso, coa axuda pública, cun plan de viabilidade até 2014 que, en teoría, garantia o futuro de 130 traballadores.

Cando aínda non pasaran catro meses da saída do túnel a familia propietaria anunciou a súa intención de vender a firma ao non ver forma de facturar os dez millóns de euros anuais que se contemplaba no plan de viabilidade. A incertidume e a sombra dun peche volveu á comarca do Deza.

Florentino e a ordense Viriato (histórica rival de Montoto) amosaron o seu interese pola compra. Agora, o enredo continúa e a falta dun novo propietario, os representantes dos traballadores sinalan que se sinten enganados e, por se faltase intriga, incluso apuntan posíbeis espionaxes empresariais. De feito, queren que a Xunta aclare quen permitou que representantes de Viriato tivesen acceso a “información confidencial” de Montoto (clientes, fichas de coleccións...)

Mentres non se aclara o futuro de Montoto, Lalín está moi lonxe de ser aquel oase da industria téxtil que semellaba na década dos 90. Polo camiño quedaron centos de postos de traballo e un futuro incerto para os que quedan.


4,67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dende a década dos 90, Montoto era unha das empresas punteiras no sector do punto a nivel estatal
Dende a década dos 90, Montoto era unha das empresas punteiras no sector do punto a nivel estatal
O sector téxtil é un dos motores económicos do concello dezao
O sector téxtil é un dos motores económicos do concello dezao