Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE VERDEGAIA

A Xunta oculta información sobre as emisións das estacións industriais

Deixou de divulgar datos dos centros de medición das concentracións de contaminantes atmosféricos na contorna de Alcoa, Ence ou Finsa.

Redacción - 12:55 16/06/2010
Os últimos datos coñecidos da planta de Ence en Pontevedra superaba os valores límite legais de emisións

Os últimos datos coñecidos da planta de Ence en Pontevedra superaba os valores límite legais de emisións

En Galiza, 63 estacións industriais miden as concentracións de contaminantes atmosféricos no aire na contorna de diferentes industrias. Porén, nos últimos anos, a Xunta deixou de informar sobre os valores que rexistran: das 50 estacións con datos públicos que se coñecían en 2006 pasouse a 19 en 2007, a 18 en 2008 e a 29 en 2009.

Nas industrias máis contaminantes
Verdegaia denuncia que a Consellaría de Medio Ambiente “non vela adecuadamente polo bo funcionamento e a difusión desta información” e acusa o goberno de ocultar información interesadamente dalgunhas estacións industriais concretas: entre as estacións para as que se deixaron de divulgar datos figuran as situadas nas proximidades de Alcoa-San Cibrao, Ence e Finsa-Santiago, nas que “en 2006 se superaran valores límite legais para polo menos un contaminante atmosférico”.

Ademais, no último ano non se divulgou nin un só dato das estacións situadas preto da central térmica de Sabón (Gas Natural-Unión Fenosa), de Cementos Cosmos (Sarria), de Ferroatlántica-Sabón, de Ferroatlántica-Dumbria, de Materiales del Atlántico (Narón) e de Sogama (Cerceda).

Deficiente vixilancia do aire
Tamén lamentan a pouca utilidade destas estacións, un extremo que mesmo confirmou a propia Xunta a resultas dunha queixa presentada por Verdegaia perante o Valedor do Pobo. A Consellaría afirma que para “moitas” estacións, “os datos obtidos non son válidos para o control da saúde humana” e só serven para alertar de “grandes emisións”.

En consecuencia, os ecoloxistas denuncian a deficiente vixilancia da calidade do aire na contorna do conxunto das industrias máis contaminantes de Galiza, o que “non permite comprobar en moitos casos o cumprimento dos valores límite para a protección da saúde humana estabelecidos na lexislación”. Finalmente, exixen á Xunta que vele polo bo funcionamento das estacións industriais e que difunda a través da súa web os datos sobre a calidade do aire en tempo real, como xa fai para as estacións urbanas dende o ano pasado.


Ligazóns

4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: